Unha das características da falla de madurez e calidade da democracia no Estado español é a falla de entendemento a respecto das coalicións de goberno. En concreto, no noso País, sempre sobranceou a teima do antigo presidente Núñez Feijóo contra as solucións coaligadas de goberno, alcumándoas como “unións de perdedores”. Diríase que polo feito de obter un voto máis, un concelleiro máis, un deputado máis a forza máis votada adquire a lexitimidade precisa para formar goberno.
E non hai tal. O noso sistema, no Parlamento de Galicia, nas Cortes do Estado e nos concellos é un sistema proporcional (fortemente corrixido pola inxusta lei D´Hondt e polos mínimos do 5% de voto) onde non se escolle directamente un alcalde ou un persidente, senón un conxunto de concelleiros ou deputados que despois votarán por un alcalde ou presidente que formará un goberno. Velaí que, diante da ausencia dunha maioría absoluta, as persoas eleitas non teñan outra que pescudar todas as posibilidades para que ese goberno se dea. Poderán optar por deixar gobernar en minoría á forza máis votada ou por pactar unha maioría alternativa se dúas ou máis forzas suman os seus esforzos arredor dun programa de goberno que xere unha síntese integradora dos propios programas dos partidos que dan orixe a esa maioría.
Velaí a praxe cotíán da meirande parte das democracias europeas...Suecia, Dinamarca, Finlandia, Italia, os Países Baixos, Bélxica, Escocia, o goberno federal alemán e os gobernos dos lander alemáns...O menos común na Europa democrática son os gobernos dun único partido.
En realidade o problema do PP é que na Galicia non ten socio de goberno posíbel, porque a nosa cidadanía tivo o bo criterio até de agora de afastar Vox das nosas Institucións. Entón, cada vez que hai eleccións locais o PP adoece de ciumes diante do entendemento (sempre mellorábel, sempre perfectíbel) de nacionalistas e socialistas que afasta ao PP (canda as maiorías locais de Narón e Oleiros e a enxurrada de Abel Caballero en Vigo) de nove dos dez principais gobernos locais da Galicia.
Porén, hai liñas vermellas tamén para as coalicións de goberno. As que pactan partillalo con organizacións contrarias aos valores liberais e democráticos, aos valores da igualdade entre sexos e da memoria democrática. Neste senso, as futuras coalicións de goberno local e autonómico entre o PP e Vox carecen da precisa lexitimidade democrática, porque Vox arela substituir estes valores liberais e democráticos polo seu extremismo machista, xenófobo e galegófobo, pola desigualdade e pola inequidade social.