A nova Lei de Memoria Histórica segundo a dereita 'democrática'

Intervención de José María Aznar na UIMP © UIMP

O pasado martes 12 de xullo, nun encontro celebrado na Universidad Internacional Menéndez Pelayo en Santander, o ex-presidente do goberno español, José María Aznar, cualificou a nova Lei de Memoria Histórica Democrática como un “disparate”. O ditame da devandita lei saíu adiante na Comisión do Congreso dos Deputados grazas ao voto favorábel, entre outros, do grupo parlamentar EH-Bildu e iso incrementou o “ardor guerreiro” do antigo líder do Partido Popular que, como unha onda devastadora, afirmou: “[A lei] es un disparate hecho por terroristas y pactado con terroristas”.

O prazo implica, xa que logo, recoñecer que pasados cinco anos da aprobación da Carta Magna, neste país vulnerábanse dereitos fundamentais das persoas, tamén por parte dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado

Calquera dos lectores que tiveran a ousadía de pronunciarse cos mesmos termos sobre esa ou outra iniciativa lexislativa remataría, sen dúbida, na bancada dos acusados e, posibelmente, condenado por un tribunal. Non pasará nada neste caso e Aznar – o único persoeiro do trío das Azores, lembremos, que nunca tivo unha palabra de arrepentimento sobre as mentiras botadas para invadir (e devastar) Iraq – sairá indemne unha vez máis. De feito, unha boa parte dos líderes populares cántabros que asistiron ao acto da UIMP aplaudiron con devezo.

A Aznar e a Felipe González non lles parece correcto que a futura lei recoñeza ás vítimas das violacións dos Dereitos Humanos nun período temporal que abrangue dende 1936 até 1983. Por que? Por respecto á Constitución, segundo subliñou o antigo líder da formación conservadora. O prazo implica, xa que logo, recoñecer que pasados cinco anos da aprobación da Carta Magna, neste país vulnerábanse dereitos fundamentais das persoas, tamén por parte dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado.

Exemplar orixinal da Constitución española de 1978 Dominio Público

Invocar á sacrosanta Constitución e trazar paralelismos coa orde pública e a unidade do Estado é un xogo perigoso que debería poñernos en alerta. Así se xustifican, por exemplo, os golpes militares, as persecucións ideolóxicas e a creba da convivencia e das liberdades

O problema non reside no conxunto do texto lexislativo que vai ser aprobado e pode resultar máis ou menos pertinente. Pouco importan, así mesmo, os avances ou as eivas contidas nos artigos da vindeira lei e as consecuencias que dela poidan derivarse. Moito menos relevante – malia o discurso aparente e falazmente defendido – resulta a negociación do texto e o acordo co grupo parlamentar vasco. O asunto principal e cara onde todo se dirixe, segundo Aznar, xira en torno ao que el mesmo define como “tener la casa muy en desorden” por culpa de determinadas leis, e a de Memoria Histórica Democrática representa unha delas. Ou dito doutra maneira: “España no está lo mejor ordenada posible” porque “se conspira a diario desde hace cientos de años [sic] para acabar con su unidad”. Tamén esta lei conspira, semella, contra a unidade do Estado. Porén, o devandito texto lexislativo – en realidade, a memoria per se – non debería prosperar. Así o cren na dereita “democrática”.

En definitiva, a desorde e a disgregación da unidade constitucional poden ser as resultantes dun texto legal que só reclama máis dignidade, máis reparación e máis verdade para as vítimas da Guerra Civil, do franquismo e da Transición, esta última tan idealizada e mitificada como exemplar e case perfecta.

Moito ollo e coidado. Invocar á sacrosanta Constitución e trazar paralelismos coa orde pública e a unidade do Estado é un xogo perigoso que debería poñernos en alerta. Así se xustifican, por exemplo, os golpes militares, as persecucións ideolóxicas e a creba da convivencia e das liberdades.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.