O presidente da Comisión de Economía e Política Financeira da CEOE, José Luis Feito, dixo que os parados podan deixar de cobrar a prestación por desemprego no momento en que rexeiten a primeira oferta de emprego. Este dirixente da patronal salientou que a estrutura da prestación por desemprego en España é moi "xenerosa", porque ao principio se cobra máis e logo vaise cobrando menos, algo que terá que cambiar. Feito debe pensar que nun primeiro tramo, tres meses, debe percibirse soamente o 50%, os seguintes 12 meses o 80%, e, no resto, outra vez o 50%. Este é o xeito de que a contía de desgravación fiscal que figura no novo contrato de emprendedor creado pola reforma sexa meirande. Feito busca os cartos dos parados porque o que di carece de sentido, aínda que seguro que busca como argumentalo.
Se analizamos as ofertas que hai, existe un tipo delas que se presentan para conseguir traballadores fóra do marco da legalidade laboral. Un exemplo real: un empresario solicita traballadores nunha oficina de emprego e, como non pode ser doutro xeito, establece unhas condicións acordes co convenio colectivo: cunha xornada a tempo completo a retribución será de 923 euros/mes incluíndo as pagas extras. Se tramita e se comproba que as condicións que lles ofrece ós demandantes non son as que figuran na oferta nin, polo tanto, as do convenio. A xornada é de 8 ás 18’30 horas cunha pausa de media hora, 10 horas efectivas de traballo, cobrará en man e serán 500 euros, aínda que deberá asinar unha nómina pola contía que figura no convenio. Ademais lles di que se cobra prestacións e se nega a traballar nesas condicións, lle dirán a Oficina que non quere traballar para que a sancionen. Coñecida a situación e posta en coñecemento dos superiores, na oficina se recibe a orden de que se continúe coa tramitación e se lle dará coñecemento á Inspección de Traballo.
Se a persoa enviada cobra prestacións deberá empezar a traballar e como o convenio prevé unha xornada flexible, deberá acumular trece semanas con ese horario
Se a persoa enviada cobra prestacións deberá empezar a traballar e como o convenio prevé unha xornada flexible, deberá acumular trece semanas con ese horario para poder pedir a súa diminución. No primeiro mes, trinta días despois da súa incorporación, poderá negarse a asinar a súa nómina se non figura nela a contía real que cobra, ou percibe a contía que figura na nómina ou escribe na nómina: recibín 500 euros. Logo decidirá se pon esta situación en coñecemento da Inspección de Traballo (dous ou tres meses de trámite) ou reclama a cantidade no xulgado do social (mais de seis meses). Como ten dous fillos a cargo, percibía unha prestación en contía mínima de 664,74 euros/mes. Deberá continuar traballando dez horas e cobrando 500 euros mentres non se soluciona o tema. Buscará cómo pagar as débedas que ten e seguir vivindo con 164,75 euros menos ademais de pagar á persoa que ó traballaren ela, ten que coidar ó seu pequeno. Unha sentenza poderá desvinculala desa oferta pero pasará mais medio ano para elo. Tamén é posible que o empresario decida darlle un certificado de empresa cunha baixa voluntaria e que reclame despois para reanudar a prestación.
Dende sempre este tipo de empresarios estiveron utilizando os servizos públicos para conseguir traballadores co chantaxe das prestacións. Agora, coa situación de crise, aínda mais. Levo mais de trinta anos traballando en temas de emprego é sempre me fixen a mesma pregunta: por qué non hai na LISOS (Lei de Infraccións y Sancións da Orde Social) unha figura que sancione ó empresario que faga estas tropelías privándolle da capacidade de contratar traballadores ou, cando menos, que non poda utilizar as ofertas para presionar.
A situación na que se coloca a unha persoa que cobra prestacións nunha oferta deste tipo é de absoluta indefensión. Os traballadores, polo xeral, teñen a mala costume de comer tódolos días, e os seus fillos tamén. Ademais, teñen o vicio de pagar facturas e cretos todos os meses. Colocalos nunha situación de diminución dos seus ingresos mensuais non parece un bo servizo de emprego para eles. Obviamente para este tipo de empresarios, sí.
Dende sempre este tipo de empresarios estiveron utilizando os servizos públicos para conseguir traballadores co chantaxe das prestacións
Reivindicar, como fixo Feito, que se sancione ós parados que non acepten unha oferta de emprego, sexa a que sexa, é darlle mais capacidade de presión ós empresarios e esta reforma xa converteu ós traballadores en servos, non sei que mais capacidades de presión queren.