A Monarquía non é neutral

A aprobación polo Parlament catalán dunha declaración a prol da abolición da Monarquía e máis a recente enquisa de Público (que reflectiu maioría a prol da República en Galicia, Asturies, Catalunya, Euskadi, Nafarroa, País Valencià e les Illes) volve pór no foco a cuestión da lexitimidade da Monarquía.

A Institución monárquica foi reinstaurada na dinastía dos Borbóns polo réxime  de facto do xeneral Franco, mais esta evidente falla de lexitimidade de orixe foi, de primeiras, subsanada pola ratificación democrática no referéndum constitucional de 1978. Claro é que non se consultou específicamente pola Monarquía, que foi votada en conxunto ao xeito de “lo toma o lo deja”. O propio Adolfo Suárez recoñeceu que non se convocou un referéndum Monarquía vs República porque contaban perdelo. Para máis, pasaron xa 40 anos, e somos  maioría, ben superior ao 70%, os que por razóns de idade non puidemos votar a Constitución.

Canto á lexitimidade de exercicio, a operación Rajoy-Rubalcaba do bipartidismo dinástico para salvar a Monarquía na primavera do 2014 substituiu a queimada imaxe do hoxe emérito pola dun xefe de estado seica abondo preparado. Mais , despois de máis de catro anos de mandato, El Rei convence moito máis aos uns ca aos outros.

Ao longo deste tempo, Filipe de Borbón e Grecia non asumiu a necesidade de alongar o apoio social á Monarquía. Mais ben coidou ben os seus acenos para proxectar unha imaxe unívoca da cidadanía española, da cidadanía monárquica. Unha imaxe unilingüe, uninacional e moi achegada á cosmovisión das dereitas.

Porque Filipe VI non tivo un aceno nestes catro anos e medio de mínima sensibilidade cara aos damnificados pola Grande Depresión. Non demostrou a súa preocupación a respecto dunha desigualdade que avanzou substancialmente nestes anos.

Aliñado contra a plurinacionalidade española, o actual xefe do estado escolleu bando cando optou pola dura intolerancia fronte Catalunya do seu discurso do 3-Ou. Un discurso escollido pola Casa Real sen a intervención de Rajoy-é dicir, escollido polo Deep State- na que non houbo uso ningún do catalán, nin concesión ningunha  ao diálogo. Hai un ano, en outubro de 2017, o Borbón escolleu ser rei de parte.

O Rei Filipe amosou un xorne ben máis autoritario, españolista e aristocrático ca o do seu pai, o rei emérito. A Monarquía non é unha Institución neutral. E esta convicción cidadá vai ser moi difícil que  este Rei poida superala.

Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.