A morte tiña un prezo (o custe económico da guerra)

Que os asuntos económicos adoitan estar detrás das guerras (como doutros crimes) non é cousa que se lle escape a case ninguén, pero non sempre somos conscientes de ata que punto a internalización de beneficios por parte duns poucos acaba na socialización de custos para a maioría, nin da disparatada dilapidación de recursos públicos que se require para lograr esas ganancias privadas. O dixo o León Gieco “dosmil comerían por un año, por el precio de una bomba al mar”, pero quedouse corto.

Sirva de exemplo a guerra de Iraq. A última actualización, en abril de 2015 do informe “Os custos das Guerras” realizado pola Universidade de Brown cifra o gasto do goberno dos Estados Unidos en 4,4 billóns de dólares, que inclúen asignacións directas do Congreso, aumentos do orzamento do Pentágono relacionados coa guerra, pensións e coidados para os veteranos incluídas as futuras obrigacións, aumentos no gasto en seguridade interna, gastos en asistencia exterior e intereses dos préstamos que financiaron a guerra. Sumados os pagos de intereses ate 2053 a factura ascenderá a case 8 billóns de dólares. Isto, non obstante, non inclúe todos os gastos relacionados coa guerra. Non inclúe, por exemplo, o custo de oportunidade (a diferenza co que terían rendido os usos alternativos deses cartos), os gastos de gobernos locais ou dos estados, os de axentes privados ou o aumento dos tipos de interese.

Tal vez isto último lle pareza, no conxunto dos custos, unha fruslería, pero non o é. En 2003 os tipos de interese dos EE.UU. estaban no 1% a fin de estimular o investimento e recuperar a economía do estalido das punto com. Sen embargo, precisamente o endebedamento da economía norteamericana para financiar as guerras de Iraq e Afganistán (si, foron na súa totalidade a crédito) obrigou a elevar os tipos de interese ate o 5% en 2006. Os impagos comezaron a sucederse, os prezos dos inmobles inverteron a súa tendencia e estoupou a burbulla inmobiliaria. O resto xa o sabemos. Non podemos atribuír ás guerras de Iraq e Afganistán a enteira responsabilidade da crise, nin tampouco obviar quen dinamitou a economía.

A débeda pública norteamericana pasou de 6 a 16 billóns de dólares, pero os beneficios foron a mans privadas a través fundamentalmente de gastos vinculados á ocupación e á reconstrución, concesións de campos petrolíferos e compras militares. O Center for Public Integrity (organización xornalística non lucrativa con sede en Washington) ten recopilado a información dos contratos outorgados polo goberno norteamericano durante as guerras de Iraq e Afganistán. Si nos fixamos nas 5 empresas máis beneficiadas por contratos de emerxencia a través da USAID, a primeira delas sería Halliburton Company (a través de Kellogg Brown & Root) que logrou negocios en Iraq e Afganistán por valor de 11.431 millóns de dólares. Só en marzo de 2003, e despois de asignar outros contratos menores mediante concurso público, USAID outorgou directamente un contrato a Halliburton por 4.800 millóns de dólares por reabrir e operar o único porto de augas profundas de Iraq, que é o de Umm al Qasr. Esta empresa fora dirixida de 1995 ate a súa entrada no goberno Bush por Dick Cheney. En orde decrecente de ingresos seguenlle, Parson Engineering, que logrou contratos por valor de 5.286 M $, Fluor Corp. 3.755, Washington Gruop International por valor de 3.133 e Shaw Group por valor de 3.051.

Un segundo e atractivo campo para a emprenditorialidade dos invasores foron os campos petrolíferos. Iraq posuía as segundas maiores reservas de petróleo mundiais, pero dos 70 campos petrolíferos so 15 estaban sendo explotados. Dado que a supervisión de todas as explotacións lle correspondía á Compañía Nacional de Petróleo de Iraq, acordouse un sutil cambio lexislativo no que o ámbito de actuación desta Compañía se limitaba aos “campos existentes”. Todos os novos foron outorgados a Exxon, Shell, BP e, por suposto, Chevron, en cuxo consello de administración participara Condolezza Rice. Actualmente estas empresas dominan a produción de petróleo iraquí.

Queda, por último, un destacado grupo de beneficiarios formado pola industria militar e encabezado por empresas como General Dynamics (entre cuxos directivos estaba Donald Rumsfeld), Lockheed Martin ou Boing, quen se beneficiaron da extraordinaria expansión do gasto militar nos anos que seguiron ao inicio da guerra.

Iraq e Afganistán foron os dous primeiros chanzos dun plan (público por outro lado e previo 11S) de “democratizar” os países de oriente medio. Quere dicirse de dotalos de liberdade de mercado ou, en termos máis prosaicos, de amplas posibilidades de explotación por parte das multinacionais das potencias dominantes. As ramificacións do conflito provocado chegan ate Bataclan, nunha longa listas de danos “colaterais” que inclúe, entre outros, os centos de miles de falecidos nas diversas confrontacións en oriente medio, os millóns de desprazados e refuxiados, os ataques terroristas a ambos lados do Mediterráneo e aínda un longo etcétera. Nada disto exime de responsabilidade aos que tiran do gatillo, aos que os financian e aos que os apoian, so pon branco sobre negro as contas do sangue vertido.

En definitiva, a ganancia dos contratistas fíxose a un custo socializado do desbalde fiscal do estado, do estalido da peor crise económico financeira do século, de varias crises humanitarias, do recorte de liberdades e dereitos nos países occidentais e dun brutal incremento da violencia en Oriente e Occidente. Neste momento no que Hollande repite paso a paso a estratexia de Bush, lanzándose a unha nova guerra e no que outros ocorrentes poderían estar tentados de seguilo (Alemaña acaba de ofrecerse), compre lembrar que a guerra ten un prezo que imos a pagar os de a pé.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.