A morte do 'Juancarlismo'

O rei emérito, Juan Carlos de Borbón, nun acto relacionado coas regatas en Sanxenxo no ano 2017 CC-BY-SA Xunta

Para as persoas que participamos na resistencia antifranquista e que defendimos – a partir de 1976 – a instauración dunha forma de Estado republicana, o que está sucedendo co anterior xefe do Estado causa unha grande sorpresa porque, seguramente, non entraba nas previsións de quen profesaba as conviccións mais intensamente antimonárquicas. Naqueles momentos iniciais do posfranquismo, as reivindicacións republicanas – mesmo aquelas que se postulaban mediante a demanda dun referendo específico sobre a materia – non semellaban ter os apoios maioritarios que desexaban moitos dos activistas organizados durante o franquismo. Aínda que non se coñecían estudos demoscópicos sobre esta cuestión, sabíase cal era a posición das equipas dirixentes dunha boa parte das organizacións políticas ilegalizadas pola ditadura de Franco: PSOE, PCE, CiU e PNV aceptaron – con distintos argumentos – que a monarquía encarnada na figura de Juan Carlos de Borbón formase parte da nova arquitectura constitucional que se someteu a consulta popular en decembro de 1978.

Durante varias décadas, o republicanismo ficou reducido, practicamente, ás celebracións anuais simbólicas do 14 de Abril, protagonizadas por grupos e asociacións que vivían na periferia do sistema político dominante

Durante varias décadas, o republicanismo ficou reducido, practicamente, ás celebracións anuais simbólicas do 14 de Abril, protagonizadas por grupos e asociacións que vivían na periferia do sistema político dominante. O “juancarlismo” consolidaba a súa hexemonía grazas á lexitimidade outorgada por unha boa parte da oposición antifranquista e apoiado nos relatos apoloxéticos dos poderes económicos e mediáticos que gardaban silencio – cunha fidelidade cómplice digna de mellor causa – sobre calquera suceso que puidera cuestionar o mito do “Rei construtor da democracia”.

Juan Carlos de Borbón, chegando á entrega duns premios náuticos en Sanxenxo CC-BY-SA Xunta

A erosión da “lexitimidade juancarlista” derivaba, sobre todo, do progresivo coñecemento das prácticas corruptas rexistradas durante o seu mandato como xefe do Estado. Nos segmentos poboacionais inferiores aos 40 anos e nos corpos sociais de Pais Vasco e de Cataluña habitarían as expresións mais críticas sobre o statu quo monárquico

O relevo de Juan Carlos polo seu fillo no ano 2014 revelou que estabamos asistindo a unha crise importante na reputación da monarquía española. A erosión da “lexitimidade juancarlista” derivaba, sobre todo, do progresivo coñecemento das prácticas corruptas rexistradas durante o seu mandato como xefe do Estado. Os cambios operados – nesa segunda década do presente século – no cadro político xeral, aceleraron a velocidade da retirada do primeiro plano institucional. Dúas das forzas asinantes do pacto constitucional – o PCE e CiU – mudaron substantivamente a súa posición: nun caso pola recomposición do espazo á esquerda do PSOE como consecuencia da aparición de Podemos e no caso das formacións nacionalistas catalás herdeiras do “pujolismo” pola asunción de postulados independentistas que fican fora da lóxica constitucional.

A pesar de que, nos últimos anos, o CIS non quere realizar enquisas específicas sobre o estado de opinión presente na cidadanía a respecto da historia recente da institución monárquica, existen algunhas estimacións aproximadas que sinalan unha dupla ruptura xeracional e territorial. Nos segmentos poboacionais inferiores aos 40 anos e nos corpos sociais de Pais Vasco e de Cataluña habitarían as expresións mais críticas sobre o statu quo monárquico e, xa que logo, un maior potencial de apoios a fórmulas republicanas alternativas.

Para reducir a erosión reputacional que está padecendo a institución monárquica serían necesarias un conxunto de medidas que, polo momento, non figuran na axenda da actual Casa Real

Para reducir a erosión reputacional que está padecendo a institución monárquica serían necesarias un conxunto de medidas que, polo momento, non figuran na axenda da actual Casa Real: retirada de todos os atributos honoríficos e protocolarios que aínda posúe Juan Carlos de Borbón, eliminación da inviolabilidade para todos aqueles actos que non están asociados ao rol da xefatura do Estado, establecemento dunha normativa que asegure a total transparencia no uso dos recursos públicos por parte das persoas integrantes da devandita Casa Real, levar a cabo unha investigación parlamentaria que permita substanciar as responsabilidades políticas derivadas do mandato do anterior Rei...

Juan Carlos de Borbón no seu último acto oficial en Galicia xa como rei emérito ao recoller en marzo de 2018 o título de Embaixador do Camiño CC-BY-SA Xunta de Galicia

Mentres os dirixentes do PSOE non muden a posición estrutural que adoptaron en 1978, non existirá unha maioría parlamentaria capaz de reparar as graves anomalías antidemocráticas rexistradas nas últimas décadas de “juancarlismo”

Mentres os dirixentes do PSOE non muden a posición estrutural que adoptaron en 1978, non existirá unha maioría parlamentaria capaz de reparar as graves anomalías antidemocráticas rexistradas nas últimas décadas de “juancarlismo”. Dende este punto de vista, resultan absolutamente cínicos os ataques realizados pola dereita política (PP, Vox) e mediática contra o actual presidente do goberno español en base a unha presunta complicidade coas opcións políticas expresamente republicanas. Os sectores conservadores deberían recoñecer publicamente que grazas á posición política defendida por Felipe González, Zapatero, Rubalcaba e Pedro Sánchez a Monarquía española logrou sobrevivir a todos os escándalos que agora coñecemos.

A destrución da lexitimidade “juancarlista” - construída, no seu momento, sobre a renuncia aos plans previamente deseñados polo réxime de Franco – suscita unha interrogante moi relevante de cara ás vindeiras décadas: resultará viábel consolidar, sobre bases parcialmente revisadas, a lexitimidade de Felipe VI como titular da continuidade monárquica? Será posíbel – a diferenza do sucedido hai 40 anos – un pronunciamento específico da cidadanía a respecto da forma de Estado?

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.