A patria de Berrogüetto

Hai algo que deberan agradecer as da miña xeración a Don Manuel: alá polos noventa a TVG botaba a andar o Xabarín Club na súa programación de tarde, nos tempos do rock bravú. Esa foi a primeira toma de contacto con ducias de grupos musicais e cunha variedade inxente de expresións artísticas do país. Non foi por mor do internet nin da escola, se non a través da televisión, por onde os cativos -do rural e das cidades- coñecemos parte da viva e rica cultura en pleno rexurdimento e explosión creativa. O manga xaponés en galego e os Diplomáticos de Monte Alto mesturábanse cos Heredeiros da Crus, Siniestro Total ou The Killer Barbies a golpe de pan con chourizo ou de pan e nocilla, alternativamente. Isto contouse moitas veces xa pero non está de máis recordalo outra-volta, en plena enxurrada de mal goberno dos ananos de San Caetano. Un goberno que deu mostras do seu desprezo polo conxunto da cultura galega desde o primeiro día. Un país non se entende sen ela, e este non se entende sen formacións musicais da altura e transcendencia de Berrogüetto.

Un goberno que deu mostras do seu desprezo polo conxunto da cultura galega desde o primeiro día. Un país non se entende sen ela, e este non se entende sen formacións musicais da altura e transcendencia de Berrogüetto

Pola mesma, apareceron nas pantallas coma un berro anovador do folk contemporáneo un músico total coma Anxo Pintos ou o virtuosismo do Quim Fariña, xunto ao resto da compañía. Non deixei de seguirlles a pista -e a discografía- até hoxe, e isto explica que a súa disolución coma grupo anunciada a través das redes sociais colléranos aos seguidores co pé cambiado. Sentimos xa moita perda cando a fermosa voz e presenza de Guadi Galego baixara da gamela deixando paso á solvencia interpretativa, compiladora e investigadora de Xabier Díaz pero sabiamos -sabemos- das vosas andanzas individuais en diferentes e proveitosos proxectos. Mais desta volta fixéstesnos unha xogada inesperada, aínda sabendo que a tocaredes unhas cantas veces máis e que a guitarra e arranxos de Guille Fernández seguirán soando noutro ataque de xota calquera, a percusión de Isaac Palacín petando a ritmo-dirección-neocórtex, vibrando as cordas de Quico Comesaña inspiradas na noite dos tempos e os teclados de Santiago Cribeiro agasallando melodías executadas cunha sensibilidade ao alcance de moi poucos. Por outros camiños. Nós, os bailadores, seguiremos bailando con elas. E as bailadoras con eles. Todas as combinacións son posibles. Quitando a camisa entre fusco e lusco, como nos dixeron.

Nós, os bailadores, seguiremos bailando con elas. E as bailadoras con eles. Todas as combinacións son posibles. Quitando a camisa entre fusco e lusco, como nos dixeron

A viaxe por urticaria foi posible ata no tempo dos imposibles -no medio deste temporal- emporiso é ben premonitorio que facéndose mais necesario ca nunca manter o soño vivo tomarades a decisión: a arela de liberdade, igualdade e fraternidade nunca morre. Adivíñase que outras Etienne Cabet virán, con máis furia, para falar das quimeras. E será pola certeza de que pode haber alegría nas bágoas polo que vos despedides “cun sorriso” e, á fin, Berrogüetto -coma Matto Congrio- nin propiamente se crea, nin se destruirá endexamais. Iso si, fraternidade, habela haina. E seguirá habéndoa, pois entre os músicos e afeccionados ao folk adivíñase un fío invisible de comuñón e necesidade recíproca en calquera concerto ou foliada improvisada, trocando en momentos únicos de comunicación sensorial e aprendizaxe sobre nós mesmos.

Berrogüetto conseguira o feitizo de crear e conservar un espazo permanente de intercambio e diálogo ecléctico e inter-xeracional entre os músicos e quen entendeu coma xenial a proposta aperturista

Berrogüetto conseguira o feitizo de crear e conservar un espazo permanente de intercambio e diálogo ecléctico e inter-xeracional entre os músicos e quen entendeu coma xenial a proposta aperturista -no referente aos horizontes e potencialidades de conxugar co tradicional as novas tendencias- nunha maridaxe entre os estilos contemporáneos e a raíz. Rozando a excelencia, e consagrando un perfil propio perfectamente identificable.

Os discos fican pero a maxia e a beleza estética dos directos ao vivo -a súa Ausencia- producen, inevitablemente, un pouso de nostalxia sobrevida e certo desacougo. Gardade os mellores sorrisos para a xira final porque nesas últimas pezas recibiredes o que destes levando o nome da Galiza dos de abaixo -a dos esquecidos- aos recunchos mais inverosímiles do mapa. A outros esquecidos, e por outros esquecidos. Será un recoñecemento mais sincero, intenso e auténtico que calquera dos premios e galardóns internacionais e moitos dos que vaian á rolda final serán -seremos- os que vos acompañaron dun xeito ou doutro no traxecto, nos anos onde cada concello paría un grupo gaiteiro ou unha banda marcial e os conservatorios inzábanse de músicos ávidos de folk e de mestres respectuosos -tamén- co noso. Agromando e contaxiando interese polo folk, a música celta, a música sen apelidos e a cultura en senso amplo.

Se outros grupos xa míticos gañaron o ceo no firmamento do panorama musical galego -desde Fuxan os Ventos a Milladoiro, por recoller tan só dous- é probable que Berrogüetto mereza un lugar preferente entre eles

Se outros grupos xa míticos gañaron o ceo no firmamento do panorama musical galego -desde Fuxan os Ventos a Milladoiro, por recoller tan só dous- é probable que Berrogüetto mereza un lugar preferente entre eles pola influenza e pola vocación de conectar sen medo o autóctono co universal, conxugando tamén co terreal e prosaico o máis elevado e inmaterial. Falando de amor, da Terra, e da kosmogonía. Por iso nos concertos que agardan, para rematar a función, o agradecemento virá de galegos e estranxeiros, dos fieis de sempre e dos de última hora, de tradicionalistas e vangardistas, de mozos, vellos, vilegos e cidadáns. Da Xente do común, do mar e do interior. Esa á que vos dirixistes maxistralmente dun xeito directo facéndolle despertar os sentidos, e que poderá sempre presumir de pertencer á patria de Berrogüetto. Quedaría repetilo unha vez máis neste texto para fechar o círculo. Sete integrantes, sete notas, sete cores do arco da vella e sete belas artes: Berrogüetto!!

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.