A oportunidade de Podemos Galicia

Podemos apostou desde o comezo por un enfoque político que se inspira na horizontalidade do 15-M. As propostas da formación deféndense e discútense ante os demais –nos círculos, nas asembleas, nas rutas que os representantes do partido levan a cabo– co obxectivo de que a intelixencia colectiva dos cidadáns sexa a que, en último termo, atope solucións aos seus propios problemas. Deste xeito, Podemos oponse á política tradicional non tanto nos contidos –que recollen unha revisión actualizada das demandas socialdemócratas clásicas atendendo ás especificidades do momento histórico–, senón máis ben nas formas. Trátase de que os cidadáns sexan os actores protagonistas das novas maneiras de participación social e non de que deleguen a incómoda responsabilidade do debate político nos seus representantes electos.

A aposta pola horizontalidade é, sen ningunha dúbida, problemática. E debe selo, porque implica unha exposición continua ao debate

A aposta pola horizontalidade é, sen ningunha dúbida, problemática. E debe selo, porque implica unha exposición continua ao debate. Todo pode ser discutido e ninguén é inmune ás críticas dos seus compañeiros. É normal, por tanto, que en ocasións algunhas diferenzas de opinión se enquisten e polaricen a dous ou máis grupos arredor dun mesmo tema. Cando isto sucede o papel do líder é imprescindible.

O líder dunha organización horizontal como Podemos debe asumir, polo menos, tres deberes. En primeiro lugar, debe encarnar o proxecto que lidera para que sexa máis fácil comunicalo a quen participa no debate. En segundo lugar, debe mobilizar aos votantes potenciais e actuais infundindo neles a necesidade de apropiarse da política a través da participación horizontal. E, en terceiro lugar, debe articular a organización para que sexa operativa. En poucas palabras: o que debe facer o líder non é impoñer solucións aos problemas cidadáns ou de partido, senón moderar o debate de tal modo que as partes que discrepen conflúan na mesma dirección.

Non cabe a menor dúbida de que Breogán Riobóo non é xa a persoa indicada para estar á fronte de Podemos Galicia

O establecemento dun Equipo Técnico en Podemos Galicia volve poñer sobre a mesa o debate sobre os liderados e a horizontalidade. Agora ben, o sucedido non debe interpretarse como un revés para a formación morada, senón como unha oportunidade. O liderado de Breogán Riobóo foi cuestionado por gran parte dos militantes, que entenden que non encarna xa o seu proxecto político, que carece de potencial mobilizador –estivo ausente durante gran parte das eleccións xerais– e que é incapaz de conducir o intenso debate interno que produciron as súas declaracións do pasado mes de xaneiro. A todo isto hai que sumar o balbordo de cesamentos que o mantiveron no centro da polémica durante as últimas semanas. Non cabe a menor dúbida de que Breogán Riobóo non é xa a persoa indicada para estar á fronte de Podemos Galicia.

O establecemento do Equipo Técnico debe lerse, por tanto, como unha oportunidade de construír novos liderados e de fortalecer a estrutura horizontal da organización, comprometida polo Secretario Xeral Autonómico. Non é unha cuestión menor nin algo que se podería deixar para máis adiante. Podemos Galicia enfronta agora o reto de construír a confluencia para as autonómicas sen incorrer de novo nos erros de opacidade e nos pactos de elites que se produciron nas negociacións das anteriores eleccións xerais. Este é un desafío ao que Breogán non podería facer fronte, pero que os militantes do partido, adecuadamente organizados, si poden capear con éxito.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.