As violacións son o delito que máis aumenta en Galicia, con case un 40% no que vai de ano

Mobilización contra a violencia machista en Vigo CC-BY-NC-SA Gz Contrainfo

As dinámicas políticas e mediáticas adoitan provocar, periodicamente, que o foco público se sitúe sobre determinados delitos. Nos últimos meses, por exemplo, a respecto da ocupación de vivendas ou dos roubos en domicilios particulares dalgunhas das grandes cidades do país. No entanto, os datos oficiais da Policía, recompilados pola Delegación do Goberno de España en Galicia, acreditan que aínda que furtos ou roubos seguen a ser os delitos máis habituais, a súa cifra segue á baixa. Mentres, as agresións sexuais e, en concreto, as violacións, son os delitos que máis aumentan. Na contorna do 40% no que vai de ano.

As violacións medran o duplo que o tráfico de drogas

Segundo o balance de criminalidade feito público esta semana entre xaneiro e setembro de 2017 os corpos de seguridade tiveron coñecemento de 36 violacións, un 38,5% máis que no mesmo período do ano anterior. Tamén medraron o resto de "delitos contra a liberdade e a indemnidade sexual", de 301 a 237, o que implica un avance próximo ao 10%. O crecemento das violacións en termos porcentuais é máis do duplo que o do tráfico de drogas, delitos que aumentaron de xaneiro a setembro algo máis dun 16%.

O balance de criminalidade segue situando Galicia como un dos territorios máis seguros do Estado

Sempre segundo estes datos oficiais, que seguen a situar Galicia como un dos territorios máis seguros do Estado -unha taxa de criminalidade de 27,1 por 1.000 habitantes fronte á media estatal, de 43,3-, o resto de delitos recollidos nesta base estatística diminúen o seu número, a comezar polas substracións de vehículos -un retroceso superior ao 20%- e a seguir polos roubos en establecementos -case un 15% menos- e en domicilios -un descenso superior ao 9%-.

Os delitos máis habituais no país seguen a ser os furtos, aínda que tamén diminúen de máis de 16.300 a uns 15.400. Os roubos con forza en domicilios pasan de 2.800 a 2.500, na franxa inferior ao milleiro de sucesos, atópanse tipos delitivos como os roubos con violencia e intimidación ou as lesións e rifas tumultuarias. Os homicidios dolosos e asasinatos foron 10, os mesmos que no mesmo período do ano anterior e os secuestros, 3, tamén a mesma cifra que en 2016.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.