A evolución social non conseguiu, na actualidade, pór freo á escravitude destes días, a cal aloxa todo o seu peso nas mulleres en nome do “oficio máis antigo do mundo”: a prostitución. Enraizada na violencia cara as mesmas, lonxe de desaparecer, semella estar máis presente ca nunca grazas a unha sólida industria do sexo en continua expansión. Tanto é así que nin as numerosas leis e propostas, nin os relevantes avances acadados polo colectivo feminino, nin, moito menos, os macabros datos que cada día se redescubren en relación á prostitución e á violencia contra as mulleres e nenas disuaden aos putañeiros e aos diarios galegos de seguir a sustentar e promocionar este nocivo negocio.
Aínda que poida soar duro, uns medios de comunicación que se lucran coa prostitución o fan, tamén, en calidade de proxenetas
Aínda que pode soar duro aludir á prensa como proxeneta, non cabe dúbida de que uns medios de comunicación que se lucran coa prostitución o fan, tamén, en calidade de proxenetas. Destaca o noso por ser o país pioneiro en Europa en dar cabida na súa prensa “de calidade” a unha publicidade que denigra ás mulleres, e non así aos homes, ata límites insospeitados, cunha presenza transversal na maioría de diarios. Esta publicidade aberta da prostitución súmase á impunidade duns putañeiros ao amparo da alegalidade en España para contribuír á indiferenza social xeneralizada.
Se ben dita publicidade sexual conta cunha traxectoria de máis de tres décadas na prensa escrita española, o debate en torno á existencia e a prohibición dos anuncios que a sostén vai gañando terreo e xa suma case dúas décadas, grazas as reiteradas reivindicacións sociais e vindicacións feministas, as cales lograron a súa desaparición a nivel nacional mais, non así, autonómico. Só o xornal La Voz de Galicia, no ano 2021, se sumou á eliminación, o que pode servir de exemplo para o resto de cabeceiras coas que comparte espazo e lectores.
Excedendo o ámbito do privado para lograr unha transcendencia pública, este tipo de publicidade favorece unha nefasta socialización na aceptación das mulleres como mercadorías de baixo custo
Cabería cuestionarse a significación real de que se siga a permitir e promover esta lacra prostitucional dende toda a sociedade, pois a cegueira de xénero está a conducir a normalizar prácticas degradantes que contraveñen os dereitos fundamentais. Basta cunha ollada ás últimas páxinas dalgunhas cabeceiras galegas para dar conta de que a pesar da evolución da situación do colectivo feminino na sociedade, o cambio de roles e os progresos en igualdade, a publicidade da prostitución invade a diario numerosos xornais continuando a ofrecer imaxes estereotipadas, inexactas e ás veces violentas das mulleres, que perpetúan a cousificación dos seus corpos e as describen pola súa aparencia en detrimento das súas accións ou habilidades.
Excedendo o ámbito do privado para lograr unha transcendencia pública, este tipo de publicidade favorece unha nefasta socialización na aceptación das mulleres como mercadorías de baixo custo e completa dispoñibilidade para os varóns, o que, en consecuencia, consegue incentivar a demanda de prostitución e, por ende, de todo o que tras ela se agocha. Se a isto se suma o feito de que o consumo de prostitución non deixa de medrar en España, cume europea do turismo sexual, e os putañeiros son homes cada vez máis novos, non hai dúbida sobre a ideoloxía que se está a transmitir ás novas xeracións.
A tal punto, semella factible reivindicar o papel da Educación Social, pois se ben a publicidade non é un dos eidos de acción da profesión, sí o é a comunicación e, sobre todo, a socialización. Como disciplina de acción social, non pode permanecer allea na toma de medidas concretas cara a erradicación total do sistema prostitucional, as cales haberán de comezar pola denuncia de tódolos axentes implicados a fin de visibilizar o problema a enfrontar. Para iso, serán pasos necesarios os encamiñados a desenmascarar aos putañeiros e a deconstruír os argumentos que xustifican a tolerancia cara aos mesmos e cara a prostitución, pois expoñelos publicamente desfavorecerá a demanda.
Roto o silencio, mandato patriarcal por excelencia, só queda dar paso á acción
Do mesmo modo o serán os orientados á loita pola desaparición total da publicidade sexual nos diarios proxenetas e en tódolos medios de comunicación, o que terá un efecto pedagóxico sobre toda a sociedade. Ademais, resultará imprescindible a promoción dunha educación sexual que posibilite a construción de relacións afectivas e sexuais simétricas e favoreza o nacemento de novas masculinidades e feminidades igualitarias. Por último, será preciso o desenvolvemento de estratexias de protección e inclusión que permitan ás mulleres prostituídas, como colectivo de extrema vulnerabilidade, superar os contextos socioeconómicos e culturais que as condicionan.
Aínda que o crecemento imparable da industria do sexo poida resultar moi desalentador, os pequenos e grandes avances xa conseguidos haberán de ser a base tanxible para a toma consciente de decisións en favor do cambio. Roto o silencio, mandato patriarcal por excelencia, só queda dar paso á acción, a cal, educadoras e educadores sociais, non será posible sen vós.