Hai dous motivos fundamentais para estar en desacordo coa celebración da feira taurina coruñesa. En primeiro lugar, o concello cede o Coliseum un sábado e un domingo practicamente de balde, pagando con cartos públicos o mantemento, limpeza e acondicionamento, subministracións e máis a banda de música. Xa que logo, a subvención indirecta municipal acada uns 100.000 €, segundo avaliacións de expertos. Con eses cartos cubriríanse os xantares de cen crianzas nun comedor escolar durante dous meses. Á vista da moi frouxa resposta dos seareiros ben se pode dicir que este gasto é un estrago de recursos públicos.
Obsérvase avanzar en amplos sectores a idea de que a festa taurina é unha mostra de maltrato animal incompatíbel cos valores que profesa unha sociedade moderna e europea
Mais, en segundo lugar, ao tempo de ser evidente a falla de afección taurina na Coruña e na Galicia, en xeral, obsérvase avanzar en amplos sectores a idea de que a festa taurina é unha mostra de maltrato animal incompatíbel cos valores que profesa unha sociedade moderna e europea. Neste senso, a manifestación deste domingo na Coruña foi un claro exemplo do xeito no que progresa esta toma de conciencia e como ten apoios moi plurais e transversais, no que atinxe á orixe social, pensamento político ou á idade dos manifestantes.
As presións deste “lobby” sobre o Goberno local coruñés conseguiron o mantemento desta impopular feira, malia o seu absoluto fracaso económico
A verdade un nunca podía supor a importancia que seica tiña a feira taurina da Coruña e, en xeral, o mantemento deste espectáculo na Galicia, para os taurinos españois. Porque ante a evidencia do seu risco de desaparición reaccionaron como se a unidade de España e a felicidade cidadá dependeran de se manter as touradas no noso país. E as presións deste “lobby” sobre o Goberno local coruñés conseguiron o mantemento desta impopular feira, malia o seu absoluto fracaso económico.
A evolución imponse. Por razóns de idade e remuda social, os cidadáns que partillan as touradas son menos e menos influíntes
A mensaxe enviada polo Goberno local e polo lobby taurino foi nidia: ás touradas poderán ir poucos, pero son merecentes dun trato privilexiado, quizais por ser os derradeiros mohicanos a gostar dun espectáculo que din tipicamente español, pero que non prendeu ao longo de 150 anos na Galicia. Mais a evolución imponse. Por razóns de idade e remuda social, os cidadáns que partillan as touradas son menos e menos influíntes. Á volta de poucos anos non haberá touradas na Coruña, nin en Sarria, nin en Padrón. E moi probabelmente a cidadanía esixa a derrogación da excepción á lei galega de protección dos animais que lle da abeiro legal a esta caste de impopulares espectáculos.