Recentes estudos describían a Galicia como CC.AA. con evidente atraso tecnolóxico (Navarro & Gibaja, 2009). Este atraso tecnolóxico producíase como consecuencia dunha economía que estaba asentada nun modelo de crecemento no que primaban os sectores de baixa produtividade, en especial a construción e as obras públicas, e un sector terciario de consumo estándar (Vence, 2010). Estabamos pois, a mercede dun modelo de crecemento curtopracista baseado en gran medida nunha especulación que a fonda e prolongada crise económica e o modelo económico neoliberal fixo agromar cunha virulencia descoñecida nas últimas décadas do capitalismo.
Perante esta situación, formúlase a necesidade de acometer unha mudanza estratéxica que permita fomentar o desenvolvemento tecnolóxico en áreas con potencialidade económica de cara ao futuro. Esta foi a lóxica que empregou a UE para deseñar as políticas de Especialización Intelixente que se puxeron en marcha de cara ao inicio do período de programación 2014-2020. Pretendíase así, desde Bruxelas, ofrecer unha alternativa máis eficiente para o investimento de Fondos Estruturais, coa fin de que as rexións europeas con menor nivel de desenvolvemento fosen capaces de competir polos nichos existentes nos mercados globalizados.
Galicia conta cunha rede empresarial constituída nun 95% por Pemes (Ministerio de Industria e Turismo, 2012). A capacidade de investimento desta rede está fortemente debilitada debido aos efectos da crise que padecemos, por varios factores: os coñecidos e mal entendidos “recortes” no investimento público, a falta de financiamento desde as entidades de crédito, a caída dos ingresos polo descenso da demanda ou a menor dotación de recursos europeos en I+D+i nos sucesivos períodos de programación, entre outros.
Debería ser unha prioridade para as administracións públicas tratar de fortalecer a economía galega de forma transversal a través da aposta pola I+D+i, unha economía na que as Pemes son o eixo central. Para que o lector poida comprender a importancia da innovación, habería que subliñar que o investimento en I+D+i permite, por exemplo, lograr avances para a saúde (tratamento de doenzas –cancro, inmunodeficiencias, doenzas víricas, doenzas raras), a educación (investigación para mellorar os coñecementos das xeracións presentes e futuras) e dos restantes campos do saber (a historia, as matemáticas, a bioloxía, a química, a física etc) necesarios para o desenvolvemento das sociedades. Ademais existe un efecto arrastre do investimento público que facilitaría o feito de que as empresas poidan destinar parte dos seus orzamentos tamén á investigación e innovación.
Por se aínda así o lector non considerase esta razóns como suficientes para apostar de maneira prioritaria pola investigación e a innovación, quizais habería que explicar que será o investimento nesta área o que poderá garantir -en gran medida- que no futuro se cobren pensións. Como é isto? O feito de que as empresas innoven permitiralles subsistir no mercado global, logrando manter ou incrementar as cotas de mercado nunha contorna na que as entidades doutros territorios tamén realizan os seus esforzos en avanzar. Desta maneira poderase non só xerar valor engadido na produción, senón manter ou crear postos de traballo de calidade que, mediante cotizacións superiores á media, permitirán manter a parte do sistema de pensións que aínda non teñan depauperado as políticas depredadoras seguidas polos sucesivos gobernos en Galicia, en España e, en definitiva, en Europa.
Que foi o que se fixo en Galicia respecto á I+D nos últimos anos? Pouco. Moi pouco. As políticas de recorte sobre este tipo de investimentos foron aplicadas ao Sistema Galego de Innovación antes e con maior intensidade que no conxunto do Estado. Desta maneira, o investimento en I+D pasou de ser o insuficiente 0,99% respecto ao PIB en 2007, a descender progresivamente ata chegar ao escasísimo 0,87% en 2014, caendo case un 13% nos últimos anos. Cada vez estamos máis lonxe das economías avanzadas que superan o 3% de investimento sobre esta magnitude nalgúns casos -3,17% en Finlandia, 3,16% en Suecia, 3,08% en Dinamarca (Eustat, 2016)-, e noutros moitos achéganse a este valor -2,99% en Austria, 2,84% en Alemania, 2,46% en Bélxica, 2,26% en Francia (Eustat, 2016)-. Véxase no seguinte gráfico a pouco esperanzadora senda que seguiu o investimento en I+D respecto ao PIB galego desde o comezo do anterior período de programación europeo:
Pero se queremos exemplos máis próximos, Galicia tampouco sae ben parada da comparativa. A posición relativa do territorio respecto ás restantes CC.AA. que conforman o Estado é de décima das 17 rexións españolas en 2014, segundo o INE. Estamos, pois, cara o furgón de cola do Estado, e moi alonxados das zonas punteiras neste ámbito: País Vasco, Navarra, Madrid e Cataluña, superando estas catro o do valor 1,5% e chegando no caso Vasco ata o 2,03%.
Nestas condicións faise imposible que se produza un proceso de achegamento respecto ás rexións máis desenvolvidas. A pregunta, polo tanto, está a trasladarse desde o antigo “Que política económica queremos para o futuro de Galicia?” cara o actual “Ten Galicia futuro económico?”. Que lle pregunten aos moitos miles de desempregados e emigrados a súa opinión.
A pesar de que as Pemes son claves no tecido produtivo galego, non só estas están a sufrir este desamparo institucional. O conxunto dos axentes do Sistema Galego de Innovación, e da sociedade, están a sufrir as consecuencias destas desatinadas políticas austericidas. Pero para corrixir esta situación non abondaría con aumentar os investimentos respecto ao PIB, dada a posible existencia de problemáticas na capacidade de absorción de fondos1. Cómpre aplicar múltiples medidas de acompañamento, algunhas das cales serían: deseñar políticas desde o lado da demanda que incentiven a participación empresarial, aumentar a formación dos RR.HH., fomentar a cultura innovadora nas empresas e institucións, dotar de incentivos de contratación ás empresas e centros de investigación, proporcionar unha maior coordinación e interactuación entre axentes que permita unha maior fluidez nos intercambios do coñecemento, corrixir desequilibrios rexionais e apostar pola transferencia e internacionalización da innovación. Acaso queremos que a I+D continúe a ser unicamente das elites? Ou queremos que sexa para todos?
Notas
1- O paradoxo da innovación refírese á menor capacidade de absorber fondos e desenvolver un nivel apropiado de actividade relacionada coa innovación, das rexións que máis necesitarían incrementar o investimento en innovación para estimular o crecemento, comparado coas rexións máis avanzadas.
Bibliografía
-Eustat (2016). Gasto en I+D+ (%PIB) por país 2002-2014. Consultado o 26 de xullo de 2016 e dispoñible en
http://www.eustat.eus/elementos/ele0003200/ti_Gasto_en_ID__PIB_por_pais/tbl0003292_c.html#axzz4FW8mNBkC
Ministerio de Industria e Turismo. (2012). Estadísticas Pyme. Evolución e indicadores. Obtenido de www.ipyme.org: http://www.ipyme.org/Publicaciones/ESTADISTICAS_PYME_N10_2011.pdf
-Navarro, M., & Gibaja, J. (2009). Las tipologías en los sistemas regionales. Ekonomiaz, vol. 70 , 240-281.
-Vence, X. (2010). Sistema Galego de Innovación e políticas de innovación: Balance dunha década. Revista Galega de Economía, vol. 19 , 161-190.