A pantasma do bipartito

Unha pantasma percorre os despachos de San Caetano. A pesar do tempo transcorrido, o goberno bipartito (PSdG-BNG) segue presente nos labirintos do poder galego. Só así cabe entender o recurso argumental que, periodicamente, exhibe Núñez Feijoo nas súas intervencións parlamentares.

Seguir invocando, despois de mais de catro anos, a presunta maldade da coalición gobernamental encabezada por Touriño e Quintana revela, sobre todo, unha evidente carencia de razóns para defender as actuais políticas emanadas do executivo galego

Seguir invocando, despois de mais de catro anos, a presunta maldade da coalición gobernamental encabezada por Touriño e Quintana revela, sobre todo, unha evidente carencia de razóns para defender as actuais políticas emanadas do executivo galego. Feijoo sabe que a comparativa entre os dados mais relevantes da situación económica e social de Galiza durante o período 2005-2009 e os correspondentes aos anos posteriores é moi favorábel ao mandato do demonizado bipartito. Certamente, nunha análise rigorosa, non se pode realizar unha simplificación que atribúa todas as bondades ou todas as desfeitas rexistradas no ámbito socioeconómico á xestión do goberno de quenda da Xunta. Hai moitas variábeis que inflúen no resultado final pero non se pode ignorar que os inquilinos de San Caetano teñen unha evidente capacidade de influencia no mesmo.

Feijoo sabe que a comparativa entre os dados mais relevantes da situación económica e social de Galiza durante o período 2005-2009 e os correspondentes aos anos posteriores é moi favorábel ao mandato do demonizado bipartito

Resulta determinante, neste sentido, a concorrencia dunha premisa básica:a vontade política de utilizar con decisión as ferramentas que proporciona o marco legal do autogoberno para construír un país dotado de maior autoestima e con mais benestar social. O bipartito presentaba, neste eido, heteroxeneidades manifestas pero mantiña un nivel significativamente superior ao que despois tivemos ocasión de coñecer. A reclamación de competencias adicionais, o intento de utilizar as existentes para pór en marcha novas políticas en cuestións cruciais e a proposta dun novo Estatuto de Autonomía figuran no haber daquela coalición gobernamental. Con Feijoo chegou o deserto: catro foguetes reivindicativos para desgastar a Zapatero e silencio sepulcral con Rajoy na Moncloa, como adobío da mera xestión do “bo contábel dos poderosos”.

A reiterada utilización do bipartito como coartada viuse favorecida -hai que pensar que involuntariamente- pola carencia dunha estratexia explicativa adecuada por parte do PSdG e do BNG

A reiterada utilización do bipartito como coartada viuse favorecida -hai que pensar que involuntariamente- pola carencia dunha estratexia explicativa adecuada por parte do PSdG e do BNG. Nos meses inmediatamente posteriores á derrota electoral de 2009 ambas forzas non foron quen de acometer un balanzo público que establecese os acertos e os erros da traxectoria gobernamental. No canto dese silencio que podía ser interpretado como unha expresión de má conciencia polo vivido, o recoñecemento explícito das deficiencias xunto á reivindicación dos innegábeis logros, tería contribuído a neutralizar a capacidade destrutiva das interesadas críticas do PP e dos seus fans mediáticos. E, sobre todo, esa recapitulación sincera da experiencia de goberno constituía –e segue constituíndo- un elemento imprescindíbel para sustentar calquera alternativa de transformación do País realmente existente.

Sobre o “luxo asiático” presuntamente exhibido polo bipartito, Feijoo edificou o mito dunha austeridade implantada cunha férrea disciplina teledirixida dende Montepío. Para os que acreditaban nesas prédicas presidenciais, o alcalde do unificado concello de Oza-Cesuras protagonizou estes días un episodio clarexador: triplicou o soldo para que se note que manda mais que antes. Toda unha demostración práctica da autoridade e do control que posúe Alberto Núñez sobre a súa tropa.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.