A rabia do Prestige

A sentenza xudicial que absolve o Estado, o capitán e o xefe de máquinas de calquera responsabilidade na catástrofe do Prestige -e que implica que ninguén pagará a factura multimillonaria dos danos daquela marea negra- devolve a indignación a milleiros de galegos. A sensación de inxustiza do ditame, máis aló dos detalles xurídicos que dificultaban unha resposta á medida das consecuencias do sinistro, é maioritaria entre unha sociedade demasiado afeita ás desgrazas.

Os que hai once anos comezamos de moi novos a exercer o xornalismo con aqueles meses negros de chapapote, rememoramos agora e dez anos despois a mesma indignación e incomprensión que daquela sentimos. Porque entón -como outras veces pero non con tanta evidencia-, moitos sentímonos humildemente útiles ao contar no xa vetusto papel dos xornais o que desde a Administración e os medios públicos teimaban en negar unha e outra vez. Onde seica non había marea negra había toneladas de fuel inundando praias e a onde non ían chegar galletas de chapapote chegaban, con exacta puntualidade, ondas negras advertidas pola Mariña portuguesa, que servía naqueles tempos de fonte fundamental para saber o que non nos contaban. Tamén a experiencia dos veteranos mariñeiros, que eran capaces de determinar a hora no que o fuel arruinaría o seu modo de vida. Mentres desde as salas de prensa se negaba o evidente.

A carraxe regresa porque moitos dos que negaban daquela a catástrofe non optaron desta vez nin tan sequera pola cautela.

A carraxe regresa porque moitos dos que negaban daquela a catástrofe non optaron desta vez nin tan sequera pola cautela. E regresa porque a resolución xudicial, como di Manuel Rivas, volve ser “fósil” e semella dar vía libre a eses milleiros de petroleiros que anualmente navegan fronte ás costas galegas conscientes, agora si de vez, de que non hai mellor lugar onde naufragar no caso de que teñan problemas. Quen contamina non paga. E quen xestiona mal, tampouco.

E regresa a rabia porque é difícil esquecer. Os que moitos sinalan como principais responsables políticos de converter un grave sinistro nunha enorme catástrofe foron elevados nos seus postos de responsabilidade, premiados con novos cargos e, en case todos os casos, apoiados maioritariamente por millóns de votos en sucesivas eleccións.

Onde houbo un maioritario rexeitamento á xestión daquela catástrofe houbo tamén minoritarias actitudes que agora, irremediablemente, volven á memoria como petando para non marchar nunca.

Onde houbo un maioritario rexeitamento á xestión daquela catástrofe houbo tamén minoritarias actitudes que agora, irremediablemente, volven á memoria como petando para non marchar nunca. Os que percorremos a Costa da Morte entre a cor negra e o cheiro a gasolina tampouco esquecemos as risas que algúns veciños (poucos, moi poucos) da zona botaban ao ver un entregado voluntario holandés intentando limpar as rochas cunha especie de rasqueta. Tampouco os que confesaban ter aprazado o despece da súa vella embarcación para cobrar as subvencións. Nin os que parecían desexar outro naufraxio para poder acceder aos importantes pagos da Administración. Nin tampouco aquel cargo público que nunha visita ás praias afectadas insultou gravemente os xornalistas alí presentes sen decatarse de que varios deles estaban, naquel momento, xusto ao carón del.

Pero aquilo, que era unha boa desgraza tamén, era unha minoría entre as masivas manifestacións de Nunca Máis, entre a creatividade que encheu portos de maletas maldicindo a emigración e encheu praias de cruces como unha cruel metáfora da morte das nosas costas ou que fixo agromar música, teatro e arte contra a Burla Negra. A solidariedade e pesar común que incluso fixo esquecer por unha vez a rivalidade futbolística e que uniu para sempre os berros de celtistas e deportivistas contra a incompetencia e manipulación informativa que criticaban dos gobernos.

E agora, máis dunha década despois, é imposible non recapacitar sobre todo aquilo. Porque agora, once anos máis tarde, esta polémica sentenza chega aderezada de Urdangaríns, Bárcenas, infantas, preferentes, Bankias, rescates bancarios, crises, estafas e demais. “Es lo que hay”, dixo a Defensora del Pueblo cando se lle preguntou pola sentenza do Prestige. E debe ser. Porque en Galicia, xa sabemos que pouco nos sorprende que caian chuzos de punta. “E se chove, que chova”. E xa choveu.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.