Entrar nunha sala de xogos recreativos de calquera vila galega é como entrar nunha metáfora da vella Europa. Para empezar, non hai ninguén no local, agás na parte reservada para os maiores de idade. Todos os xogos están obsoletos, gastados, hai unha falla de imaxinación terrible. Os rapaces xa non se achegan a insertar ningunha moeda, para que? Teñen na casa a Wii, a PSP ou a Nintendo 3D. Xogar en calquera desas máquinas de marciáns anticuados é demasiado aburrido, demasiado caduco.
Todo o que nos quita o Estado forzadamente dun tempo a esta parte vai destinado a pagar a usura, a salvar aos bancos
No reservado de adultos, os homes e mulleres solitarios, como illas desertas, meten moedas en máquinas tragaperras que non lles reportarán ningún beneficio, non crearán ningún tipo de actividade produtiva, non se relacionarán. Trátase de pagar, pagar e pagar, a ver se hai sorte e soa a frauta nalgún momento. Só gañarán uns poucos afortunados. Ao resto, crearalles frustración, empobrecemento e desgana vital. É a metáfora da obsolescencia actual da vella Europa, dunha sociedade, dun sistema, obsoletos, desfasados, deteriorados, que se esqueceron de crear, de ter futuro.
Hoxe vivimos nun gran salón de máquinas tragaperras. Todo o que nos quita o Estado forzadamente dun tempo a esta parte vai destinado a pagar a usura, a salvar aos bancos, a un poder financeiro que nos oprime e que nos despoxa da cara produtiva da nosa economía, que nos deixa sen traballo. Quitarnos o que gañamos producindo para darllo aos bancos que non crean nada, é roubar. O feito de non construir nada é unha das grandes causas do actual estado de recesión devastadora. Hai moito que no noso continente non nacen ideas novas. Este é o noso pasaporte hacia un lugar sen horizonte.
A política tamén está esgotada, a propia democracia adolece de obsolescencia, está deixando de defendernos e iso é moi perigoso. É o que acontece co actual goberno galego. O presidente do desgoberno recórdanos unha e outra vez que ten controlado o déficit, que esta é a chave para comezar a medrar. Pero, se o país está case paralizado dende que chegou á Xunta e as facturas sen pagar, como imos sair adiante? O paro non fai máis que aumentar en Galiza e o poder adquisitivo dos cidadáns diminuiu considerablemente.
Se o país está case paralizado dende que chegou á Xunta e as facturas sen pagar, como imos sair adiante? O paro non fai máis que aumentar en Galiza e o poder adquisitivo dos cidadáns diminuiu considerablemente
A fenda social é máis grande que nunca, a desprotección cidadá máis que evidente e o “autonomismo sosegado” é un consentemento explícito ao centralismo salvaxe a prol dos interes neoliberais do goberno español. Son estes os motivos que ten un galego para votar ao PPdeG? Que nos están ofrecendo? Contribuir a dar a razón a un goberno español que nos asfixia, que nos devolve ás épocas máis rancias da historia española? Eu négome a ser cómplice.
As manifestacións arredor dos parlamentos, que se celebran estes días, veñen exaltar os valores da xustiza e da dignidade humanas no marco dunha situación de profunda inxustiza económica e política, pero tamén veñen denunciar a obsolescencia do escenario no que vivimos, veñen reclamar novas ideas, veñen esixindo o dereito de futuro.
Corrían os anos 70 e naceron proxectos moi interesantes. Xa choveron tres décadas e poida que sexa hora de poñer en marcha novos inventos
Ao día seguinte de inaugurarse a planta circular da fábrica de cerámica de Sargadelos na Mariña luguesa, deseñada polo arquitecto Andrés F. Albalat, Isaac Díaz Pardo reuniu o seu equipo de investigadores (químicos, deseñadores, ceramistas) e díxolles: “Hai que inventar cousas novas, pero ollo, non inventedes a pólvora, esa xa está inventada”. Corrían os anos 70 e naceron proxectos moi interesantes. Xa choveron tres décadas e poida que sexa hora de poñer en marcha novos inventos.