A Paz e a Guerra

Andábame na testa dende había varios días un fermoso mural de Pablo Picasso que se conserva nunha capela en Vallauris, unha vila da Costa Azul Francesa. A obra titúlase La Guerre et la Paix, e foi pintada para honrar a memoria dos soldados falecidos durante a II Guerra Mundial, aqueles que, coa súa vida, contribuíron a acabar co nazismo. O que máis me chamara a atención desta obra é como Picasso representa a Guerra. Na pintura non hai metralletas nin tanques, tampouco caen bombas dende o ceo e, sen embargo, a violencia está moi presente a través de elementos moi primitivos como coitelos ou machados (obxectos que cortan ou recortan), pero quizais o máis explícito sexan uns cabalos negros pisoteando un libro mentres un home, que os guía, ameaza (cunha espada ensanguentada) a outro home espido que suxeita un escudo ilustrado cunha pomba branca na súa man esquerda, e unha balanza na man dereita. A Xustiza, e polo tanto a Paz, son agredidas. Na parte que representa a Paz, os homes e mulleres viven en comunidade e harmonía. O traballo, a cultura e a natalidade son os elementos que garanten non só o presente, senón tamén o futuro.

Ocorréuseme que había tempo en Europa non sufríamos tanta violencia como agora, polo menos no meu país. Unha violencia sen tanques ou bombas, pero violencia ao fin e ao cabo

Cavilando neste mural, ocorréuseme que había tempo en Europa non sufríamos tanta violencia como agora, polo menos no meu país. Unha violencia sen tanques ou bombas, pero violencia ao fin e ao cabo. Deume por pensar que, probablemente, había máis de dúas décadas que en Europa non se violentaba tanto a cidadanía. E, de súpeto, entérome que a UE recibe o Nobel da Paz.

A UE nunca estivo tan lonxe dos principios fundacionais que levaron á súa creación: a Paz e a Prosperidade

De entrada, só advertín paradoxos. O primeiro, pouco importante, que é Noruega precisamente un estado que non quixo entrar a formar parte desta comunidade, e é en Oslo onde se entrega este premio. O segundo, que a UE nunca estivo tan lonxe dos principios fundacionais que levaron á súa creación: a Paz e a Prosperidade. E o terceiro paradoxo, menos doado de visibilizar, pero igualmente presente, o de que estamos precisamente en guerra. É unha guerra onde os dous bandos fican difuminados pola complexidade do actual mundo no que vivimos. Dun lado están a plutocracia, o poder financeiro, a especulación, o ultraliberalismo, os recortes e a submisión. E do outro, está a democracia, a produción, os dereitos sociais, a rebelión e as ideas novas. O máis triste é que todos somos partícipes sen posibilidade de deserción.

É unha guerra onde os dous bandos fican difuminados pola complexidade do actual mundo no que vivimos. Dun lado están a plutocracia, o poder financeiro, a especulación, o ultraliberalismo, os recortes e a submisión

De todos os xeitos, aínda hai dúas maneiras de interpretar a concesión deste Nobel. Ou ben como un premio a un modelo político capaz de renunciar á súa esencia fundacional (paz, liberdade, democracia, dereitos humanos, progreso) para que Europa conserve, ou recupere, a hexemonía nun mercado global cada vez máis competitivo. Ou ben, unha advertencia a un proxecto desnortado e cruel que entrou nunha espiral de despropósitos que sitúan a UE próxima á súa desaparición e cuxas consecuencias serían extraordinariamente dramáticas a nivel mundial.

Nunca unhas eleccións galegas foran tan decisivas para Europa. Sería moi interesante aproveitar o 21-O para armarnos con algo máis que o dereito de manifestación

Este curioso Premio Nobel da Paz concédese a unha semana das eleccións autonómicas. Nunca unhas eleccións galegas foran tan decisivas para Europa. Sería moi interesante aproveitar o 21-O para armarnos con algo máis que o dereito de manifestación. En toda a historia do autonomismo galego nunca se violentara tanto ao noso pobo da man dos seus gobernantes e nunca tanta necesidade houbera de cambiar as tornas e, sen embargo, aí están as enquisas, dándolle a maioría absoluta á violencia. A aquiescencia dos galegos só pode ser entendida dende a anestesia a que nos someten case todos os medios de comunicación, a fragmentación dos contrincantes e o feito de ter vivido demasiado tempo na indiferenza froito duns anos de bonanza somnífera.

A aquiescencia dos galegos só pode ser entendida dende a anestesia a que nos someten case todos os medios de comunicación, a fragmentación dos contrincantes e o feito de ter vivido demasiado tempo na indiferenza

Cómpre sempre voltar aos clásicos europeus, xa sexan xenios das artes plásticas ou da literatura. E é que xa o dicía Dickens ao comezo do seu libro A Tale of Two Cities (ambientado nos anos previos á Revolución Francesa): “Tiñámolo todo ante nós, e non había nada; todos íamos dereitos ao Ceo, pero marchabamos en sentido contrario".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.