A orixe da violencia institucional. A quen serve realmente a Policía?

Carga policial, nunha imaxe de arquivo CC-BY-SA Oriana Eliçabe

A análise publicada por Xosé A. Pérez-Lema acerta ao sinalar a disfunción estrutural que representan os excesos policiais nun Estado social e democrático de dereito, así como a habitual estratexia de irresponsabilidade política amparada no uso punitivo da Lei Orgánica 4/2015 de protección da seguridade cidadá. 

A análise publicada por Xosé A. Pérez-Lema en Praza Pública o 28 de setembro pasado acerta ao sinalar a disfunción estrutural que representan os excesos policiais nun Estado social e democrático de dereito, así como a habitual estratexia de irresponsabilidade política amparada no uso punitivo da Lei Orgánica 4/2015 de protección da seguridade cidadá. Con todo, desde a perspectiva das ciencias sociais e xurídicas, o ensaio incorre nunha redución legalista ao focar a solución no control xurídico e na responsabilidade a posteriori, ignorando os mecanismos psicosociais, os procesos de socialización corporativa e a xénese formativa onde se constrúe a identidade do axente.

Esta réplica non se formula desde a mera especulación académica. Nace da auto-etnografía e do coñecemento directo desas institucións tras trinta e nove anos de servizo activo. Desde esa traxectoria, e asumindo un necesario mea culpa, resulta evidente que o problema non comeza cando a Policía se desprega no espazo público, senón nos procesos de selección, na construción da subcultura policial e na falta de apertura do aparello formativo.

Para comprender a orixe desta violencia hai que partir dunha premisa fundamental: na súa función histórico-estrutural, a policía opera como o brazo armado da clase dominante, posta en última instancia ao servizo das elites que ostentan o poder económico e político, e para iso os seus membros foron previamente cooptados da propia sociedade civil. Na teoría sociolóxica clásica, definíase o Estado como a entidade que reclama o monopolio do uso lexítimo da forza física, pero este monopolio non opera nun baleiro neutro. A socioloxía crítica tamén nos di que, cando as forzas de seguridade son empregadas polo poder político como un muro de contención fronte á protesta social, prodúcese un desprazamento perigoso onde a policía pasa de protexer os dereitos da cidadanía a protexer a inmunidade do status quo.

Con todo, desde a perspectiva das ciencias sociais e xurídicas, o ensaio incorre nunha redución legalista ao focar a solución no control xurídico e na responsabilidade a posteriori, ignorando os mecanismos psicosociais, os procesos de socialización corporativa e a xénese formativa onde se constrúe a identidade do axente

A cooptación funciona precisamente mediante a extracción de cidadáns de a pé para formalos nunha subcultura illada, dotándoos do privilexio da autoridade e da forza para seren empregados, paradoxalmente, contra a propia sociedade da que proceden. Cando a forza policial deixa de ser proporcional, congruente e oportuna, disólvese a súa lexitimidade e transfórmase a autoridade pública en mera violencia de Estado, traizoando a esencia atribuída á función policial nunha democracia: a resolución de conflitos mediante a mínima intervención indispensable.

Desde a psicoloxía social e da organización, o comportamento na rúa é o resultado de dinámicas profundas que hoxe se obvian na selección e na formación. A falta duns filtros de entrada rigorosos favorece o acceso de perfís con alta tendencia ao autoritarismo ou escasa tolerancia á frustración. En situacións de estrés colectivo, a ausencia de adestramento na intelixencia emocional e na xestión do prexuízo fai que o axente (xa cooptado e desvinculado da súa orixe civil) perciba ao manifestante non como un cidadán no exercicio dun dereito, senón como un inimigo interno ao que hai que neutralizar para protexer a orde establecida.

Esta construción psíquica da ameaza opera, ademais, cunha evidente asimetría ideolóxica que amosa a quen serve realmente esta cooptación. Mentres a protesta social da esquerda, do ecoloxismo ou do movemento veciñal é abordada desde a cultura da sospeita e como un ataque ao sistema que require contención e firmeza, a mobilización de grupos ultras de extrema dereita, aderezados con simboloxía e bandeiras de España nos pulsos, atopa unha evidente simpatía ou permisividade institucional ao non cuestionar as estruturas de poder. Esta dobre vara de medir fai que comportamentos violentos por parte de sectores ultras sexan xestionados con notable marxe de tolerancia, mentres que a mobilización pacífica da esquerda é disolta rapidamente con cargas. A todo isto súmanse as dinámicas de grupo nas unidades de intervención, onde o conformismo, a lealdade ao compañeiro e a submisión á xerarquía priman sobre a ética individual ou o mandato constitucional.

A orixe desta fenda identitaria e ideolóxica reside nos centros de instrución. Tanto nas academias estatais de Ávila ou Baeza como na Academia Galega de Seguridade Pública na Estrada, padécese duns procesos de socialización pechados e endogámicos. O profesorado non se nutre de facultades civís de pedagoxía, psicoloxía social, socioloxía ou ciencias políticas, senón que perpetúa un corpo docente interno que reproduce inercias conservadoras. Na propia AGASP, por exemplo, en lugar de desenvolver un modelo de Policía Comunitaria e de Proximidade baseado na mediación veciñal e na resolución pacífica de conflitos, optouse por mimetizar o modelo estatal de intervención. A este illamento súmase a militarización da policía amplificada pola hollywoodización do imaxinario colectivo, importando da ficción estadounidense a figura do guerreiro urbano ou membro dun grupo SWAT, onde a fascinación pola estética do músculo, a vestimenta táctica de asalto e a exhibición de forza desprazaron o adestramento no diálogo, na cintura social e na xestión da complexidade democrática.

Esta deriva militarizada atopa a súa expresión máis perigosa na ocultación do propio rostro e da identificación individual na rúa mediante o uso de pasamontañas, a ausencia visible do número de identificación operativa e a blindaxe fronte á mirada cidadá. Desde a psicoloxía social, o anonimato activa un proceso de desindividualización e desinhibición que reduce a autoconciencia e facilita a violencia. Este anonimato e o refuxio na subcultura corporativa non poden servir como un alibi para diluír a axencia moral do individuo. O axente de policía non é un mero autómata burocrático nin un executante desprovisto de conciencia; a obediencia debida atopa o seu límite infranqueable na protección dos dereitos humanos fundamentais. A pretendida neutralidade do positivismo xurídico estrito (aquela que xustifica calquera carga ou sanción baixo o pretexto de que "se cumpre coa lei e coas ordes recibidas") colapsa cando a legalidade formal entra en conflito directo coa lexitimidade democrática e a integridade física do cidadán. A policía nunha “democracia europea” debe actuar a cara descuberta e sen blindaxes visuais, pois a transparencia e a visibilidade son os primeiros requisitos da rendición de contas e da propia lexitimidade da autoridade pública fronte ao cidadán.

Coincido coa análise de Pérez-Lema na denuncia do marco legal vixente e da praxe administrativa derivada da Lei Orgánica 4/2015, que ampara unha visión estática e punitiva do espazo público. A responsabilidade estratéxica do estamento político e a responsabilidade táctica dos mandos operativos son ineludibles. Os episodios de brutalidade citados no seu ensaio (como as cargas en Palma, Valencia, Compostela, a violencia contra un menor en Elx ou o desproporcionado desafiuzamento de Maricarmen Abascal en Madrid) non son anomalías illadas, senón a consecuencia lóxica duns mandos que ceden á tentación da forza e duns axentes cuxa socialización formativa non os preparou para a contención nin para o respecto á integridade física e moral protexida polo artigo 15 da Constitución.

En conclusión, o control democrático das forzas de seguridade non se acadará mediante o castigo xudicial ou a esixencia de responsabilidades políticas tras cada episodio de brutalidade

Aínda así, esta arquitectura punitiva e de impunidade sostense sobre un piar dogmático que require unha urxente deconstrución: o principio de presunción de veracidade dos axentes. Cando a palabra da autoridade se converte noutra verdade incontestábel na vía administrativa, rómpese a igualdade de armas e invértese na práctica a presunción de inocencia do cidadán. A presunción de veracidade xurdiu como unha ficción xurídica para facilitar a eficacia administrativa, pero a súa hipertrofia converteuse nunha proba diabólica para o administrado. A psicoloxía cognitiva demostrou amplamente que a percepción humana en contextos de estrés de masas está suxeita a sesgos severos, reaccións de adrenalina e distorsións sensoriais. Outorgarlle un valor probatorio case absoluto ao relato policial, especialmente cando se combina co anonimato dos axentes e coas trabas para a recollida de probas audiovisuais independentes, converte a presunción de veracidade nun cheque en branco para a arbitrariedade administrativa e a protección corporativa. O garantismo constitucional esixe redeseñar este principio, subordinando a fe pública da acta policial á esixencia de corroboracións periféricas obxectivas e ao pleno respecto do dereito á defensa.

En conclusión, o control democrático das forzas de seguridade non se acadará mediante o castigo xudicial ou a esixencia de responsabilidades políticas tras cada episodio de brutalidade. Como conclúe a investigación sociolóxica e demostra a experiencia de trinta e nove anos de servizo e autocrítica interna, a reforma debe ser orixinal e profunda.

Asumindo que, mentres teñamos o modelo de Estado que temos, resulta imprescindible mellorar e democratizar a actual institución policial, cómpre actuar de inmediato sobre as súas bases. Para evitar que a cultura do autoritarismo, a estética do espectáculo físico e a asimetría ideolóxica sigan degradando o espazo público, é urxente substituír a hipertrofia das probas físicas e memorísticas na selección por unha avaliación rigorosa das competencias socio-emocionais e do perfil psicolóxico de entrada. Do mesmo xeito, resulta imprescindible a apertura docente das academias a pedagogos, sociólogos e psicólogos civís, ao tempo que se desbota a estética do guerreiro urbano importada de Hollywood para recuperar a policía como un servizo público garantista e de proximidade. Un servizo cuxo éxito non se pode medir polo número de cargas, pola ocultación do rostro ou pola blindaxe da presunción de veracidade, senón pola transparencia, a neutralidade e a calidade da convivencia democrática.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.