A pandemia e o incremento das desigualdades

Cada vez hai menos dúbidas de que en España, e en Galicia, sairemos da pandemia do COVID19 con uns niveis de desigualdade social e pobreza aínda mais elevados dos que había antes de que se estendera o coronavirus. Asi o veñen confirmando os informes mais serios e rigorosos ao tempo que subliñan que non é a pandemia quen provoca esas desigualdades senón as políticas que veñen aplicando os diferentes gobernos e institucións públicas nas últimas décadas.

Asi é hasta que o BCE paralizou, marzo deste ano 2020, o reparto de dividendos a gran banca española retribuiría, no último quinquenio, con case 45.000 millón de euros aos seus accionistas. Nese reparto os membros dos seus consellos de administración, que tamén son accionistas, recibiron preto de 650 millóns de euros. Ganancias que non impiden que ao mesmo tempo a grande banca, utilizando como argumento o impacto da pandemia sega procedendo a drásticas reducións de persoal : 90.000 na última década en que, por caso, recibiu axudas públicas superiores aos 100.000 millóns de euros.

Este último dato confirma como son as políticas públicas quen favorecen as situacións que acentúan a desigualdade. Por unha parte temos unha banca privada que non para de recibir axudas públicas dos seus gobernos sen que estes lle poñan condicións tales como a conservación dos postos de traballo. Paralelamente, e como xa subliñamos nestas mesmas páxinas (https://praza.gal/opinion/coroavirus-e-recesion-economica-que-non-nos-enganen) están as autoridades europeas e mais en concreto o BCE (Banco Central Europa) quen coas súas políticas monetarias, concretamente coa chamada "expansión cuantitativa", está entregando diñeiro sen límites (en puxas que chegan a superar a cifra de 1 billón de euros) e a un xuro cero ou negativo (-1%) a grande banca europea (entre a que podemos atopar o Banco Santander e o BBVA). Diñeiro que empregan tanto en sanear os balances propios como en mercar as propias accións ou as doutros grandes bancos contribuíndo así, como reflicten as Bolsas, a que se dispare o valor das mesmas, como tamén na especulación coas débedas soberanas, os bonos... Entre os/as beneficiarios/as desta "expansión cuantitativa" están tamén as grandes empresas multinacionais europeas (como por caso Telefónica, Iberdrola e Repsol) que reciben axudas multimillonarias sen que se lles esixa un compromiso de mantelos empregos. Axudas millonarias que engordan as ganancias dos seus directivos e accionistas que seguen tendo, incluso durante a pandemia, ingresos millonarios.

Mentres isto sucede as empresas non financeiras, que en España e mais en Galicia son nunha grande maioría pemes e autónomos, atravesan enormes dificultades que poñen incluso en cuestión a súa propia supervivencia. Segundo fontes do propio sector a pandemia está provocando tanto unha redución da actividade como unha caída da demanda que provocan unha moi forte caída dos ingresos (entre un 25% e un 50% de media). Velaí que moitos pensen que non poderán manter os empregos actuais e incluso que dubiden sobre a propia supervivencia (50%). Como sinalan fontes sindicais, "moitas empresas están devolvendo os ERTES" por considerar que xa non son viables. 

Nesta pandemia estamos comprobando con total claridade como o comportamento das administracións públicas non é o mesmo cando se trata das grandes empresas financeiras (bancos, multinacionais....) que cando son pemes ou autónomos. Os gobernos español e autonómico -neste caso o comportamento resulta enormemente incompetente- empezaron moi tarde a actuar e de forma claramente insuficiente -deberían fixar mais axudas para, por caso, o pago de nóminas, facilitar demoras nos pagos a facenda...., en definitiva aliviar pagos- pois resulta que a vía do crédito bancario non é a fórmula idónea nunha situación de excepcionalidade que esixe, por caso, rapidez. Unha actuación pública que requiriría o protagonismo dun BCE (Banco Central Europeo) que, nembargante, mentres esta desbordando de liquidez as grandes empresas financeiras non actúa igual cando se trata de pemes e autónomos a pesar de que, como é ben sabido, estes teñen sempre mais dificultades para obter financiamento e son menos resistentes as crises. 

O mesmo sucede coas familias. A caída da actividade, a insuficiencias das axudas públicas e o elevado endebedamento que viñan arrastrando, está disparando o número de familias en risco de exclusión. Familias moitas delas que xa estaban nunha clara situación de precariedade. Non deberamos esquecer que xa antes de que estourara a pandemia moitas familias tiñan enormes dificultades para cubrir as necesidades mais elementais: alimentación, vivenda..... Situación que se viu a agravar aínda mais coa pandemia e a paralización da actividade que está disparando o número de familias pobres. Na realidade a pandemia o que fixo foi sacar a luz pública o que era unha evidencia: un empobrecemento xeral provocado polas políticas austericidas das últimas décadas. 

Resumindo: non se pode afirmar que a pandemia sexa a culpable da desigualdade social en España e Galicia. O que está facendo o COVID19 é tanto poñer en evidencia unha situación que xa existía como agrandar e amplificar a súa dimensión: por caso, si antes da pandemia eran unhas 38.000 as familias galegas que precisaban axuda pública para pagala luz, coa pandemia o número ascendeu as 85.000.

Nembargante poida que o peor estea por chegar. Poida que unha vez pasada a pandemia moitos miles destes axentes (pemes, autónomos/as, traballadores/as) non logren recuperar nin a actividade nin o emprego anteriores e que non se creen os/as novos/as suficientes para cubrilos/as perdidos/as.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.