A pesar dos votos acadados, Feijóo segue sendo o peor Presidente da historia de Galicia. É importante repetir esta frase non vaia a ser que a dereita mediática e o aparato do Partido Popular nos vaian convencer do contrario. Os votos e os escanos dan gobernos pero non respectabilidade; Feijóo fortaleceu a súa lexislatura e campaña cun conxunto inmenso de mentiras e promesas incumpridas. Podemos falar dos eólicos, de Pemex, dos recortes na educación ou sanidade pero tamén do principal eixo da súas proezas: Feijóo “o austero”, o presidente que controlou o déficit como un novo San Xurxo loitando contra o dragón... pero a realidade é outra moi distinta como nos ilustrou o Consello de Contas presidido polo conselleiro de Economía de Manuel Fraga, José Antonio Orza. Feijóo facía trampas e agochaba 411 millóns de euros no ano 2010 e aínda non coñecemos as cifras actuais pero os ruxe-ruxe falan dun desfase que hoxe se podería achegar aos 2.000 millóns. A mentira permanente.
Un dos peores erros da oposición (PSdeG e BNG) foi que nas datas posteriores ás eleccións do 1 de marzo de 2009, cando todo o Partido Popular se dedicou a demonizar o bipartito, ninguén saíu a defender a actuación do goberno
Nos poucos días despois á celebración dunhas eleccións xóganse as seguintes. Un dos peores erros da oposición (PSdeG e BNG) foi que nas datas posteriores ás eleccións do 1 de marzo de 2009, cando todo o Partido Popular se dedicou a demonizar o bipartito, ninguén saíu a defender a actuación do goberno; só algunha voz, tímida, se atrevía a defender unha actuación ou consellería moi próxima, pero ninguén fixo unha defensa global do que agora si sabemos que foi, a pesar dos erros cometidos, o mellor goberno que tivo Galicia até a data de hoxe.
A iso contribuíron as voces máis destrutivas dentro da oposición -especialmente no BNG- que nun exercicio de frivolidade política preferiron facer en moitas ocasións os coros a Feijóo
O Partido Popular, coñecedor de que non existían valedores que puideran contradicilo e coa forza dunhas eleccións recén gañadas aínda que fora por escasa marxe, dedicouse a repetir até a saciedade o desastre que foi ese goberno, e de tanto repetilo acabou sendo “certo”. A iso contribuíron as voces máis destrutivas dentro da oposición -especialmente no BNG- que nun exercicio de frivolidade política preferiron facer en moitas ocasións os coros a Feijóo.
Eses días de marzo de 2009 a esquerda e o nacionalismo comezaron a perder as actuais as eleccións. Así as cousas, que poden pensar os electores cando despois de 4 anos de goberno ninguén se fai responsable do mesmo?, cando os dous partidos renegan das actuacións do goberno e mesmo dos lideres que nel participaron?
Agora a dereita, coa forza de 41 actas no Parlamento vai intentar outra vez repetir a xogada e non vai cansar de lembrarnos que este último foi o mellor goberno de Galicia, do Estado e se lles deixamos do Universo
Agora a dereita, coa forza de 41 actas no Parlamento vai intentar outra vez repetir a xogada e non vai cansar de lembrarnos que este último foi o mellor goberno de Galicia, do Estado e se lles deixamos do Universo. Ninguén lle coñece unha actuación positiva; a campaña do PP foi un conxunto de mentiras pasadas e futuras e só se o consentimos acabaran demostrándonos que votamos a favor dos recortes, da baixada de salarios e pensións, do incremento do paro, da destrución da nosa cultura e lingua..., pero todo polo noso ben grazas, pois temos o “mellor/peor”* Presidente da historia de Galicia. (* rísquese o que non proceda).