O pintor Giorgio Morandi traballou sempre na súa vila natal (Bolonia), no reducido territorio do seu obradoiro: un espazo de alquimista. E, por riba, proxectou as súas visións do mundo en escasos xéneros pictóricos, e empregando poucos materiais. Coma un monxe zen a procurar a perfección. Que misterio agochan as pezas dunha vaixela? Morandi dedicoulle a eses humildes utensilios toda a súa atención creativa. A redución temática e cromática limita a creatividade?
Morandi. Ressonància infinita. La Pedrera. Gaudí
O verdadeiro libro de filosofía, o libro sobre a natureza, está redactado en letras que o noso alfabeto descoñece. Son triángulos, cadrados, círculos, esferas, pirámides, conos e outras formas xeométricas. (Giorgio Morandi).
A Fundació Catalunya La Pedrera volve sorprender (despois da parada de exposicións temporais obrigada pola pandemia de Covid-19) coa oferta dunha magnífica exposición: Morandi. Ressonància infinita. No piso principal do edificio gaudiano -no que fora a residencia da familia Milà- pódense contemplar e valorar algo máis de 100 obras do artista de vía Fondazza (entre pinturas, deseños, acuarelas e gravados), procedentes de importantes museos e centros de arte europeos: o Museo Morandi (Bolonia), a Fondazione Magnani-Rocca, a Pinacoteca di Brera (Milano); a Kunstsammlung Nordrhein-Westfalen (Düsseldorf) ou o Centre George Pompidou e o Museo Thyssen-Bornemisza de Madrid.
A mostra Morandi. Ressonància infinita está comisariada por Beatrice Avanzi, responsable di settore arte moderna, do Mart (Museo di arte moderna e contemporanea di Trento), que tamén foi a conservadora de Departamento de Pintura do Musée d’Orsay. A outra comisaria é Daniela Ferrari, actualmente conservadora do Mart. Estas dúas profesionais xa foron as comisarias doutra magnífica exposición organizada (coma esta) pola Fundación Mapfre: Retorno a la Belleza. Obras maestras del arte italiano de entreguerras. En tal escolma xa se puideron ver creacións de Giorgio de Chirico e, como non!, unha paisaxe e varias naturezas mortas de Giorgio Morandi.
Morandi. Ressonància infinita está coorganizada pola Fundació Catalunya La Pedrera e mais pola Fundación Mapfre (que xa exhibiu esta mostra nas súas salas de Madrid). Recoméndase ver a exposición que agora se comenta escoitando as Variacións Goldberg, de Johann Sebastian Bach, pois seica era unha das músicas favoritas de Giorgio Moriandi. Por suposto, tamén se recomenda ler o fermoso libro que Luigi Magnani (músico e amigo do artista) escribiu sobre el: Il Mio Morandi, unha biografía delicada e sensible.
Mostrar as creacións do austero Morandi no edificio de La Pedrera convida á reflexión de que diferentes poden ser as concepcións estéticas -as interpretacións do mundo- por dous artistas coetáneos: Gaudí e mais Morandi. Os dous procuran adiviñar que é a natureza e que normas básicas a rexen; pero as solucións de ambos diverxen. Gaudí -como todo o Modernismo- aposta polas liñas curvas, pola sensualidade das formas naturais atopadas en vexetais, mentres que Morandi -como se fose un aplicado discípulo dos pais do cubismo- mira de reducir a natureza a aquelas formas xeométricas esenciais e primarias.
Giorgio Morandi. Música do cotiá. Teatralidade atmosférica
Todo en Morandi é un misterio; o silencio fala e non deixa dubidas cun discurso claro e confuso. Todas as respostas son xustas, precisas e transparentes en Morandi, agora temos que atopar as preguntas. Sempre os mesmos obxectos, e sempre distintos. A primeira vez que tiven a Morandi fisicamente a metro e medio de min, ocupando o seu espazo en relación ao cadro, non entendín nada, non me gustou. Anos despois, volvín atopalo… non! Fun velo, e falamos, moito. Segue sendo un misterio, pero agora coido que entendo. (Anxo Baranga, artista, 2021).
Giorgio Morandi, nas súas pinturas (e mais nos seus gravados) non apostou pola figura humana, o tema principal da arte occidental. Tamén niso é orixinal. E tampouco pola representación de animais. Pintou moito. Que pintou, logo? Fundamentalmente Naturezas mortas (Nature Morte). Xunto a este reiterado, e case obsesivo motivo estético, pintou paisaxes (paesaggios) e flores (fiori). En toda unha vida dedicada á pintura e o gravado non saíu deses temas. As naturezas mortas, bodegóns, reduciunos a traballos con obxectos domésticos: botellas, copas, tarros, xerros. Bodegóns frugais, de clara tradición barroca. Pero nada de encher espazos con arquitecturas, obxectos e animais, tan do gusto dos bodegóns que acugulaban artistas holandeses. Non. Morandi prefire a simplicidade que escolleron Zurbarán ou Sánchez Cotán; esa ascética que séculos despois empregan os irmáns Santilari. ¿Que diría o mestre de Bolonia sobre a recreación dun tema de Sánchez Cotán que decidiu actualizar o artista Ori Gersht, tendo como centro da natureza morta unha granada?
Morandi coloca obxectos, perspectiva, volume. A luz. A ordenación dos obxectos son haikus, puras arquitecturas: unha linguaxe propia, de seu, única. Moitas veces, no mesmo ano, estrutura os mesmos obxectos de xeitos diferentes: escenas de dramaturxia interior? Variacións cósmicas de universos insospeitados (Variacións Goldberg?). Universos que -cal Baranga- non sempre se entenden. Acaso as pezas da vaixela son para Morandi monicreques? Ou polchinelle grandes e pesados, tan populares no sur de Italia e mais na illa de Sicilia? O seu amigo Luigi Magnani visitouno un día e viu que Morandi levaba días pintando naturezas mortas cos mesmos elementos, só mudados de sitio. Sorprendeuse e estivo tratando de comprender esa reiteración, esa obstinada reiteración. Ao decatarse Morandi comentoulle lacónico: Eses temas non os podo rematar nin en dous anos de traballo.
A estudada colocación de utensilios domésticos é a suma de notas musicais? A musicalidade da vida cotiá? Como afirma Anxo Baranga arredor de Morandi hai misterio. Hai misterio silencioso. Silencio que calla nesas dúas bandas cromáticas que emprega nos bodegóns como únicas referencias espaciais onde situar os útiles domésticos. Como se de pinturas relixiosas se tratase. Morandi, pintor románico? A banda inferior (sobre a que descansan os elementos seleccionados) de cores ocres ou marróns: a terra; a de máis arriba de varias cores, ás veces azuis, como os ceos. Como se aprecia nas pinturas románicas e nas iconas bizantinas. Morandi viaxa por entre a teatralidade doméstica que devén sacra.
Diríase que as paisaxes que pinta o artista boloñés, as vedute que se albiscan desde o seu obradoiro, viñeron percorrendo mundo desde as voltas de Aix-en-Provence, viaxaron desde as tamén reiteradas captacións que Cézanne fixo da montagne Saint Victoire. A sintaxe estética e escénica de Morandi habita os mundos do misterio, dos silencios místicos. Cos elementos domésticos Morandi xoga a súa persoal danza: coloca uns diante doutros non deixando así que se amosen os volumes dos obxectos domésticos.
Giorgio Morandi. Pintura pura
Penso que nada pode ser máis abstracto, máis irreal, que aquelo que vemos. Sabemos que ningunha das percepcións que os humanos temos do mundo obxectivo se corresponden co que vemos e comprendemos. A materia existe, por suposto, mais non ten un significado intrínseco propio, como os significados que lle atribuímos. Só nós podemos saber que unha cunca é unha cunca, que unha árbore é unha árbore. (Giorgio Morandi, declaracións a Edoardo Roditi).
Os avatares da vida e obra de Giorgio Morandi van parellos ao acontecer diario do século XX na vila de Bolonia, esa cidade do norte de Italia onde naceu e viviu. E alí, no seu monacal obradoiro, foi quen de elaborar unha das creacións artísticas máis únicas, ricas, do século pasado; aínda que apenas dedicou os seus abundantes traballos a dous temas. Agora, na casa onde viviu e traballou, instalouse o Museo Morandi, verdadeira homenaxe a ese home alto, de figura esvelta e face a medio camiño entre o actor Vittorio Gassman e o cantante Paolo Conte. Pero, iso si, traballando en silencio. Silencios volumétricos, luminosos.
Giorgio Morandi (1890-1964) é dono dunha produción pictórica especial. Nunca se deixou levar por ningún dos “ismos” tan habituais nas vangardas da pasada centuria. Influído sempre pola forte pegada de Cézanne, e logo polos cubistas, de contado soubo procurar e atopar vieiros propios polos que militar a arte. Nos anos vinte acompañou a Giorgio de Chirico e a Carlo Carrà na aventura da Pittura Metafísica, pero tamén destas sendas soubo apartarse. Como tamén o fixo das tendencias cara o strapaese, as loas á vida rural, fronte ás axitadas urbanidades. Dos compañeiros de Morandi, Carrà fora un dos impulsores do futurismo, pero logo virou costas cara interpretacións máis achegadas aos mundos oníricos. E de Chirico (houbo importante mostra en Caixaforum) é o gran creador de mundos arquitectónicos e arquetípicos que tantas bazas lle brindou aos dadaístas e mesmos ao surrealismo. O pintor de vía Fondazza crea suxestivas imaxes, volumétricas, nas que se adiviñan rexistros inconscientes, e chegan ao público potentes, emerxidas das rexións nas que non hai defensas.
Tense escrito que este artista vivía fechado en si propio e afastado de contactos externos. Non é certo. Sabía moi ben por onde ían as trazas da arte, xa coa lectura de revistas, xa coa visita de mostras. As obras de Morandi participaron en exposicións importantes; en Italia (Biennale de Venecia, varias veces) e fóra (Bienal de São Paulo e en New York entre outras cidades). As súas obras -sinxelas e esenciais- foron aparecendo nas filmografías de directores de culto como Federino Fellini (La Dolce Vita) e Antonioni (La Notte) alá polos anos 60 da pasada centuria.
Morandi é o pintor do volume e da luz. Da abstracción e da síntese. As súas pezas -xa fiori, xa nature morte- son haikus de pureza extrema. Haikus rotundos, saídos das masas aprendidas en Masaccio e en Ucello. A súa vida e obra corren en paralelo ás prácticas monacais; ás militancias eremitas. Contan que investía moito máis tempo en preparar a composición de obxectos para unha Natura Morta (botellas, xerros, copas) ca na execución práctica da mesma. Antes de comezar a argallar unha peza practicaba xexúns?, executaba preparación similar á dos monxes ortodoxos para a confección dunha icona?
A mostra Morandi. Ressonància infinita, instalada no corazón da Pedrera permite ver, sentir, adiviñar a maxia do mestre de Bolonia.
Giorgio Morandi. Esencialidades. Estilo tardío?
Sempre me dediquei a un abano de temas moito máis limitado do que teñen feito boa parte dos pintores e, por tanto, o risco de repetirme sempre foi superior. Coido que conseguín esquivalo, ese perigo, dedicando máis tempo a proxectar cada unha das miñas obras como unha variación sobre un ou outro destes escasos temas (Giorgio Morandi).
A partir do final da II Guerra Mundial, aproximadamente, a súa pintura faise aínda máis esencialista; renuncia a detalles que antes recollía, a menos elementos e xúntaos no medio da composición. Agora, anos 50 e 60, as alongadas sombras dos cacharros non están. E cada vez emprega menos cores. Morandi é dos poucos artistas que decide pintar brancos sobre branco, ocres sobre ocre. O artista achégase ás esencialidades, alcanza a iluminación do silencioso misterio. Todo parece indicar que Giorgio Morandi, alá polos anos 50 e 60 da pasada centuria saborea a sinxeleza creativa. Preocúpase polo sentir primario que ditou as notas das últimas composicións ao autor da novena sinfonía? Outro tanto se ten dito de Goya ou de Renoir.
A existencia, ou non, do chamado Estilo tardío ten levantado polémicas. O primeiro estudoso que reflexionou sobre este concepto foi Theodor W. Adorno, cando se refería ás últimas composicións de Beethoven e á simplificación de formas e propostas que denotaba no compositor. Logo, quen mirou de estruturar e dar forma a tal maneira de crear foi E. W. Said, atendendo á produción de escritores e músicos. Segundo os teóricos do Estilo tardío tal cousa pode darse só nos grandes creadores, nunha etapa final da súa vida, onde se mesturan a debilidade física, o cansazo e a actitude consciente do artista de que calquera cousa nova que faga pouco ou nada vai aportar á súa traxectoria artística. O Estilo tardío prodúcese (no caso que se produza): nun intre no que o artista, a pesar de ser dono absoluto do seu medio, abandona a comunicación coa orde social establecida da que forma parte e alcanza unha relación contraditoria e alienada con el mesmo (Adorno). Algúns estudosos observan esas especificacións do Estilo tardío nas derradeiras creacións de Picasso, cando ataca con forza os seus temas esenciais, ou na queima de lenzos por Miró, xa con 80 anos, ou nas pinturas negras de Goya. É o caso de Giorgio Morandi?
EXPOSICIÓN: Morandi. Ressonància infinita. Fundació Catalunya La Pedrera ata o 9 de xaneiro de 2022