España é un estado centralista en materia de transportes, comunicacións e mobilidade en xeral. A ordenación do territorio está transferida ás Comunidades Autónomas, pero o Estado exerce un importante papel na sombra a través das políticas de transportes e mobilidade
1. España é un estado centralista en materia de transportes, comunicacións e mobilidade en xeral. A ordenación do territorio está transferida ás Comunidades Autónomas, pero o Estado exerce un importante papel na sombra a través das políticas de transportes e mobilidade. Este feito provocou certas discrepancias territoriais e xeopolíticas como o descontento pola falta de prioridade outorgada ao Corredor Mediterráneo ou, na actualidade, a reivindicación da conexión de alta velocidade entre Galicia e Portugal. Os sucesivos plans de transportes tiveron e teñen moita influencia e importancia na ordenación do territorio real. No que se refire ao transporte aéreo, cómpre dicir que os aeroportos españois están xestionados de xeito centralizado desde Madrid, unha situación practicamente inédita en Europa, onde a gobernanza dos mesmos inclúe diferentes administracións, integrando tamén aos gobernos rexionais e locais.
2. Nas últimas décadas houbo unha mudanza de paradigma. Pasouse de falar de transporte a falar de mobilidade. Porén, España é o segundo país do mundo en quilómetros de alta velocidade ferroviaria. Existe un exceso de infraestruturas de transporte: autoestradas, vías de alta velocidade, aeroportos e mesmo de portos deportivos. O turismo require boas infraestruturas, e España é un país turístico, pero en todo caso existiu un gasto público considerábel non sempre xustificábel. A Unión Europea financiou en boa medida moitas das infraestruturas españolas.
Galicia, situada na periferia noroeste da Península Ibérica, tradicionalmente estivo illada por vía terrestre do resto de España (...) Porén, con frecuencia esquécese que Galicia ten e tivo unha posición central nas comunicacións marítimas
3. Galicia, situada na periferia noroeste da Península Ibérica, tradicionalmente estivo illada por vía terrestre do resto de España. As montañas orientais íllana de Castela. O ferrocarril chegou a Galicia máis tarde que o resto de España. As estradas e as vías de altas capacidades tamén chegaron máis tarde. Tradicionalmente, diversos economistas como Beiras falaron da teoría do “atraso” económico, segundo a cal Galicia acusou un atraso no seu desenvolvemento debido á falla de boas infraestruturas. Porén, con frecuencia esquécese que Galicia ten e tivo unha posición central nas comunicacións marítimas.
A gran dispersión territorial supón un problema para a prestación eficaz de todo tipo de servizos. Por suposto, condiciona moito a existencia de servizos de transporte público e colectivo. Nunha gran parte de Galicia os servizos de transporte regular son dificilmente rentábeis.
4. Galicia conta con máis da metade dos núcleos singulares de poboación de España. A gran dispersión territorial supón un problema para a prestación eficaz de todo tipo de servizos. Por suposto, condiciona moito a existencia de servizos de transporte público e colectivo. Nunha gran parte de Galicia os servizos de transporte regular son dificilmente rentábeis. O Departamento (Consellería) de Educación dedica practicamente a metade do seu orzamento anual a subvencionar o transporte do alumnado en idade de escolarización obrigatoria. En moitas áreas rurais hai claros déficits de mobilidade, sobre todo en segmentos de poboación vulnerábeis (maiores, persoas sen carné de conducir, etc). Malia as carencias de mobilidade, o debate mediático céntrase sobre todo nas comunicacións exteriores de Galicia.
5. Coa chegada da democracia, os primeiros gobernos autonómicos apostaron por mellorar a rede viaria interna. Exercéronse as competencias autonómicas e construíuse unha moderna rede interna de estradas. Sen embargo, o goberno de Galicia renunciou a reivindicar o tren como un sistema de transporte público, sostíbel e eficaz. Todos os servizos ferroviarios internos que existen en Galicia están operados polo Estado. Ao contrario do que acontece noutras comunidades autónomas, o goberno galego non reclama a xestión propia do ferrocarril. Na actualidade, a situación de Cataluña semella ás experiencias rexionais do ferrocarril de Francia ou Alemaña. O País Vasco está negociando a xestión dos trens de proximidade. Existe un importante déficit de trens de proximidade ou urbanos que resolvan a mobilidade diaria da poboación nas grandes áreas metropolitanas.
Os primeiros gobernos autonómicos apostaron por mellorar a rede viaria interna (...) Sen embargo, o goberno de Galicia renunciou a reivindicar o tren como un sistema de transporte público, sostíbel e eficaz.
6. O chamado Eixo Urbano Atlántico é un corredor de tipo axial no que encontramos 5 das 7 grandes cidades de Galicia. Nel vive aproximadamente o 75% da poboación de Galicia e xérase a maior parte da riqueza. O corredor está vertebrado pola Autoestrada do Atlántico (AP-9). É unha vía a modo de espiña dorsal da cal parten outras autovías e autoestradas que comunican coas principais comarcas do oeste galego. Sen embargo, a AP-9 non é gratuíta, o que xera un importante custo adicional para particulares e empresas.
Para Galicia é estratéxica a conexión co Norte de Portugal. No centro da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, a fronteira entre Tui e Valença do Minho é a máis transitada de todos os pasos fronteirizos entre España e Portugal. A conexión viaria está ben resolta, pero non así a conexión ferroviaria
7. O Eixo Atlántico ferroviario mellorou considerabelmente nos últimos anos. O Estado investiu nunha modernización integral da liña ferroviaria entre A Coruña, Santiago de Compostela, Vilagarcía de Arousa, Pontevedra e Vigo. Hoxe en día neste corredor existe unha importante mobilidade, e encontramos un perfil de usuarios moi diversificado. Esta liña de trens de Media Distancia é unha das máis empregadas de España. Porén hai que destacar a exclusión de Ferrol, unha importante aglomeración urbana do norte de Galicia. De igual maneira, a conexión co norte de Portugal está aínda pendente de resolución satisfactoria.
8. Para Galicia é estratéxica a conexión co Norte de Portugal. No centro da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, a fronteira entre Tui e Valença do Minho é a máis transitada de todos os pasos fronteirizos entre España e Portugal. A conexión viaria está ben resolta, pero non así a conexión ferroviaria. Hai problemas de interoperabilidade entre os dous países. Para o Goberno de España a conexión entre Galicia e Portugal non é prioritaria. Para Portugal si o é, e de feito, recentemente o goberno portugués anunciou a creación dunha liña de alta velocidade entre Lisboa, Porto e Vigo, cruzando a fronteira. É a Unión Europea quen financia unha boa parte dos proxectos con implicacións transfronteirizas, e deberíanse aproveitar estas sinerxías. Sen embargo, os estados-nación aínda teñen importante na UE actual.
Para Galicia é estratéxica a conectividade ferroviaria co Aeroporto Internacional Sá Carneiro, que move máis de 13 millóns de pasaxeiros anuais
9. Porto, a segunda cidade de Portugal, é a gran referencia urbana do Noroeste peninsular. Para Galicia é estratéxica a conectividade ferroviaria co Aeroporto Internacional Sá Carneiro, que move máis de 13 millóns de pasaxeiros anuais. En Galicia existen 3 aeroportos nun corredor lineal de 150 kms (A Coruña, Santiago de Compostela e Vigo). A competición entre eles ofrece en bandexa a primeira posición do noroeste peninsular ao aeroporto de Porto, con voos directos intercontinentais e a moitos destinos europeos. O aeroporto de Porto promocionase como “O aeroporto de todos os galegos”.
Cada día son máis as persoas que teñen claro que as cidades deben ser espazos aptos para o peón e cada vez máis libres de coches. As políticas urbanas van por detrás da opinión pública, pero teñen en conta estas demandas
10. A Galicia interior (provincias de Lugo e Ourense) presenta unha situación moito menos satisfactoria. Ademais do seu menor dinamismo demográfico e económico, presenta unha menor conectividade con Portugal. Os seus principais eixos de circulación son dúas grandes autovías: Madrid-A Coruña (Autovía do Noroeste) e Vigo-Benavente (Autovía das Rías Baixas). A primeira pasa por Lugo e a segunda por Ourense. Estas vías, finalizadas polo Estado en torno á mudanza de século e milenio, son os principais corredores destes grandes espazos do interior. Só no norte de Lugo e no leste de Ourense existen pequenos espazos con dinámicas propias, A Mariña e Valdeorras.
11. Nos espazos urbanos, o automóbil é o principal medio de transporte empregado, ao marxe da mobilidade peonil. Camiñar é un medio de transporte empregado por bastantes habitantes das cidades, debido á compactidade que aínda manteñen boa parte dos espazos urbanos galegos. A cidade de Pontevedra é, neste sentido, un caso de éxito internacional. Nela aplicáronse modelos de humanización e calmado de tráfico que tiveron moito éxito e aceptación pola poboación local. Fálase do “Modelo Pontevedra” para referirse a un caso de éxito de posta en práctica dos grandes principios teóricos da mobilidade sostíbel urbana. No resto das cidades, o debate entre máis coches ou menos coches, máis aparcadoiros ou menos aparcadoiros, aínda se produce. En calquera caso, cada día son máis as persoas que teñen claro que as cidades deben ser espazos aptos para o peón e cada vez máis libres de coches. As políticas urbanas van por detrás da opinión pública, pero teñen en conta estas demandas.
Nos espazos rurais, como se dixo anteriormente, existe un gran problema de mobilidade en determinados colectivos. As persoas sen licencia de conducir, as persoas maiores ou os menores de 18 anos vén restrinxida enormemente a súa mobilidade
12. Nos espazos rurais, como se dixo anteriormente, existe un gran problema de mobilidade en determinados colectivos. As persoas sen licencia de conducir, as persoas maiores ou os menores de 18 anos vén restrinxida enormemente a súa mobilidade. Funcionan as redes de solidariedade familiar ou social en gran medida. A partir do ano 2002, o goberno de Galicia ensaiou novas formas de transporte en espazos rurais de baixa densidade, no marco dun proxecto europeo no que participou o grupo ANTE da USC. O éxito desta iniciativa levou máis adiante a por en marcha servizos de integración de transporte escolar con transporte regular ou a apostar por novidosas formas de transporte á demanda. Sen embargo, é preciso ter en conta que debe primar a rentabilidade social fronte á rendibilidade económica se queremos apostar pola igualdade de oportunidades para os habitantes de todos os territorios e frear a despoboación de espazos rurais. Nas áreas rurais de baixa densidade o problema da provisión de moitos servizos é o limiar de rentabilidade, e a mobilidade ofrece unha alternativa sempre e cano se poida garantir ao conxunto da poboación.
O tipo de poboamento galego e a estrutura de asentamentos policéntrica provocan unha forte mobilidade en función de moitos motivos: traballo, estudos, sanitarios, compras, lecer, etc.
13. O hábito da mobilidade está moi arraigado entre a poboación de Galicia. O territorio vívese con moita frecuencia a tempo parcial. Vívese nunha comarca, trabállase noutra e pódese ir de comprar a outra diferente. O tipo de poboamento galego e a estrutura de asentamentos policéntrica provocan unha forte mobilidade en función de moitos motivos: traballo, estudos, sanitarios, compras, lecer, etc. En Galicia existe un importante número de commuters e supercommuters, que se desprazan cada día máis de 50 e 100 quilómetros entre o domicilio e o traballo. Unha boa parte deles fano en vehículos particulares, o que expón un importante desafío económico e ambiental en tempos de emerxencia climática e alarma enerxética.
14. Ao igual que noutros territorios, a pandemia da COVID-19 supuxo unha auténtica transformación dos hábitos de mobilidade en Galicia. O confinamento decretado polo goberno de España en varias semanas de marzo, abril e maio do 2020 supuxo o auxe do teletraballo nos fogares. A penetración de internet na sociedade española é moi alta, pero non así a presenza de fibra óptica. Aínda existen importantes deficiencias en canto á accesibilidade a internet en espazos rurais e mesmo en determinados sectores urbanos. Asegurar unha conexión a internet óptima debe ser unha prioridade se queremos garantir a igualdade de oportunidades a todos os territorios. É especialmente importante para conseguir fixar poboación nos espazos rurais, e nesa dirección hai que traballar no futuro.
Non é comprensíbel que na actualidade, as discrepancias políticas, principalmente entre o Estado, Xunta e os concellos máis importantes, impidan a coordinación das medidas e actuacións. Prevalece en moitos casos o obxectivo de obter un rédito nos sucesivos comicios electorais
15. A difícil gobernanza da mobilidade repartida entre diferentes administracións públicas é un obstáculo persistente ás melloras na mobilidade. O feito de que cada un dos principais actores públicos dispoñan de competencias na materia de planificación e xestión do transporte público e colectivo dificulta a posta en marcha dunha folla de ruta única. Non é comprensíbel que na actualidade, as discrepancias políticas, principalmente entre o Estado, Xunta e os concellos máis importantes, impidan a coordinación das medidas e actuacións. Prevalece en moitos casos o obxectivo de obter un rédito nos sucesivos comicios electorais.