A necedade, o ruido e a furia

Liang © Paru Ramesh

A sinéad o’connor, in memoriam

 

-“Manteñan á filosofía fóra da reflexión sobre a actual situación pandémica”-; iso cheguei a escoitar durante o confinamento pandémico por mór da Covid-19.

-“Son os científicos e é a ciencia quen debe xestionar (sic) este problema-, cheguei a escoitar tamén a algún autoencumbrado que xamais na súa vida lera ou destilara un paper científico na súa vida ou que xamais fixera investigación aplicada en ningún laboratorio. 

-“É o momento de ter “sentido de estado” (sic) e apelar á “responsabilidade cidadá” (sic)-, escoitaba isto constantemente cada día na rúa, en ton solemne, da mesmísima boca do carniceiro. E a letanía seguía martillándonos o caletre e os ouvidos día tras día en prensa dixital, prensa escrita, podcasts, watsaps e ata e-mails. 

De repente, a través dos corpos da nosa benquerida xente do común comenzaron a brotar aliens con ínfulas de pedagogos e homes de estado: o principio de realidade, o relato, xa estaba aceptado: os cidadáns debíamos ficar prudente e responsablemente nas nosas casas, mais a ninguén se lle ocorreu reflexionar sobre as causas reais do desbordamento do noso sistema sanitario ante a epidemia da covid nin sobre o grado de seguridade sanitaria do que dispoñemos realmente no noso mal chamado estado do benestar en situacións que, como aquela, poderían ser emerxencias sanitarias controlables sen necesidade de intervir na vida cotiá da sociedade civil. 

Miles e miles de cidadáns super concienciados saían ás súas fiestras á tarde-noite para dedicar milleiros de aplausos aos nosos heroes e heroínas: aqueles que ignoraron por completo durante máis de dez anos cada vez que lles falaban da precariedade estructural dos seus traballos como profesionais do ente sanitario público. Qué enternecedor. Qué lirismo colectivo.

As máscaras na rúa. As miradas furtivas. As frases efectistas: “Sairemos máis fortes desta crise”. “Eu fico en casa”. Marabilloso, enternecedor, unha pandemia de responsabilidade colectiva estaba asolando á narcisista cultura cotiá do capitalismo senil televisado just in time por redes, tv dixital, radio, prensa escrita e cotilleos globalizados vía wathsapp. Mais, ¡ai!, a ninguén se lle ocurriu sair á rúa respetando as distancias e as máscaras de rigor para levantar as mans contra o ceo administrativo da contención victoriana do gasto público en camas, enfermeiras, auxiliares de enfermeira, especialistas, auxiliares administrativos, celadores, personal de servizos xerais, atención primaria ou a mesma estructura de I-D-I sanitario. 

Por tódalas esquinas comezou a brotar unha inusual preocupación pola saúde mental do cidadán do común. De repente, tras décadas e décadas de precarización progresiva dos contratos de traballo e de depreciación continuada dos salarios en relación a un custe de vida que se disparaba proporcionalmente moito máis que as subas do SMI, comezamos a ser empáticos coa saúde mental allea vinculando ésta co estado de excepción decretado pola crise pandémica. 

Jo, pero qué enternecedor, hai que ver canto aprendo destes tertulianos da cousa mental, mascullaba eu dende o meu cuarto de enfermo mental de probado pedigrí, premiado cun premio á santa paciencia polos meus psiquiatras e con experiencia cum laude en todo tipo de terapias e medicación público-privada para paliar a ansiedade vital de galego con inclinacións libertarias e síndrome de Ulises perpetuo. 

En ningún momento ocorreusenos reflexionar, como sociedade, durante o confinamento, sobre o vínculo entre saúde mental e exclusión socio-laboral ou empobrecemento progresivo das condicións de vida. Décadas de experiencia vital nas que aprendes intuitivamente a dar por feito ese vínculo entre loucura e exclusión social, décadas nas que observas por tódolos lados historias moi semellantes de persoas aparentemente normais que rematan as súas vidas na máis execrable nada: totalmente illados das súas tradicionais redes de apoio, amigos, parellas, compañeiros e familia, debido ao efecto distanciamento das redes de afecto que produce o paro estructural, e de repente caes na conta de que persoas ás que levas máis de dez ou quince anos de experiencia vital nesta tolemia de mundo tratan de darche leccions sobre saúde mental despois de estar máis de dúas décadas procurando desesperadamente a túa ata debaixo das pedras. Enternecedor: 

O caso é que ahí estaba a locomotora do discurso público entrando en ósmose e en tempo real a través de tódolos medios -que non son poucos- de reproducción técnica da mesaxe habidos e por haber da península ibérica, e os nosos benqueridos cidadáns concienciados por ahí estaban tamén tragando tódalas sombras proxectadas sobre o espello do logos público, asistindo en tempo real a unha analfabetización política sin precedentes dos poderes públicos e da prensa escrita, que xamais foi quen de enchufar a variable memoria durante o pánico e facerse unha pregunta tan vital coma sinxela: ¿Cómo e porqué chegamos ata aquí?, ¿existen responsabilidades históricas na fraxilidade financeira do ente sanitario ou é sinxelamente unha azarosa catástrofe sanitaria incontrolable?. O logos público estaba totalmente secuestrado dende o público e dende o privado, mais todos estábamos convencidos de que, a día de hoxe, pasada xa aquela circunstancia que ía a facer de nós, disque, mellores persoas e cidadáns, coa morte en serie de tódolos nosos maiores -a máis prezada fonte de sabedoría e memoria colectiva da que dispón un pobo- pisando os talóns das nosas conciencias e morrendo en solitario nas súas habitacións, tódolos problemas ocultos durante décadas de adelgazamento, destrucción e desinversión da parte esquerda do estado do benestar non volverían a asomar ao final do túnel.

Ben, estamos no final do túnel. E velaquí os temos, sí, aos nosos problemas comúns, os problemas das xentes máis ben humildes, máis ben traballadoras, e sí, porque non decilo, máis ben pobres. Aquí están de novo eses problemas, frescos, lozáns, con gañas de seguir preocupando as vidas cotiás de todos aqueles tertulianos opinadores de todo e coñecedores de nada que, durante a pandemia, non dudaban, cómico e absurdo paradoxo, en confiar na tecno-utopía dun perfectísimo goberno estatal gobernado por perfectísimos técnicos da cousa pública pedindo á súa vez consello a perfectísimos epidemiólogos. 

Toda pretensión de preocupación pola seguridade -laboral, educativa, sanitaria, enerxética, alimentaria, sexual e reproductiva- seguirá sendo estéril se a ciencia se divorcia da ética e se ésta non se conxuga en primeira do plural, robustecendo o logos público da constante contaminación lingüística da xerga neoliberal

Enténdase: ninguén dubida aquí da necesidade de imputs de ciencia e tecnoloxía na nosa cotidianeidade, mais quen marcou horizontes e límites onte, hoxe e mañá á suposta inapelabilidade das gobernanzas técnicas foi, é e seguirá sendo a empatía, a mesura e o sentido da proporción -en definitiva, a razón- na ponderación entre dereitos universais adquiridos, necesidades reais para garantizalos e financiación necesaria para facelos efectivos. Toda pretensión de preocupación pola seguridade -laboral, educativa, sanitaria, enerxética, alimentaria, sexual e reproductiva- seguirá sendo estéril se a ciencia se divorcia da ética e se ésta non se conxuga en primeira do plural, robustecendo o logos público da constante contaminación lingüística da xerga neoliberal. 

O primeiro susto xa pasou, mais estou seguro de que virán mais. Despois do schock, naquela península reinada por Felipe sexto o breve, a maior parte dos seus habitantes, ávidos de ocio e consumo, e a maior parte dos seus cargos políticos, ávidos de recoñecemento, autoenganáronse coa ilusión de que, centrándose nun só problema, pregoando unha gobernanza de técnicos para situación de urxencia, a crecente envergadura dos problemas non solucionados parecería menor á volta da esquina. 

Trabucáronse. Mais conta a lenda, caro diario, que unha gargallada cavernosa ecoou dende o ceo cara abaixo cando cidadans e gobernantes caeron da burra. As malas linguas din que foi unha burla de Deus proferida ás súas criaturas pola súa clausura da memoria colectiva e por obsesionarse por cómo solucionar unha circunstancia sen preguntarse polas causas históricas e os responsables da mesma. 

Mais non me fagas moito caso, caro diario: xa sabes que isto son só lenda, e as lendas, lendas son. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.