A pantasma que persegue á dereita catalá

Acto de Junts © JxC

 

Desde a época de Jordi Pujol, á vella Convergència i Unio gustáballe afirmar que tamén contaba con persoas -e mesmo sectores- de sensibilidade socialdemócrata. Aquela aposta, calculadamente plural e pensada en clave estratéxica, permitiu a CiU converterse en hexemónica ocupando o espazo central do sistema político catalán durante dúas décadas. Unha opción de centro-dereita liberal, con elementos democristiáns e socialdemócratas, capaz de representar a Cataluña en España e no mundo. Todo iso soaba ben, especialmente fora da área metropolitana, a pesar de que o culto ao líder e as vitorias electorais foron forxando una certa identificación entre país e partido. Os casos de corrupción e os anos do procés borraron o que quedaba da federación nacionalista, que consumou a súa separación no ano 2015.

Desde a época de Jordi Pujol, á vella Convergència i Unio gustáballe afirmar que tamén contaba con persoas -e mesmo sectores- de sensibilidade socialdemócrata

Convergència i Unió acabou explotando, dando lugar ao nacemento de forzas políticas como o PDECat, Junts, Convergents, Partit Nacionalista de Catalunya, Demòcrates, Lliures ou Units per Avançar. Ningunha destas forzas representa exactamente o legado converxente, a pesar de que algunhas reivindicaron algúns aspectos, por exemplo o Partido Demócrata ou Convergents -que se presentan xuntos aos comicios deste ano-. 

Calquera persoa informada saberá que o principal grupo, de todos estes que enumerei, é Junts. A fundación do partido de Carles Puigdemont escenificou, en outubro de 2020, a ruptura co paraugas do Partido Demócrata e con Artur Mas. Naquel momento anunciouse un proceso interno que culminou coa elección por parte dos militantes dos membros da Executiva e dos principais órganos de goberno de Junts

Junts caracterizouse, desde aquel momento, por tres trazos principais. En primeiro lugar, o abandono dunha moderación discursiva xeral, moi característica da antiga CiU, que si podemos atopar noutros subproductos exconvergents. Ademais, quixo incluír en lugares preeminentes perfís independentes para escenificar un xiro político definitivo. O peso destas persoas é importante, tendo en conta que a deputada Laura Borràs conseguiu gañar ao conselleiro Damià Calvet nas primarias para disputarse a candidatura á Presidencia da Generalitat. Por último, pequenos grupos como Demòcrates, Solidaritat ou Reagrupament acabaron por converxer e participar das listas de Junts, así como tamén exmembros da ANC ou activistas doutro tipo. 

Os primeiros pasos de Junts son a confirmación que o espazo posconverxente foxe dos seus precedentes históricos. E, certamente, xa non se trata da mesma xente nin das mesmas apostas estratéxicas. Pero hai que constatar un esforzo xigantesco para afastar o pasado próximo e consolidarse como true indepes; o partido máis independentista do arco parlamentario. Dito doutra maneira, Junts parece buscar unha reafirmación constante do seu ideario nacional mentres foxe da pantasma do pujolismo.

Se cadra é que Junts quere aparentar ser liberal a ollos de empresarios e clases acomodadas, socialdemócrata na loita contra a COVID-19 e nacionalmente puro de cara á parroquia hiperventilada en redes. Ou quizais non o saben nin eles. 

Este novo artefacto político, iso si, aínda non acabou de construírse. Non hai unhas pautas de funcionamento claras, como pasou coas primarias, e as diferentes familias internas lonxe de tolerarse internamente dispútanse encarnizadamente lugares en listas e espazos públicos. O elemento de cohesión é Carles Puigdemont, a pesar de que ás veces para as cuestións do día a día este liderado é insuficiente. Refírome sobre todo á cuestión ideolóxica no ámbito social, onde Junts escenifica unha posición ambivalente que vai máis aló dos discursos complementarios -dirixidos a diferentes grupos- que adoitan facer partidos que se dirixen a maiorías sociais. 

Junts non se define ideoloxicamente. Non só por táctica, senón porque se contradí de maneira flagrante. E poreivos un exemplo: a polémica cuestión dos impostos. O 18 de xuño de 2020 a deputada Elsa Artadi afirmaba no Parlament que os 500 millóns que se recadan anualmente en Cataluña a través do imposto de sucesións eran necesarios para facer fronte á COVID-19. O 23 de xaneiro de 2021, o candidato número 3 por Barcelona Joan Canadell pedía a supresión dos impostos de sucesións e patrimonio. Certamente, non é nin a primeira nin a última contradición pública entre dous membros dun mesmo partido, pero non se trata dun matiz, senón dunha axenda política explicitamente antagónica.

Se cadra é que Junts, mentres decide que pensa colectivamente e que proxecto ten, quere aparentar ser liberal a ollos de empresarios e clases acomodadas, socialdemócrata na loita contra a COVID-19 e nacionalmente puro de cara á parroquia hiperventilada en redes. Ou quizais non o saben nin eles. 

Esta pantasma que persegue a Junts só poderá acabar de desvanecerse se definen cal é o seu proxecto no eixo esquerda-dereita

Sobre a cuestión impositiva, estou convencido que calquera persoa de esquerdas podería ser favorable a que as pemes e autónomos sufran menos presión fiscal e se lles facilite o traballo. E creo que Junts podería facer este discurso de fronteira se non teimaran en fichar independentes para fuxir da sombra da vella Converxencia. En política facer fichaxes ten un risco innegable, e isto é algo que, en certos casos, tamén experimentou recentemente Esquerra Republicana. Este risco, no caso de Junts, ten un impacto claro na súa liña ideolóxica -a través de Canadell-; a pesar de que o máximo expoñente deste perigo foi a inclusión nas listas de Josep Sort. O Presidente de Reagrupament coleccionaba barbaridades inxustificables en twitter, incluíndo insultos e comentarios supremacistas. Menosprezar estes episodios é contraproducente, sobre todo porque o señor Sort non foi escollido na elección primaria, onde só conseguiu 41 votos. Este tivo que ser incluído na candidatura pola Executiva do partido -ou polo órgano que finalmente confeccionase as listas electorais-.

Esta pantasma que persegue a Junts só poderá acabar de desvanecerse se definen cal é o seu proxecto no eixo esquerda-dereita. Desde a discrepancia, persoalmente respecto bastante máis calquera discurso liberal que este cúmulo de despropósitos que o único que fai é dar gasolina a aqueles que queren que o soberanismo catalán sexa un movemento residual.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.