Lembraba estes días a película La Haine, O odio. Mathieu Kassovitz dirixiuna en 1995: vintecatro horas na vida de tres rapaces dunha cité da periferia de París, a mañá seguinte a unha noite de disturbios. Un amigo deles está en coma despois dunha malleira policial. Cando a vin pareceume unha obra mestra. Hoxe paréceme tamén un agoiro
Lembraba estes días a película La Haine, O odio. Mathieu Kassovitz dirixiuna en 1995: vintecatro horas na vida de tres rapaces dunha cité da periferia de París, a mañá seguinte a unha noite de disturbios. Un amigo deles está en coma despois dunha malleira policial. Cando a vin pareceume unha obra mestra. Hoxe paréceme tamén un agoiro. Na fala xuvenil, avoir la haine é estar cheo de rabia contra o mundo. Na película a policía é a cara visible dese mundo, o Estado que chega en furgón e marcha deixando feridas.
O 17 de outubro, en Limoges, ardeu o concello, un edificio do século XIX, despois dunha manifestación convocada contra o coste da vida. A imaxe fala por si soa. O concello é a institución máis próxima, o lugar onde se goberna. Velaí a fantasía de queimalo todo.
O incendio chega no medio dun movemento que comezou en setembro nos liceos franceses, contra as aulas masificadas e a falta de profesorado, e que xa alcanzou tamén as universidades. Francia é o escenario máis espectacular, pero protestas semellantes percorren España, Portugal, Italia ou Albania. Os protagonistas son estudantes adolescentes, mozas e mozos que non poden pagar un aluguer, xeracións ás que se lles prometeu un futuro de benestar que parece estar quebrado. Estannos roubando o futuro, berran. As marxes seguen aí; os barrios esquecidos, as promesas de inclusión incumpridas para fillos e netos de quen chegou doutros lugares. Pero o malestar xa é maioritario. A exclusión chegou ao centro.
La Haine ábrese coa historia dun home que cae desde un edificio de cincuenta andares e repite en cada piso: ata aquí, todo vai ben. O que importa é a aterraxe. No peche, quen cae é unha sociedade enteira. Trinta anos despois seguimos caendo, e seguimos pedíndolle calma á mocidade
O lume ten dúas caras. Gaston Bachelard estudou a súa forza na imaxinación: purifica, renova, promete un comezo limpo. Tamén arrasa, e queima primeiro o que ten máis preto, sexa isto o que sexa.
Desde a clínica resistímonos a unha lectura moral. Donald Winnicott sostiña que a tendencia antisocial garda unha esperanza: o rapaz que rompe ou rouba reclama un ambiente que o sosteña e que nalgún momento perdeu. El chamábaos mozos deprivados. Os seus actos destrutivos, dicía, van dirixidos a alguén que os escoite.
Mark Fisher escribiu sobre a privatización do malestar: sen un relato colectivo, o sufrimento social vívese como depresión, ansiedade ou fracaso persoal. Quen traballamos con adolescentes vémolo cada día nas autolesións, no illamento, en corpos que din o que a palabra cala. Moita depresión xuvenil é rabia sen saída. O preocupante entón sería o silencio, unha xeración que xa non esperase ser escoitada.
Unha rabia sen dirección é unha forza dispoñible, e sempre hai quen tenta apropiarse dela
Unha rabia sen dirección é unha forza dispoñible, e sempre hai quen tenta apropiarse dela. O procedemento é ben coñecido: ofrecerlle un obxecto. O culpable é o migrante, o diferente, o veciño doutra orixe. Así a rabia convértese en odio, e o malestar desvíase cara aos máis vulnerables, lonxe das súas causas: a vivenda feita mercadoría, a escola sen recursos, un mundo laboral sen promesas. Discursos así medran en toda Europa. Hai outra apropiación, máis sutil: romantizar o lume desde fóra e ver nos rapaces a vangarda dunha revolución que outros soñaron por eles. As dúas falan pola mocidade en lugar de escoitala.
La Haine ábrese coa historia dun home que cae desde un edificio de cincuenta andares e repite en cada piso: ata aquí, todo vai ben. O que importa é a aterraxe. No peche, quen cae é unha sociedade enteira. Trinta anos despois seguimos caendo, e seguimos pedíndolle calma á mocidade.
Os rapaces de La Haine estaban sós coa súa rabia. Os de hoxe son moitos, e teñen a oportunidade de facer dela unha axenda propia. Se os adultos non lla roubamos antes
De nada serve reprimir a rabia ou canalizala desde arriba cara a intereses alleos. O necesario é que os mozos e as mozas repoliticen o seu malestar: que o nomeen, lle dean forma colectiva, constrúan organizacións propias, se equivoquen e aprendan. A rabia é un afecto sen palabras; a política, no seu mellor sentido, dálle palabras e dirección sen convertela en odio. Iso esixe hoxe adultos e institucións dispostos a soster sen controlar, a escoitar sen tutelar, a ceder espazo e poder. Esixe confiar en que quen herda este mundo ten dereito a decidir que fai con el.
Os rapaces de La Haine estaban sós coa súa rabia. Os de hoxe son moitos, e teñen a oportunidade de facer dela unha axenda propia. Se os adultos non lla roubamos antes.