Ese leite que non pode ser estatal si pode, pola contra, ser autonómico. Por que enigmático motivo?
Nun xornal galego podíase ler hai pouco o seguinte titular: “La industria láctea gallega ya transforma dos tercios de la producción autonómica”. Unha persoa que teña tanto tempo como para perdelo neste tipo de detalles irrelevantes podería preguntarse se sería imaxinábel estoutro titular: “A industria láctea española xa transforma dous terzos da produción estatal”. A resposta é sabida: no canto de “produción estatal” atopariamos “produción nacional”. Por que? Porque, nun sistema capitalista comme il faut, as vacas non poden acceder á condición de empregadas públicas, e porque España é unha nación desde, polo menos, o Precámbrico. Pero ese leite que non pode ser estatal si pode, pola contra, ser autonómico. Por que enigmático motivo?
O Estado é un concepto basicamente xurídico. Pero cando se trata da nación, nin sequera a ciencia social ten unha resposta clara
Para intentarmos comprender este desconcertante fenómeno –intento falido, como se verá– debemos empezar por constatar que utilizamos os conceptos de Estado e nación con tanta frecuencia que mesmo parecería que sabemos o que significan. Pero unha reflexión máis demorada revélanos que é un asunto moitísimo máis revirado do que semella prima facie. En termos moi simplificados, cando falamos do Estado aínda cremos ver con relativa claridade que estamos ante as normas e as institucións de que se dota a poboación dun territorio soberano para organizarse politicamente e actuar tamén no plano internacional. Para entendernos: o Estado é un concepto basicamente xurídico.
Pero cando se trata da nación, nin sequera a ciencia social ten unha resposta clara. Por unha banda, na tradición cívica apélase á vontade cidadá de formar unha comunidade por riba das diferenzas. En Suíza, por exemplo, un país composto por catro zonas lingüísticas, adóitase utilizar, neste sentido, a idea da Willensnation. Na tradición organicista, pola contra, recórrese á historia e á cultura para atopar a nación alí onde unha poboación comparte unha serie de trazos. Entre nós, por exemplo, moitas persoas afirman sen pestanexar que Galiza é unha nación porque ten unha lingua de seu.
En consecuencia, cando nos referimos ao Estado estamos aludindo á súa organización institucional, política e administrativa. No seo dun Estado, polo tanto, é posíbel que convivan varias comunidades nacionais, ningunha das cales, obviamente, estará dotada dun Estado soberano propio. Pero esas comunidades teñen a miúdo unha historia, unha lingua, unha cultura, unhas tradicións e uns costumes, como sería o caso de Galiza, ou mesmo amosan, a maiores, unha inequívoca vontade colectiva de afirmárense como nacións, como sucede en Cataluña. Estas nacións sen Estado dótanse con frecuencia dunha estrutura política de autogoberno no marco dunha gobernanza multinivel.
Entendermos un modelo non equivale a coñecermos a realidade que ese modelo simplifica. A realidade, por desgraza, raramente se deixa privar das súas incómodas complicacións. A nosa realidade, por suposto, tampouco
Esta introdución esquemática non debe chamarnos a engano. Para empezar, o seu esforzado autor posúe un coñecemento da materia que ten algo de lucida aparencia. Nisto, todo hai que dicilo, non se distingue de moitos autores que sobre isto matinan e mesmo pontifican. Ademais, non debemos perder de vista que, para comprendermos as realidades complexas, os modelos (como o das tradicións cívica e organicista a que aludimos) son imprescindíbeis pero non suficientes; ou, con outras palabras, que entendermos un modelo non equivale a coñecermos a realidade que ese modelo simplifica. A realidade, por desgraza, raramente se deixa privar das súas incómodas complicacións. A nosa realidade, por suposto, tampouco.