A quen culpo hoxe?

Feijóo, durante un debate no Parlamento © Parlamento de Galicia

Feijoo é experto en escapismo. Houdini, ao seu lado, un principiante. Problemas co persoal substituto na Sanidade? O responsable é o Goberno central por non eliminar a taxa de reposición (que implantou o PSOE en 2010 e o PP non retirou) e por non facer Sánchez un MIR extraordinario (sabendo que na Galiza non temos Unidades Docentes para acoller os futuros profesionais). Coas competencias transferidas, os profesionais seguen marchando onde se prestixe a súa profesión.

A Comisión Europea, do que España “quebrantou as leis da UE ao prorrogar a concesión da AP-9 sen concurso público e inicia un procedemento de infracción contra o Estado, que pode acabar ante o Tribunal da UE, se non introduce “os cambios para cumprir a normativa”. España ampliou a duración da concesión, sen iniciar previamente un procedemento de licitación pública e a UE considera que tamén incumpriu a directiva. Adolfo Suarez (1977), Felipe Gonzalez (1994) e José María Aznar (2000), déronlle 36 anos máis de negocio a Audasa. Feijoo, dí "que non teñen responsabilidade", que espera que se "aclare por que fixo iso o goberno central”: váia morro!                             

Ence, Eólicos, hidroeléctricas, Alcoa, Pemex, LM Composites, Gamesa, Alstom, Danigal, Vestas... son algunhas empresas industriais que fecharon nos últimos anos na Galiza. Unha listaxe ampla que deixou polo camiño centos de empregos. O BNG, exixe "medidas urxentes diante do proceso de desmantelamento industrial e perda de emprego que sofre o País"; o PSdeG reclama un "plan de industrialización" e a "intervención" da Xunta para evitar os despedimentos. Feijóo ten transferidas as competencias en Industria pero a quen lle bota a culpa el da desindustrialización? Ao Goberno central. 

Dí Feijoo: "Non poñemos máis vacinas porque non as manda Madrid". Somos a comunidade autónoma con máis vacinas postas... Se a incidencia da COVID aumenta na Galiza, a culpa segundo Feijoo “é da hostalería” e fai pagar as consecuencias con feches e diminución de aforos, pero e non ten responsabilidade. 

Se se retiran mestres e aumentan as ratio, é responsabilidade de Feijóo? Non, é culpa de alguén, menos del que é o que toma as decisións!

O parlamento español vén de poñer en marcha de novo a comisión parlamentaria do accidente de Angrois. Non lle preguntedes a Feijoo, el e o PP, non teñen culpa!

No financiamento autonómico, Feijóo fai piña con outros presidentes para botar as culpas... A Sánchez. Por suposto, ante gobernos do PP, nin chío!

Adega denuncia ante a Fiscalía a Xunta e as eléctricas responsables do baleirado dos encoros cando a electricidade está no prezo máis elevado da historia. Naturgy e Iberdrola (cuxo presidente abrázase efusivamente a Feijóo ao gañar as eleccións). Feijoo, coas tranfrencias neste tema, dí que “é responsabilidade da Conca Hidrográfica Miño-Sil"... Por suposto, dependente do estado español. Adega di que “o non control do baleirado constitúe un grave desleixo de funcións por parte da Xunta”, pero a Feijóo…

O PP vota en contra no Parlamento Galego de “instar a Abanca a non fechar oficinas”. E que fai? Concédelle 2,8 millóns de euros para manter s caxeiros nalgúns lugares, no lugar de persoas.  

Enfermeiras Eventuais en Loita din que son “profesionais de usar e tirar” despois de que non se lles renoven os contratos de cando fixeron falta (e moita). Feijóo dálles unha medalla de ouro de Galiza, pero non postos de traballo dignos…

A caza do lobo, o apoio a escola e sanidade privada…

Temos claro quen é o responsable na Galiza da política que se fai. Bota balóns fora, pero o País empeora día a día. De nós depende cambiar esta situación!

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.