Cando o goberno de Aznar vai validar a decisión de afastar o Prestige da costa galega en contra do que dicían os protocolos, tamén vai principiar a heurística do temor. A medida vai danar a estrutura do petroleiro, que vai fender en dous após unha semana ao pairo vertendo combustíbel. O daquela vicepresidente do goberno español, Mariano Rajoy, encargado de dar a cara, vai evitar falar de maré e vai empregar o eufemismo "mancha negra". Máis tarde vai definir o verquido como “fíos de plastilina” que afundirían solidificados. Días despois, a enfiada xa era unha maré negra que atinxía quilómetros costa. A catástrofre do Prestige vai recibir unha grande cobertura mediática ao vivo, con dominio abafante de declaracións políticas de todo tipo, até desinchar contra o 2003.
Malia o devalo progresivo da atención mediática, mesmo os máis afíns ao goberno estatal e autonómico, acabaron por “lixar” as mans con chapapote. Aínda así, houbo medios que amosaron unha evidente “suspensión da ética” dende o seu particular anti-universalismo, considerando que reunir no segundo aniversario 20.000 persoas na Quintana - “y no en la grandiosa plaza del Obrardoiro”- foi “...el principio del fin de Nunca Máis, cuyo carácter político quedó reflejado en la reciente decisión socialista de retirarse de sus movilizaciones”(ABC 19-11-2004). A moralizante solidariedade da Dereita negou, máis unha vez, dende a súa atalaia, o carácter político - antagónico- da realidade e a necesidade de tomar partido. Puidemos ver como moitos comentaristas españois, malia recoñecer a nefasta xestión da crise, abandonan toda aparencia de pensamento independente e se aliñan co goberno.
Vai ser grazas a voluntarios anónimos que a catástrofe do Prestige non empeorou- que xa é dicir- pola aciaga xestión do goberno. Se hoxe hai xuízo é grazas aos 300 de Nunca Máis e á incontórnabel presenza dos voluntarios de aquí e de acolá
“Una vez hundido, surgió la brillante idea. «Busquemos un culpable útil»; «la culpa es de los gobiernos». Y apareció «Nunca Máis». Una ficción para expertos en ficciones.”
“Hay que recurrir a las tropas de reserva, que se movilice «Nunca Máis», una segunda edición en plena crisis del frente político. “ Pedro Arias, ABC 31-10-2010
E así... Para o comentarista non houbo dilema moral, malia saber que o goberno tomou medidas parciais, o que tiña que pasar pasou. Malia as “boas intencións” deconstrutivas, o comentarista non está á espreita da ficción máis problemática de todas, a sistémica.
Atinxir decisións colectivas son cousas que non lle incumbían ao gado miúdo. Abondáballe coa fe. Ao priorizar a substancia histórica sobre o presente político, non se acepta que na Galiza “individualista” se adoptara linguaxe de grupo, non se acepta a forma na que se reaxiu perante os intereses comúns porque se lle nega á realidade o seu carácter antagónico, é dicir, político. Ao negalo, non se entende que perante a posibilidade global de que a “intervención subxectiva” dun só suxeito sociopolítico poida desencadear unha catástrofe ecolóxica, non se poida refugar a primacía dos suxeitos da acción entanto afogamos todos nun mar de chapapote. Vai ser grazas a voluntarios anónimos que a catástrofe do Prestige non empeorou- que xa é dicir- pola aciaga xestión do goberno. Se hoxe hai xuízo é grazas aos 300 de Nunca Máis e á incontórnabel presenza dos voluntarios de aquí e de acolá.
Ningún goberno democrático debería poder xerar unha catástrofe - chimpando un petroleiro fanado á súa sorte - amparándose na mentira deliberada e non ter que respostar por elo
Axudáronos a des-aprender tanto do sentido común coma da avaliación fria e calculada, tirando coñecemento e confianza básica dos alicerces da nosa cultura. Dun xeito paradoxal, foi a xente quen atallou o pánico global e achegou certidume perante o cego circuíto do manipulábel. Ningún goberno democrático debería poder xerar unha catástrofe - chimpando un petroleiro fanado á súa sorte - amparándose na mentira deliberada e non ter que respostar por elo. Non están en condicións de dicir nada, terían que volver a aprender como criticar a quen nos gobernan. O silencio que arrodea a estes comentaristas é o mesmo silencio que arrodeou a vergoñenta resposta das administracións de Aznar e de Fraga e delata un cinismo deprimente cara as responsabilidades e competencias do Estado
A perspectiva Prestige atinxe non só aspectos formalmente ecolóxicos mais unha cuestión fulcral: o enfoque político e o valor moral necesario para manter un relato distinto
II
A mobilización social contiña tanta beleza como perturbación. O fundido en negro das praias galegas, como o movemento de peche dun filme de John Ford, vai equivaler a un palpebrexo crucial, unha inflexión na nosa forma de ver que vai parir unha perspectiva Prestige que é, porén, un xiro de porca para a ética do medio ambiente, porque atinxe non só aspectos formalmente ecolóxicos mais unha cuestión fulcral: o enfoque político e o valor moral necesario para manter un relato distinto e defendelo perante o discurso e a acción de goberno.
No campo da filosofía hai anos que se está a falar de mudar o centro de referencia da ética. Hai quen mantén que hai que pasar dunha ética antropocéntrica a unha ética do meio ambiente (Singer). Mesmo se podería falar dunha "obriga natural" que vai alén da responsabilidade adxectivada sob os atributos do "ético", o "político", o "moral". Estariamos a falar dunha responsabilidade natural virada cara os outros. Trátase dun outro global que faga posíbel a coexistencia, a vida e a contorna natural no planeta. O concepto "natural" cómpre entendelo aquí en termos naturalistas ou, se se quixer, de sobrevivencia, de necesidade vital, e non no sentido de orde natural preestablecida ou dunha “naturalización” do capitalismo.
A desfeita do Prestige vai devir acontecemento porque xerou a obriga global de actuar, poñendo de paso en evidencia o conceito de obriga ou responsabilidade "política" coñecida até o momento na nosa contorna social, cultural e política
A desfeita do Prestige vai devir acontecemento porque xerou a obriga global de actuar, poñendo de paso en evidencia o conceito de obriga ou responsabilidade "política" coñecida até o momento na nosa contorna social, cultural e política. Cómpre lembrar que houbo intres nos que cobertura mediática tivo que defrontar un dilema moral, porque xa non se trataba de axir dun xeito laxo e moralizante a prol das vítimas do vertido e da xestión da crise, de “tomar” máis ou menos partido amosando a información ao vivo en toda a súa crudeza ou nutríndose apenas das fontes políticas, senón que, amosada a contradición entre o que as fontes políticas dicían -minimizar a maré negra até o absurdo- e o que a realidade amosaba, resultaba imposíbel non ser parcial. Mais esta imposibilidade de non ser parcial revela que o individualismo extremo da dereita defende un universalismo nesgado.
Só a mobilización social vai estar á altura da catástrofe ao proxectarse nela, e sobre esa aceptación, mobilizouse adiantándose ao futuro
III
Porén, só a mobilización social vai estar á altura da catástrofe ao proxectarse nela, e sobre esa aceptación, mobilizouse adiantándose ao futuro. O Goberno fixo exactamente o contrario, a non aceptación e as medidas parciais levouno ao desastre ecolóxico de xeito inevitábel. A escala planetaria, a perspectiva Prestige segue a poñer en causa a "responsabilidade" que se xera dende a política pois o desexo de evitar novas catástrofes, a organizarse e pór os freos que se precisan, non se colmou nos dez anos transcorridos, é dicir, sabendo o que agora se sabe non se fixo nada para defrontar unha nova catástrofe. As 80.000 toneladas de entullo xerado, mesturado con rochas, animaliños, xebra, luvas, mascariñas e roupa de augas dos voluntarios é pura pulsión capitalista en repouso. Como algo do que ninguén é responsábel. Xace nas Somozas coma un peixe monstruoso, un punto cego do campo visual, non pertence a ninguén, nin á natureza nen á cultura. Mais existe e o Prestige aconteceu.
No canto de reforzar os valores positivos da solidariedade e da identidade social creada, o poder político opuxo un "sistema de fronteiras" baseado no rexeitamento porque se sabían axentes dun sistema no que sairían beneficiados malia o impacto emocional na poboación
O que aquí chamamos perspectiva Prestige tamén permitiu debullar, nun efecto de claro-escuro, o grao de honestidade dos responsables políticos no reporting dos seus resultados. Perante a presión, a reacción inmediata vai ser a estigmatización do movemento social aglutinado arredor de Nunca Máis , Burla Negra e dos milleiros de voluntarios. No canto de reforzar os valores positivos da solidariedade e da identidade social creada, o poder político opuxo un "sistema de fronteiras" baseado no rexeitamento porque se sabían axentes dun sistema no que sairían beneficiados malia o impacto emocional na poboación. Como puidemos comprobar hai ben pouco, o "sistema de fronteiras" segue plenamente operativo fronte as últimas mobilizacións sociais.
Como efecto colateral non previsto, a "perspectiva Prestige" vai ter unha repercusión inmediata, visíbel no alto grao de produtividade nas tarefas de limpeza e colaboración desinteresada dos voluntarios e no activismo social de Nunca Máis que veu afortalar cun discurso propio a identidade social que serviu para reducir incertezas e acrecentar o nivel de colaboración e de confianza entre as persoas, superando así a xestión de controller das dúas administracións ao pór en evidencia que as decisións tomadas tiñan tal grao de nesgo que teriamos que dispor de marcadores físicos para detectar que grao de consciencia desenvolveron os responsables políticos cando van dicir o que dixeron e facer o que fixeron. Ainda que non todos os protagonistas tiveron o mesmo papel, após dez anos sabemos que a maior rango, maior foi o beneficio acadado por mor das decisións tomadas.
IV
Estou indignado, indignado
Capitán Renault
(Casablanca,de Michael Curtiz)
A conclusión que se pode tirar é que vai ser a sociedade civil quen vai entender e asumir a responsabilidade global de actuar perante o axir político coñecido, incapaz de satisfacer as necesidades políticas dos cidadáns
A necesidade de avanzar cara un sistema político internacional que teña en conta e evite estes perigos e amezas, cuestiona as responsabilidades políticas e morais coñecidas até o de agora, mesmo sabendo que nas relacións internacionais actuais non hai xeito de imputar ao Estado obrigas morais xa que a teoría alicérzase nas persoas coma únicos suxeitos éticos e non as institucións. A conclusión que se pode tirar é que vai ser a sociedade civil quen vai entender e asumir a responsabilidade global de actuar perante o axir político coñecido, incapaz de satisfacer as necesidades políticas dos cidadáns, sobre todo se estas se relacionan coa necesidade de evitar os efectos autodestrutivos do modelo económico actual. Sería doado ficar nun fastío escéptico perante a incompetencia de quen nos goberna. Perante a perspectiva Prestige non ten sentido ningún teimar na laxitude conceptual da responsabilidade "moral" ou "política" se non van acompañadas do comportamento que impón a noción de obriga global que faga posíbel a coexistencia aquí e agora, e permita ir re-politizando as relacións económicas. Portanto, se deixamos o desafío da renovación política aos Feijoós, Rajoys, Merkels, Montis e Camerons só imos acabar máis desenganados, máis decepcionados.
Se deixamos o desafío da renovación política aos Feijoós, Rajoys, Merkels, Montis e Camerons só imos acabar máis desenganados, máis decepcionados
A ética do meio ambiente que contén esa perspectiva, tamén permitiu albiscar como a secular adaptación dos galegos á nosa contorna natural precisa unha responsabilidade que vaia do "eu" ao "nós" e dunha economía alicerzada no crecemento e na expoliación, a unha socioeconomía asentada no deber co entorno natural. Unha continuidade da que informaba a nosa cultura tradicional e que foi esmorecendo perante a recepción acrítica da transformación técnica e simbólica dun mundo postmoderno.
A inflexión que aquí fitamos caracterizouse polo feito de que dándose nun contexto no que os cidadáns e axentes sociais non comparten a mesma xerarquía de valores nin concordan o mesmo contido á noción de “vida boa”, alén das comunidades morais particulares, agromou como acontecemento a comunidade moral de persoas, é dicir, aquela que non depende do principio de autonomía senón do principio do ben obrar.
Cando a desfeita do Prestige a opción política correcta vai ser non desentenderse. A perspectiva Prestige convídanos, e interpélanos, a transformar e reinventar as propias nocións de autonomía e responsabilidade ética
O ben xa non é en beneficio persoal ou para un grupo de persoas, senón que se basea na continuación e o desenvolvemento da vida sobre o país e sobre o planeta. A dificultade de fondo alicerza no propio sistema capitalista planetario pois ao tempo que produce ameazas ecolóxicas, activa espazos de resistencia. Non hai guión, e sabemos que non dispomos do coñecemento que nos permita facer escollas informadas, porén, a catástrofe produciuse, e malia as alertas do siso común apañouse o chapapote coas mans.
Velaí o miolo ético desta perspectiva, se por unha banda se alicerza nunha ética do medio ambiente, por outra, albisca a posibilidade da disconformidade, ao debruzarse nunha reterritorialización social, na creación de espazos sociais ben definidos que defronten politicamente, en vez de resignarse, unha realidade esencialmente política, para esixir solucións. Cando a desfeita do Prestige a opción política correcta vai ser non desentenderse. A perspectiva Prestige convídanos, e interpélanos, a transformar e reinventar as propias nocións de autonomía e responsabilidade ética.
Para facermos valiosa aquela aprendizaxe perante a crise actual, cumpriría reaxir desde ese impulso moral, e non dende o cinismo, cara un maior compromiso na xestión da cousa pública para que non fique nas mans das elites burocráticas
Para facermos valiosa aquela aprendizaxe perante a crise actual, cumpriría reaxir desde ese impulso moral, e non dende o cinismo, cara un maior compromiso na xestión da cousa pública para que non fique nas mans das elites burocráticas. Non abondan unha ética e unha poética da resistencia. Dez anos despois, velaí o que fai tan interesante o discurso de Nunca Máis, as performances de Burla Negra ou o tremor testemuñal de cada voluntario. A perspectiva Prestige, non limitarse a achicar.