A auga, que debería ser un ben público nos concellos e vilas do noso país, foi “entregada” polas administracións ás empresas privadas mediante concesións que son monopolizadas polos grandes grupos transnacionais. No caso da nosa cidade Aqualia, a empresa concesionaria, pertence ao grupo FCC
Hai xa ben tempo que se ven escoitando que a auga será, é xa, o ouro líquido deste tempo de globalización e de crises climáticas e ambientais. Nestas circunstancias, a auga, un ben esencial que debería ser un dereito universal, está a caer, como moitos outros bens e servizos básicos, en mans das empresas privadas, que atoparon aquí un novo reduto onde gañar cartos para uns poucos a costa das necesidades da inmensa maioría da poboación.
A auga, que debería ser un ben público nos concellos e vilas do noso país, foi así “entregada” polas administracións ás empresas privadas mediante concesións que son monopolizadas polos grandes grupos transnacionais. No caso da nosa cidade Aqualia, a empresa concesionaria, pertence ao grupo FCC. Este grupo, presidido por Esther Koplowitz, é “un dos maiores grupos europeos de infraestrutura e servizos públicos”, e tivo en 2023 máis de 9000 millóns de euros en ingresos, cun beneficio neto de 910 millóns de euros. Algúns datos sobre o seu accionariado son ben representativos de como funciona o sistema: en 2013, Bill Gates entrou na compañía como accionista de referencia, e pouco despois fixo o mesmo o finacieiro George Soros. En 2014 o grupo realizou unha ampliación de capital que permitiu a incorporación de Carlos Slim, un dos maiores millonarios do planeta, como accionista maioritario.1
O último episodio desta historia foi a rotura dunha tubaxe que provocou unha grave inundación, unha máis no barrio de Coia, que anegou os baixos do complexo parroquial e puido ter causado mesmo danos persoais graves
Ao mesmo tempo, en 2021 este grupo empresarial estivo entre as 10 empresas que emitiron máis toneladas equivalentes de CO2 en España. E en 2022 a Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMV) impuso a FCC unha multa de máis de 40 millóns de euros por ter alterado durante 25 anos, xunto a outras construtoras españolas, miles de licitacións públicas destinadas á edificación e obra civil de infraestruturas.2
En definitiva, Aqualia, a empresa que xestiona a auga en Vigo, pertence a un inmenso grupo con beneficios multimillonarios que inclúe no seu accionariado a algúns dos homes máis poderosos e ricos do planeta. E esta mesma empresa é a que leva anos actuando con absoluto desleixo ante o estado lamentable das tubaxes que canalizan a auga no barrio de Coia, que reparan tarde e mal por non querer facer as inversións necesarias para evitar estas roturas constantes. E todo coa connivencia do concello de Vigo, que elude, como a empresa, as responsabilidades; que persegue, como a empresa, as débedas con Aqualia das persoas máis empobrecidas; e que comparte coa empresa os beneficios aportados pola veciñanza cando paga as facturas da auga mes tras mes, ano tras ano. Beneficios económicos, lucro, para falar claramente, a costa dun dereito que debería ser universal e gratuíto.3
Cómpre respostas colectivas, cómpren accións comunitarias que formulen respostas contundentes, que cambien as dinámicas e que artellen outras formas de facer, máis participativas, máis solidarias, máis xustas, na procura dunha vida digna para todas
O último episodio desta historia foi a rotura dunha tubaxe que provocou unha grave inundación, unha máis no barrio de Coia, que anegou os baixos do complexo parroquial e puido ter causado mesmo danos persoais graves. Neste caso tocoulle ao Juan, o noso párroco, pero podía terlle tocado a calquera veciño ou veciña que pasease pola zona e, sobre todo, podía ter sido moito máis grave do que foi. Como dicimos, este foi o último episodio dun ano no que este tipo de ‘incidentes’ foron constantes, como se pode observar na imaxe inferior, onde se observa a localización de cada un deles.
En declaracións a un xornal local, Juan Antonio Terrón, o noso párroco, lembraba que esta foi unha inundación máis, a terceira que padecemos. E engadía: «Ata agora so houbo repacións parciais cando é un problema global que afecta a todo o barrio». En definitiva, non é casualidade nin mala sorte, é desleixo e abandono da veciñanza, é marxinación dos barrios periféricos, é procurar maximizar os beneficios a costa da maioría. Non podemos permanecer indiferentes ante estas situacións que afectan ao barrio no seu conxunto, non podemos conformarnos coa queixa en voz alta ou co lamento polo baixo. Cómpre respostas colectivas, cómpren accións comunitarias que formulen respostas contundentes, que cambien as dinámicas e que artellen outras formas de facer, máis participativas, máis solidarias, máis xustas, na procura dunha vida digna para todas.
Notas
- Todos os datos citados aquí proceden da Wikipedia (https://es.wikipedia.org/wiki/Grupo_FCC) ↩︎
- A multa foi suspendida pola Audiencia Nacional en tanto se resolve o recurso interposto pola empresa. ↩︎
- Remitímonos ás denuncias presentadas no seu día pola ODS Coia: http://odscoia.arkipelagos.net/etiquetas/aqualia ↩︎