Europa, Asia, América; a extrema dereita avanza conquistando posicións de goberno, ampliando control institucional e definindo axendas políticas; un escenario que até non hai moitos anos semellaría inimaxinábel sen o recurso aos golpes de estado auspiciados polo imperialismo. Só un reducido número de pensadores e de grupos radicalmente críticos co sistema capitalista viñan advertindo da fascistización da sociedade, sen que a soberbia e a comodidade que proporciona a integración no aparello político permitisen recoñecer ou admitir a ameaza permanente de involución cando a democracia está secuestrada en interese dos privilexiados. A rasgada de vestimentas e a repetición de ladaíñas mántricas non fai máis que evidenciar un fracaso cuxas consecuencias poden implicar un retroceso dramático na procura dun outro mundo máis xusto e máis libre. Con certeza a simplificación proporciona consolo intelectual, mais dificulta a capacidade para abordar situacións atravesadas por planos e capas dunha nova lóxica cultural esbaradiza e funcional ao poder. E aquí hai que coincidir con Zizek, cando avisa de que xa non abonda con dicir que os aparellos ideolóxicos lavaron o cerebro ás clases baixas para que non fosen quen de identificar os seus auténticos intereses.
Hoxe o neoliberalismo corre desbocado nunha globalización triunfante, intensificando a explotación sobre as persoas e sobre o planeta, adoptando novos xeitos de apropiación por desposuimento do común; o vivo e o inerte, o material e o inmaterial só son valorados se serven á acumulación do capital nun proceso delirante de destrución para volver a reproducirse incesantemente. Tamén muda o Estado, que reformula e reconvirte as súas funcións. Autolimítase e recórtase para eliminar os obstáculos que dificultan o saqueo do capital e afortálase para controlar e reprimir o malestar e a resistencia. Estamos a presenciar unha tremenda involución democrática mediante a restrición de dereitos, de liberdades, de participación e de garantías xurídicas para que a liberdade económica se desenvolva sen a molestia de dereitos políticos, sociais ou culturais. Boaventura de Sousa denomina fascismo societal a este que xa non precisa de desfiles ou de uniformes, pero si da naturalización da explotación e das desigualdades brutais. Ten razón.
Este deterioramento social e político supón un durísimo golpe para a construción e expansión dunha cidadanía máis ampla, inclusiva, participativa e igualitaria. Os valores que tanto costou fraguar, e que chegaron a suscitar un importante consenso social como guías para acadar unha sociedade máis libre e xusta, están sendo abandonados e substituídos por criterios tales como os da competencia exacerbada, os da rendibilidade a curto prazo ou os dun crecemento desaforado a calquera prezo. O que acontece, a fin de contas, é que os valores de progreso están a ser suplantados por outros máis axeitados para un novo xeito de apropiación da riqueza en beneficio dunha minoría. E a batalla cultural e moral para crear un clima favorábel ao autoritarismo, machismo, racismo, xenofobia e clasismo fai parte da guerra de clases contemporánea.
O mapa cognitivo desta posmodernidade de pensamento superficial e compromiso efímero incapacita para entender totalidades significativas. O medo, a inseguridade, a frustración e a vida precaria dos perdedores da globalización son orientados para que a perda sexa compensada de inmediato sen importar as consecuencias. Xa sexa co consumo compulsivo, mediante sucedáneos de vida ou odiando e inferiorizando a quen moitas veces nin se coñece, estas gratificacións materiais ou simbólicas levan incorporado o individualismo, a insolidariedade e a renuncia á utopía. Como cinicamente admitía Warren buffett, os ricos van gañando; e perder é moi fodido
Occidente ve como esvaen as expectativas e promesas de riqueza, de seguridade e de benestar que o capitalismo ofreceu a cambio da renuncia a soñar outra alternativa, mentres o resto do mundo sangra entre o lixo das nosas deslocalizacións. Cunde o medo a perder posicións, a ser excluidos da fantasía, e o malestar se despraza contra a masa de desposuídos externos e internos que son percibidos como culpabeis da desestabilización do noso modo de vida. Os ricos van gañando e, ademais, poden durmir tranquilos.
Pode que na esquerda teñamos que comezar a pensar en que non hai nin unha única alternativa nin un único modelo; en que hai que incorporar novas categorías de análise e de reflexión para respostar á complexidade e á sofisticación dos actuais modos de dominio e de opresión. En abandonar esa perspectiva de superioridade moral que nos impide achegarnos e aprender de movementos e colectivos que ensaian e experimentan con novas formas de loita e de combate. En prescindir da rixidez organizativa e en dar voz, participación e protagonismo aos sectores desfavorecidos. E, sobre todo, en rachar co estilo de discurso e de actuación que reclama a clase dominante.