A propósito do tupperwert: Os menús da LOMCE (II)

Completamos a aproximación ás medidas contidas no Anteproxecto da LOMCE, focalizadas para esta ocasión na denominada simplificación curricular e na maior autonomía dos centros escolares.

No tocante á simplificación curricular cómpre sinalar na súa motivación a coincidencia cos lemas conservadores ao uso, como a volta ao básico -matemáticas, lingua, idioma estranxeiro e ciencias- minguando aínda máis o coñecemento relacionado coas humanidades, a historia ou o eido artístico

No tocante á simplificación curricular cómpre sinalar na súa motivación a coincidencia cos lemas conservadores ao uso, como a volta ao básico -matemáticas, lingua, idioma estranxeiro e ciencias- minguando aínda máis o coñecemento relacionado coas humanidades, a historia ou o eido artístico. Tampouco a tecnoloxía sae airosa. Esta volta ás esencias que afecta singularmente á secundaria obrigatoria e postobrigatoria, aséntase nunha perspectiva pedagóxica que nos retrotrae a un currículo clásico, esquece o traballo por competencias e estreita, aínda máis, as marxes para o enfoque interdisciplinar. 

Defensora do carácter instrumental de contidos enlatados nun formato disciplinar, ignora que a construción, organización e a apropiación do coñecemento se apoia na actualidade noutras estratexias moito máis transversais. Se cadra é o que se pretende, cando menos a un certo nivel: contidos mínimos e elementais para modelar man de obra destinada ao precario e volátil mercado de traballo.

Se cadra é o que se pretende, cando menos a un certo nivel: contidos mínimos e elementais para modelar man de obra destinada ao precario e volátil mercado de traballo

Desde esta mesma óptica simplificadora, na Educación Primaria elimínanse os ciclos, atomizándose curso a curso a consecución dos obxectivos educativos, o que resulta menos respectuoso coa evolución heteroxénea e con ritmos diversos da infancia nestas primeiras etapas da escolarización. O novo currículo, do que se elimina Educación para a cidadanía e os dereitos humanos, regresa a formulacións da EXB dos anos 70, ao separar en dúas disciplinas -Ciencias Naturais e Ciencias Sociais- a materia de Coñecemento do medio natural, social e cultural, rompendo cun dilatado traballo globalizador que conta con recursos acaídos.

Simplificación que, de paso, lles detrae competencias ás comunidades autónomas e aos propios equipos docentes, para procurar un coñecemento máis relacionado co entorno vital do alumnado, desde o que poida ampliar a comprensión da realidade a outros ámbitos

Simplificación que, de paso, lles detrae competencias ás comunidades autónomas e aos propios equipos docentes, para procurar un coñecemento máis relacionado co entorno vital do alumnado, desde o que poida ampliar a comprensión da realidade a outros ámbitos. A conxura respecto dos nacionalismos periféricos reclama a recentralización do currículo, retrotraendo a escola ao servizo de visións uniformes e nada respectuosas co patrimonio social e cultural asociado á realidade inmediata do alumnado. A finalidade confesa de Wert –españolizar aos cataláns–, propia das proclamas de cruzadas doutros tempos, foi unha de tantas ocorrencias que contaminan o que debera ser un debate social e educativo encarrilándoo cara a un calello partidario sen saídas máis acaídas que o teimoso ti máis. En todo caso engade fundados elementos de preocupación a esa aposta polo plurilingüismo escasamente definida no anteproxecto. Porén, e se cadra para rebaixar a tensión xerada, parece que o goberno está disposto a rectificar nesta recentralización, que podería afectar exclusivamente ás materias instrumentais, deixando as restantes cunha marxe máis ampla de manobra para as comunidades autónomas e para os centros. En todo caso, as sucesivas probas e reválidas serán, sen dúbida, aliadas potentes desta estratexia simplificadora e recentralizadora.

A autonomía que a LOMCE lles concede aos centros educativos é unha das novidades máis estratéxicas desta contrarreforma, ao asentarse nunha concepción xerencialista e vertical na toma de decisións, que afecta á xestión dos centros escolares, deixándoa practicamente nas mans das direccións. Os órganos colexiados, nomeadamente o Consello Escolar, terá funcións consultivas, derivándose as decisorias á dirección. Nada menos que asuntos da relevancia da admisión do alumnado ou a mesma aprobación da programación xeral do centro resérvanse para unha dirección cuxa elección queda supeditada ás decisións da administración educativa, que poderá facer e desfacer ao seu antollo.

Nesta perspectiva inscríbese a defensa a morte da liberdade de elección de centro, co pretexto de salvagardar o dereito das familias a educaren os seus fillos e fillas segundo as súas conviccións

Nas cuestións que atinxen á participación, o ideario neoliberal apunta maneiras, sobre todo cando nos referimos á que lles corresponde ás familias. Prefírese priorizar a perspectiva individual familiar, reforzando a visión clientelista e facendo máis complexa aínda a gobernación dos centros, no canto de incentivar a súa corresponsabilización na construción de comunidades educativas comprometidas cun marco de convivencia e de cidadanía.

Nesta perspectiva inscríbese a defensa a morte da liberdade de elección de centro, co pretexto de salvagardar o dereito das familias a educaren os seus fillos e fillas segundo as súas conviccións. Así, e logo de sentenzas contrarias, a LOMCE pretende agora que se lle dea cobertura a través da concertación a determinados idearios por riba do interese superior do dereito á educación sen discriminacións por razón de sexo, relixión ou calquera outro motivo. Na aplicación da LOE coñecemos incidentes ilegais de amparo á obxección de conciencia familiar para algunha materia do currículo, agora inocua ao serlle extirpada con éxito a perigosa ideoloxía bolxevique e incitadora da promiscuidade que contiña. E contamos con exemplos e lexislación propia –invalidada nese aspecto polas recentes sentenzas do TSXG- que facía depender da participación individual das familias a determinación da lingua de ensino.

Esa falaz participación á carta non é tal, por mor dun perverso xogo de maiorías-minorías que non prevé máis recursos que os necesarios para facer realidade apostas ideolóxicas partidarias. De que outra maneira podemos explicar senón que, nos orzamentos máis restritivos para a educación, o Ministerio faga unha reserva para as concertacións cos centros que segregan por sexo, sendo esta unha opción que representa o 1% no conxunto do sistema, segundo recoñece o propio ministerio? Xaora que non é sempre tan respectable a liberdade de elección das familias; e senón que llelo pregunten a ese 40% de familias que expresaron as súas aspiracións a que os seus fillos e fillas fosen escolarizados en galego, contando co respaldo legal da Lei de Normalización Lingüística e amparados polos compromisos asinados na Carta Europea das Linguas, cuxo incumprimento foi recentemente reprobado polo Consello de Europa.

A firme defensa da familia decae xa completamente cando se trata de promover a súa participación nos órganos colexiados dos centros, nunha mostra máis de deslealdade ao traballo das asociacións de nais e pais, sen cuxa aposta xenerosa en moitos casos non tería sido posible soster algúns servizos complementarios, actividades extraescolares ou as escolas para nais e pais, entre outras iniciativas. A LOMCE abunda no desmantelamento da comunidade escolar, ao deixaren como convidados de pedra as familias e tamén o profesorado, sometido ás decisións das direccións, ás que nesta nova orde das cousas non lles quedará outro guión que representar máis que o que administración educativa dite; algo que, sen necesidade de mudar a propia Lei, ás veces ocorre. Dá mágoa recoñecer que a idea de comunidade educativa tiña un enorme potencial  pendente de explorar na realidade cotiá dos centros, acusando tamén neste ámbito a feble cultura participativa da que adoecemos na vida social.

O lugar no ranking será, por tanto, un elemento de primeira magnitude para solicitar un centro ou para que este poida escoller a súa clientela, cunha ampla marxe para a mercadotecnia que esixe este extenso mercado

Agora que na rúa se reivindican outras formas e espazos socias que escapen a formulacións de delegación formal ou mesmo de desidia colectiva -causa ou consecuencia da desafección cidadá polo ben común- desde o poder preténdese instaurar en todos os ámbitos, e en aras da eficiencia, un estilo xerencial distante, opaco e autoritario. Esta posición debilita enormemente o plano da democracia cívica, fundamental nas sociedades complexas para fortalecer a integración social, aspecto no que a institución escolar xoga un papel imprescindible e que representa unha das razóns de ser dos sistemas educativos contemporáneos.

O anteproxecto engade pexas dificilmente soportables, ao auspiciar a especialización de centros (curricular, funcional e por tipoloxía do alumnado) e deixar na man das direccións a procura dos recursos materiais e financeiros, así como a discrecionalidade na captación dos recursos humanos. Parece claro que tal especialización comportará un xiro copernicano na educación, ao converter o dereito á educación na potestade dos centros para admitiren ou rexeitaren o alumnado; algo que, de maneira máis sibilina, xa acontece, mesmo sufragado con diñeiro público, estendéndose aínda máis a concertación por distintas vías, desde a propia Formación Profesional Básica. A publicidade das puntuacións obtidas nas probas e reválidas empregarase para a comparación dos centros e para a información ás familias. O lugar no ranking será, por tanto, un elemento de primeira magnitude para solicitar un centro ou para que este poida escoller a súa clientela, cunha ampla marxe para a mercadotecnia que esixe este extenso mercado.

Na LOMCE non figuran garantías suficientes que fagan prever que o sistema educativo no seu conxunto disporá de mecanismos correctores ou compensadores das desigualdades. Certo é que algúns elementos garantistas contemplados na LOE e que permanecen no texto son papel mollado, se nos fixamos na previsión de considerar o carácter particular da escola rural garantindo a igualdade de oportunidades e o comparamos co que sucede na nosa propia realidade.

Nun territorio case comanche, os centros competirán polo alumnado e polos mellores recursos, condicionados, sen dúbida, polo seu contexto de referencia. Nada que ver coa autonomía sentida e reclamada desde os centros para lles dar unha resposta responsable ás necesidades educativas do alumnado. Neste novo marco, a especialización dos centros pode facer incompatibles finalidades e obxectivos que, sendo do sistema, deberan abranguer o estudantado no seu conxunto. É posible, por exemplo, harmonizar os obxectivos do ensino plurilingüe coa atención á diversidade de xeito que, con carácter xeral, o alumnado se poida beneficiar do que o sistema fai público como elemento estrela? Con que estratexias e recursos?

É posible, por exemplo, harmonizar os obxectivos do ensino plurilingüe coa atención á diversidade de xeito que, con carácter xeral, o alumnado se poida beneficiar do que o sistema fai público como elemento estrela? Con que estratexias e recursos?

A lectura das posicións manifestadas diante deste anteproxecto prognostican poucas oportunidades para aproximar posicións. No entanto, a filtración sobre a incomodidade das comunidades gobernadas polo Partido Popular, esixindo unha formulación máis explícita para os procedementos de privatización do ensino, e a entrada recente no debate da Conferencia Episcopal, reclamando a equiparación da relixión con disciplinas fundamentais e anunciando a apertura dunha nova ofensiva doutrinal para explicar en colexios, parroquias e outros lugares de participación apostólica as características do vínculo matrimonial, reafírmannos na convicción dunha rotunda e asfixiante regresión educativa. O propio ministro atopa na súa paradoxal máquina do tempo que unha disposición da UNESCO (1960) é de rabiosa actualidade para abalar a segregación por sexos, mentres a LODE (1985) é unha vella lei na que se apoia o dereito á folga dos estudantes, amparado tamén na propia LOE (2006).

Trátase, en definitiva, dunha lei feita para o seu modelo de sociedade, desigual e profundamente inxusta; perpetrada de costas á opinión da comunidade educativa e que destila unha absoluta desconfianza no profesorado

Trátase, en definitiva, dunha lei feita para o seu modelo de sociedade, desigual e profundamente inxusta; perpetrada de costas á opinión da comunidade educativa e que destila unha absoluta desconfianza no profesorado, do que despreza a súa formación e profesionalidade. Unha lei que non cre na educación como instrumento de mellora social, nin como proxecto de cidadanía, nin moito menos como oportunidade estimulante para coñecerse como persoa e comprender o mundo.

Con ela pretende o ministro converter unha das súas provocadoras sentenzas -“la educación pública ha dejado de contribuir a la sociedad”- na profecía que se cumpre a si mesma.

Xogámonos moito como para non desafialo, e xa estamos tardando.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.