Chamei á miña nai ao final do día para reflexionarmos sobre os intereses obxectivos de cadaquén ou de cada clase, e determinamos que a chave quizais sexa aprender a diferenciar o que nos fai ben do que nos parece que nos fai ben
"Vota ben, vota aos nosos", escoitei nos colexios electorais, e chamei á miña nai ao final do día para reflexionarmos sobre os intereses obxectivos de cadaquén ou de cada clase, e determinamos que a chave quizais sexa aprender a diferenciar o que nos fai ben do que nos parece que nos fai ben. Lembrei a Sócrates: se coñezo o ben, non fago o mal. Se coñezo o ben, non voto mal.
Como digo, o caso é coñecer o ben, saber o que é. Coincide co que me fai sentir ben? As gratificacións rápidas dunha droga ou dunha relación tóxica, son boas para a nosa saúde? As palabras que me enganan dicíndome o que quero escoitar, fanme ben, sonme útiles, líbranme da realidade que non quero ver?
Na xornada electoral do domingo castigáronse políticas progresistas, porque miran cara o que quizais se debe ou pode ser. Premiáronse as populistas, porque só reforzan o que xa se é e permiten soñar coa ficción do que se quere ser
A cor política tornouse conservadora a semana na que certos medios publicaban a posición da dereita fronte ás políticas ambientais –que inclúen modelos urbanísticos- de cara á axenda 2030: a contaminación non mata a ninguén, dixo Ayuso uns días antes de gañar. A mesma Von der Leyen foi presionada polo seu partido para que suavizase as esixencias nese eido, a medida que se exorciza o ecoloxismo no ámbito da psicoloxía cun diagnóstico delirante, ecoansiedade, e se penaliza no xudicial: algunhas xornalistas están sendo investigadas por complicidade con accións de protesta. En fin, sabemos que a liberdade de pensamento acaba onde comeza a infraestrutura...
Na xornada electoral do domingo castigáronse políticas progresistas, porque miran cara o que quizais se debe ou pode ser. Premiáronse as populistas, porque só reforzan o que xa se é e permiten soñar coa ficción do que se quere ser. A publicidade do Youtube non é mostra sociolóxica, pero indica algo. Entre anuncios de liberdade financeira (así se lle chama agora á crítica do materialismo ao formalismo asociacionista) asoman os de roupa barata, fast fashion¸ mentres se canta: I feel like a billionaire, I’m shocked like a billionaire.
Perdendo o logos, a racionalidade, que tradicionalmente permitía distinguir o que parece do que é, a democracia esvaécese e gaña a demagoxia: o trunfo dos discursos que adulan os nosos oídos e que apoderan os nosos defectos
Gañaron o entretemento e as obras. Mais a política –coa ética- forma parte do coñecemento práctico (praxe), que é inmanente. Non produce nada. Diferénciase do coñecemento técnico, produtivo (póiese) porque este é transcendente: produce obra (ergon). Porén, di Arendt que a política se convertera nunha técnica propia de especialistas, e por iso, dicimos, só se lle pide que constrúa cousas. Isto é ao que clasicamente se lle chamou alienación: a delegación da palabra e da acción ao círculo de profesionais ao que se lle demandan elementos transcendentes: grandes, que perduren e que non sirvan esencialmente para o bo vivir. Non para que vaia ben, só para aparentar que nos vai ben.
En realidade, tamén dicía Arendt que a política non podía quedar regulando a esfera do doméstico e da súa xestión, da economía (oiko-nomía). De ser así, o cidadán sería só un supervivente ou un consumidor. Perdendo o logos, a racionalidade, que tradicionalmente permitía distinguir o que parece do que é, a democracia esvaécese e gaña a demagoxia: o trunfo dos discursos que adulan os nosos oídos e que apoderan os nosos defectos.