A política psico-porno

Escribe Sloterdijk que unha comunidade é unha comunidade e seguirá a ser unha comunidade entanto imaxine que é unha comunidade. Como a música, apenas durante o tempo que dura a audición e o seu revérbero. Fronte a ela é evidente que o estado existe –e a quen o nega halle chegar acuse recibo - mais decidir só existe porque se decide, segundo condicións, e vontade. Decidir ben podería ser un nome para a comunidade inconfesábel do suxeito soberano que se sabe tal porque se soña e teima en seguir soñando. Porque do que non se pode falar o mellor é votar, aínda que a modalidade de expresión colectiva non sempre estea prevista como tal pola ineluctábel lei electoral. Até a perda do verdadeiro contido político das eleccións orgánicas.

Pode debullarse, en primeiro lugar, que o escenario de trivial identificación entre democracia, dereito e xustiza, que reduce a política á acción afastada dos partidos, gobernos e medios de comunicación, non é máis do que a posdemocracia que Colin Crouch identifica como síntoma da desterritorialización dos nodos de decisión política na promiscuidade alargada dos axentes políticos e empresariais. Na volupia desa composición, os cidadáns non teñen parte no ménage à deux . Sorprendidos pola finta à deux, protexémonos pola esquerda e fomos atacados pola dereita (e ao protexernos, di Clèment Rosset, deixamos sen defensa o franco vulnerábel de modo que o xesto feito para evitar confúndese co xesto fatal). Da organicidade resultante da cópula derívase a perda de libido cidadá en forma de eleccións despolitizadas e perda de contido político das sociedades democráticas. A falta de erótica democrática, a política tornouse psico-porno.

Refiramos un caso. Cando os paraísos fiscais e as transaccións financeiras internacionais tentaron ser monotorizados para verificar o fluxo de finanzas de financiamento do terrorismo o que se mostrou é que foron quen de se mover de forma eficaz, tal é a súa mutua forza de atracción. Neste sentido, a desregulación dos mercados atende de facto a unha regulación psico-pornográfica que axe desinhibida, de aí a súa aparente falla de axuste, mas oficia segundo un procedemento puramente exteriorizado. Simplemente acontece como mecanismo obsceno que mostra sen mostrar sen diferenciar un afora e un adentro. A enleada posdemocrática mostra esa confusión de pornografía e erótica. Os procedementos amatorios dos poderes económicos e xurídico-políticos teñen desactivado a ars amandi da democracia (a soberanía colectiva) deturpando o significado erótico da democracia como arte asociativa ao derivar nunha única forma de estado, o que é de seu un operativo mecánico sen sedución, mas de dificil desmontaxe da súa unidade. Nesa deriva procedimental, o que resulta naturalízase, o suxeito tórnase obxecto. Para o lacaninao Žižek, na pornografía acontece unha especie de inversión de papeis: a ollada debruza da parte de quen olla, e nese ollar tornámonos obxectos ao ollar a imago que “todo o amosa”. Baudrillard tamén enxergou que o porno nos achega de máis ao real que nunca existiu xa que nun tivo sentido mais que a unha certa distancia. De aí a histérica evocación á transparencia que se repite até o infinito cando a queda do pano deixou ver a trapaza e o enredo: de seu a corrupción derivou problema cando callou a percepción de termos perdido o anaco (traballo e derivados adquisitivos) que nos tocaba por dereito malia sabermos sempre que soerguía sobre unha devastadora inxustiza distributiva. Como aconteceu no imaxinario visual, o que antes só era porno agora é máis tolerado sempre e cando nos deixemos de lerias e desbotemos as “historias innecesarias”.

No réxime neoliberal que preside a postdemocracia inoculouse a idea de que podemos defrontar o real sen mediación. A perda de interese é correlativa a ese devir porno da política na súa condición neoliberal. A política como psico-porno imprégnase de evidencia: “non nos incomode cos xogos introdutorios o que se precisa é irmos directamente á mecánica carnal. Unha política sen preliminares que aspira a ser una mediación sen mediación.

Tres exemplos recentes abondarán de momento para ilustrar esta volupia. O PP aferrándose mais unha vez á economía para disuadir o soberanismo ou calquera outro episodio de politización popular. Reparemos neste punto. Por exemplo, en quen emprega os slogans e as técnicas de marquetin con habelencia, o ministro De Guindos: "Os mercados non acreditan que unha comunidade se poida independizar". Frase profunda, orgásmica, na que o capital nin se menta malia mostrarnos os seus xenitais. Con todo, non debemos ficar coa proxección do fracaso dun desexo individual perante o que acontece en Catalunya, onde o ministro revele o malestar de correspondencia do seu desexo coa realidade. O imperativo neoliberal empuñado polo oráculo non está só a negar que as nacións sen estado se tornen independentes en termos xurídico-políticos, mas que non hai nada afora dos mercados, fora do capital. En consecuencia, a decisión libre ficaría reducida a libre escolla entre ofertas nunhas eleccións orgánicas.

Porén, infelizmente, non son os procesos de empoderamento social os que hoxe estean a comprometen a serio ao capital, toda vez que non é ameazado por ninguén agás polo propio capital. De Guindos sabe que o problema dos mercados é que non acreditan en si mesmos. Mais un exemplo seria o dos banqueiros afirmando que se queremos que a cousa funcione, temos de salvar o negocio cos cartos dos parceiros-contribuintes. A reforma vicaria da Constitución Zapatero-Rajoy de 2011, ilustra ben esa corrente de xestión neoliberal da política que na altura houbo quen interpretou como mal menor e que vén a dicir “nós facemos o que facemos”. A dimensión discursiva fica reducida a deserotizar os motivos da política indo directamente ao surplus aparentemente afora do pensamento, da vontade e do desexo do pobo soberano.

Reprime as túas discrepancias - dísenos na empresa e na publicidade- do contrario terás un problema en forma de burnout, exclusión, desemprego, recortes, pobreza. E se non mudas de actitude, asume as consecuencias. Ao cabo, todo alicerza na aparente autonomía do suxeito e na actitude do individuo que é o único que pode mudar a súa sorte coa mente (a construción algorítmica dos perfís individuais do web, un para cada usuario, mostran o simulacro de comunidade que é internet) . O libro Psychopolitik de Byung-Chul Han desenvolve esa idea de total optimización persoal a través de requintadas estratexias de coaching nas que el e ela se tornan obxectos voluntarios de explotación para estirparen os seus pensamentos negativos seguindo prácticas motivacionais e discursos do privado socializado e publicitado (TED, Ideas worth spreading, ideas que merecen ser diseminadas). Velaí o paradoxo, entanto se fai debruzar todo o poder na actitude do individuo para mudar o curso dos acontecementos e da súa propia sorte, sen que os gobernos gobernen ou fagan algo, como colectivo négaselle o poder de mudar as cousas. Unha persoa, un voto, e unha inesgotábel traballo de repetición do catálogo psicopolítico de éxito abstracto e invasivo (“sigue o programa e gorenta») para exorcizar o inimigo interior do eu (“non penses, faino“). Reprogramación. O liderado de Pablo Iglesias en Podemos ten trazos dese mesmo aprendizado de suxeción de eficacia comunicativa a ditado dos media e das estratexias de desinhibición motivacional de coaching no que para dar valor ao que se é cómpre extirpar toda negatividade.

Fálase dos mercados (esa unidade definida nos procedementos de confluencia do poder político xudicial e económico) como se for a inmensa maioría porque na cópula de Política e Mercado non hai fenda. Mais os mercados non imaxinan. Para imaxinar precísase ars amatoria e non a simples e restritiva repetición da mecánica copulatoria. De feito, ten sido a expectativa oracular defraudada, a ilimitada fartura prometida, a que impactou na conciencia enganada que, a falta doutro destino acabou por acubillar en infroentretenimentos e outros positivismos exacerbados que se poden engulir sen mastigar: “ficarmos desempregados non é mau, é mesmo unha acontecemento, unha oportunidade para reinvertarmos”. As novas formas de neoliberalismo redireccionan as formas de consumo de vivenda ou de roupa cara a autoaxuda do individuo culpábel, alicerzada nun incondicional optimismo no que non hai lugar para a queixa das condicións de traballo. “Mas como, vas rexeitar isto?” Ao cabo, se aínda traballas é porque tés sorte”. Tranquilo, poderás optimizarte. Non importan o acceso á educación, os recortes e o desemprego estrutural porque sempre poderás devir un inversor anxelical ou facer unha start-up.

Malia as disparidades sociais de orixe, todo o poder para a persoa individual en comuñón con esa unidade indeterminada e providencial. O apelo ao individuo omnipotente, mas culpábel, marca asín o lindeiro entre a pluralidade social (a erótica como arte da vida e praxe da liberdade) e a política psico-porno neoliberal como medio de sometemento, reducindo o ámbito mental da democracia e da paz social, á consumación da promesa de satisfacción ilimitada das necesidades de quen fai parte vicaria e de quen traballa.

A composición unitaria de Politica e Empresa é a transposición á política do mito da bondade trivial do capitalismo dunha promesa de recompensa a quen consinte o estipulado e ao que hoxe hai que engadir o medo da privación de traballo. A dominación neoliberal consúmase así na idea de que non hai poder ningún que arelar para deter o réxime de disparidades entre os que teñen e os que non teñen. No entanto, esvaeceu da memoria que a consumación democrática nunca está garantida para sempre. Porén, fronte esa aparente unidade copulativa, a democracia ofrece pluralidade.

Precisa dunha vitalidade renovada que non sempre se corresponde co marco normativo e institucional que a priori debería garantila. A optimización do goce democrático pasaría asín pola reapropiación da ollada para imaxinarmos comunidade. A posdemocracia -e toda a sintomatoloxía des- móstranos que a erótica democrática é colectiva e descontinua e non garante o goce ilimitado encanto cálculo de custo ou optimización persoal ao servizo da empresa e do mercado xa que precisa estar atravesado de lances reais de emponderamento das persoas e non de urbanizacións fechadas ou de simulacros do común. Así, o clímax democrático do 9-N en Catalunya derivaba, para alén da dinámica recente que a encerrou nun beco, da vella tradición de autoorganización catalá, non sempre progresista, mas alicerzada no pluralismo urbano que confluía na transmisión do saber cultural e na modernización conformando un campo de forza transversal que non é político entanto que nel agromaban e circulaban afectos colectivos, e que é político entanto que a comunidade, a cidade e a nación son a realización dunha vontade que é resultado dunha competición entre diferentes contidos. Mediación necesaria aínda que só sexa para reducir as obscenidades e as perversidades xa que a sedución nunca será un mecanismo perfecto. O que acontece, ao meu ver, cando o espazo político proxecta cara o futuro o relevo do local ou dos espazos colectivos realmente emprazados sobre a esfera virtual pseudo pública, e onde a comunidade civil, a forma de vida “nación democrática”, se torne por un momento máis sedutora do que a consumación persoal ao ditado do me gusta.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.