Escribo estas liñas coa finalidade de partillar publicamente unhas reflexións sobre o incerto e frustrante alcance que ao meu xuízo ten a recente reforma introducida por sorpresa na Lei Orgánica de Universidades.
A Conferencia de Rectores das Universidades Españolas (CRUE) levaba desde o ano 2012 insistindo perante o goberno do Estado sobre as nocivas consecuencias da taxa básica de reposición do 0% ou do 10% sobre a renovación xeracional, a carreira profesional e a captación de talento dos planteis docentes e investigadores das nosas universidades.
Solicitouse reiteradamente que as prazas cubertas polo persoal xa existente non computasen como “novo persoal” aos efectos de esgotamento da taxa de reposición, sempre e cando se respectasen os teitos de gasto
Polas peculiaridades legais do acceso e provisión das prazas dos corpos docentes universitarios, solicitouse reiteradamente que as prazas cubertas polo persoal xa existente non computasen como “novo persoal” aos efectos de esgotamento da taxa de reposición, sempre e cando se respectasen os teitos de gasto en Capítulo I determinados polas comunidades autónomas. A frustración, porén, chegaba cada final de ano cando as emendas impulsadas desde a CRUE ás leis estatais de orzamentos eran encafurnadas nas gavetas ministeriais.
Tras algún avance positivo plasmado na lei de orzamentos xerais do Estado para o ano 2015 (a taxa de reposición do 50%), a sorpresa saltou este venres día 11 de setembro, cando o Consello de Ministros aproba o Real Decreto-Lei 10/2015, polo que se conceden créditos extraordinarios e suplementos de crédito no orzamento do Estado e se adoptan outras medidas en materia de emprego público e de estímulo á economía (BOE nº 219, de 12 de setembro do 2015).
Na disposición final segunda deste Real Decreto-Lei, introdúcense novas redaccións dos artigos 62, 63 e 64 da LOU, relativos aos concursos de acceso aos corpos docentes, das que cabe notar os seguintes aspectos.
O goberno estatal ven de optar por unha alternativa ben arriscada: a da modificacion permanente da LOU mediante Real Decreto-Lei
Fronte á demanda da CRUE (a introdución dunha cláusula na lei xeral de orzamentos, que ten unha vixencia anual, para que se recuperase a taxa de reposición básica consumida pola creación de prazas estruturais de PDI que resultan cubertas por PDI xa integrado na correspondente universidade: o que se coñece como taxa de reposición dinámica), o goberno estatal ven de optar por unha alternativa ben arriscada: a da modificacion permanente da LOU mediante Real Decreto-Lei. Como di o seu preámbulo, “Aunque la aplicación de alguna de estas medidas se ha autorizado con carácter temporal en 2015, la maximización de sus efectos positivos requiere su consolidación en la arquitectura universitaria, mediante su incorporación en la Ley Orgánica de Universidades”.
As modificacións dunha cuestión tan importante para milleiros de profesores e profesoras universitarios se introducen de xeito permanente na LOU sen ningún tipo de negociación política ou sindical, ou de informes do Consello de Estado
Este cambio do eixo normativo comporta, ao meu entender, a retirada das competencias de tutela do Ministerio de Facenda (en particular, da Dirección General de Costes de Personal y Pensiones Públicas), e o retorno do control superior dos recursos humanos universitarios ámbito propiamente educativo. Porén, as modificacións dunha cuestión tan importante para milleiros de profesores e profesoras universitarios se introducen de xeito permanente na LOU sen ningún tipo de negociación política ou sindical, ou de informes do Consello de Estado, que puidesen ter axudado á depuración técnica dos preceptos modificados. A xustificación da urxente necesidade que a Constitución demanda para poder utilizar licitamente o Real Decreto-Lei se reduce a “la urgente necesidad de proceder a su implantación en el curso académico 2015/16, que está comenzado” (preámbulo), o que dá a entender que, para alén dos seus lexítimos intereses electorais, é vontade do goberno estatal impulsar xa as fórmulas de promoción que se incorporan á LOU, invitando ás Universidades a lanzar modificacións sobrevidas das súas Ofertas de Emprego Público (OEP) de 2015.
Deixa un amargo sabor de boca; unha sensación de oportunidade perdida e, o que é máis importante, unha amplísima incertidume sobre as consecuencias da reforma
Porén, a detallada lectura sistemática das modificacións introducidas deixa un amargo sabor de boca; unha sensación de oportunidade perdida e, o que é máis importante, unha amplísima incertidume sobre as consecuencias da reforma, que sen dúbida vai agravar as xa intensas dificultades de planificación e xestión dos recursos docentes universitarios.
Así, a “promoción interna” da que fala agora o artigo 62.2 LOU pode cualificarse de triplamente apócrifa. Non é o recoñecemento pleno neste ámbito da promoción como una expresión do dereito á carreira profesional de calquera funcionario público (art. 16.1 EBEP), dado que se limita:
- En primeiro lugar, ao acceso ao corpo de catedráticos de universidade (CU), sen que caiba utilizar esta “promoción interna” para acceder desde a figura de axudante doutor (AD) á de contratado doutor (CD), ou desde a CD a Titular de Universidade (TU), ou desde CD a CU.
- Trátase, ademais, dunha promoción interna aberta, pois non está pechada ou reservada a TU da propia universidade, dada a condición de corpos interuniversitarios dos TU e CU (neste sentido, recentemente, vid. STC 176/2015, do 22 de xullo).
- Restrínxese o número destas prazas de promoción interna a CU, dado que se vincula ao ofertado nese ano por quenda libre (oferta que seguirá “atada” á taxa de reposición de efectivos), pois “no podrán superar el número máximo de plazas que sean objeto de oferta de empleo público de turno libre, en ese mismo año, para el acceso a los cuerpos docentes del artículo 56 de esta misma ley”.
Estas restricións supoñen aplicar de xeito incoherente a estas prazas de promoción interna a lóxica da taxa de reposición (que só limita as prazas de novo ingreso), creando una sorte de quenda paralela
Estas restricións supoñen aplicar de xeito incoherente a estas prazas de promoción interna (que non supoñen novo ingreso aos efectos de reposicion de efectivos) a lóxica da taxa de reposición (que só limita as prazas de novo ingreso), creando una sorte de quenda paralela, moi insuficiente para satisfacer as lexítimas expectativas de promoción profesional frustradas desde hai cinco anos entre os acreditados/as a cátedras.
En efecto, unha interpretación literal deste precepto non permitiría utilizar neste cómputo as prazas permanentes de PDI laboral (CD) ofertadas pola OEP. Iso significaría, por exemplo, que a Universidade de Santiago non podería prover neste curso académico que comeza ningunha cátedra por promoción interna; a Universidade da Coruña, apenas 3, pois segundo os datos do Diario Oficial de Galicia, Santiago ofertou na súa OEP 2015 un total de 23 prazas de CD, mentres que a Coruña ofertou 7 prazas de CD, 1 CU e 2 de TU). Vigo aínda non publicou a súa oferta, aprobada en xullo polo seu consello de goberno.
Cómpre sinalar tamén outros efectos perversos que xa se poden esculcar. O primeiro sería o que poderíamos denominar como inflación funcionarial das prazas de quenda libre. Isto é, a presión –bastante previsible– dos centos de acreditados a cátedras para que se convoquen por quenda libre prazas dos corpos docentes (funcionario), para así aumentar a convocatoria de prazas da quenda paralela de promoción a cátedras. O segundo efecto, conectado co anterior, é o claro desincentivo da utilización da taxa de reposición para a consolidación de emprego do persoal de categorías inferiores, especialmente persoal laboral. Ao contrario do que veñen facendo as universidades nestes anos de zozobra, a promoción ao nivel top pasaría a absorber os escasos recursos económicos de capítulo I, drenando recursos económicos para a consolidación do talento máis novo mediante a figura de contratado doutor. Defectos todos que poderían evitarse cunha interpretación flexible, mais razoable e coherente coa propia LOU, do parámetro a tomar para calcular a quenda paralela: a totalidade das prazas permanentes de quenda libre, tanto as laborais como as funcionariais.
Un titular que promocione na súa propia universidade a catedrático, cun gasto bruto a maiores de arredor de 8.000 € para a súa universidade, si suporá un consumo de taxa de reposición
Comentario aparte merece o novo artigo 63 da LOU, que supón o “empotramento” na delicada sistemática desta Lei da disposición adicional 96 da Lei de orzamentos do Estado para 2015: unha seudoregulación da “movilidad del profesorado” que habilita a que se presenten TU e CU a concursos de TU e CU, respectivamente, doutras universidades, metendo polo medio de rondón unha pasarela para os investigadores dos OPIs (nomeadamente, o CSIC) coa acreditación correspondente. So nestes casos, se aplicaría a cláusula de que “Las plazas vacantes cubiertas en estos concursos, en tanto no suponen ingreso de nuevo personal, no computarán a los efectos de la oferta de empleo público”.
De modo que, segundo o lexislador, un catedrático trasladado desde Murcia para ocupar unha cátedra vacante en A Coruña non é ingreso de novo persoal e non consume taxa de reposición, a pesar de que suporá un forte gasto novo de arredor de 56.000 € brutos anuais para o capítulo I da Universidade da Coruña; mentres que un titular que promocione na súa propia universidade a catedrático, cun gasto bruto a maiores de arredor de 8.000 € para a súa universidade, si suporá un consumo de taxa de reposición, ben na quenda libre, ben na quenda paralela que inaugura o artigo 62.2 LOU. Non se entende desde ningún punto de vista, incluído o electoral.
Haberá que agardar a que sexan as comunidades autónomas as que se mollen “autenticamente” dando a súa interpretación de todo isto no trámite de autorización das ofertas de emprego público
A incertidume desta incoherente reforma é máxima. Até o punto que apenas catro días hábiles despois, o 17 de setembro, o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte fixo chegarlles ás universidades un “documento” sen sinatura e data no que se intenta dar unha “interpretación auténtica” a tal sarillo normativo. Sendo improbable que na convalidación parlamentar do Real Decreto-Lei o goberno “retelle”, haberá que agardar a que, en virtude do artigo 81.4 da LOU, sexan as comunidades autónomas as que se mollen “autenticamente” dando a súa interpretación de todo isto no trámite de autorización das ofertas de emprego público que lles remitan as universidades públicas do seu territorio.