A radio e a outra Cataluña

Els altres catalans Dominio Público

 

Gústame escoitar, na súa versión podcast, o programa de Catalunya Ràdio que conduce Enric Calpena sobre historia, En Guàrdia. Trata cuestións de todo tipo, desde a Revolución Rusa e Cataluña, pasando por un especial sobre Salvador Seguí, o noi do sucre, ou a política nas orixes da radio. O presentador axúdase dunha voz experta convidada e dun colaborador estable, o profesor Josep Maria Solé i Sabaté. Como curiosidade, a longa traxectoria radiofónica deste programa permite escoitar antigas edicións que contaban coa presenza do actual presidente de Esquerra Republicana, Oriol Junqueras.

Aínda hai moito traballo pendente para facer chegar a pluralidade do país ás institucións de autogoberno e aos diferentes espazos de poder

Agora ben, hoxe quero facer mención a un capítulo en particular dedicado á figura de Francisco Candel, autor de Els altres catalans e dunha multitude de obras que se dedican a dar voz á Cataluña inmigrada dos anos 60 do século XX. O programa, na súa edición 815, aproveita o coñecemento de Genís Sinca, xornalista e especialista na obra do autor, para repasar as claves da súa traxectoria. Moi recomendable.

A Cataluña que chegara recentemente naquela época atopámola agora presente na maior parte de espazos do país. Ademais, aqueles inmigrantes precederon a moitos outros de orixes diversas. Aínda así, aínda hai moito traballo pendente para facer chegar a pluralidade do país ás institucións de autogoberno e aos diferentes espazos de poder. As eleccións á Presidencia do Barça celebradas o pasado 7 de marzo parecen indicar unha debilidade obvia: o palco do Camp Nou parece reservado a homes, de orixe catalá, con alto poder adquisitivo e de ideoloxía liberal conservadora. Cando se trata de privilexios, o nivel de mestizaxe é claramente inferior. O novo Parlamento de Cataluña que se constituirá esta semana é tamén -aínda- un exemplo de fracaso representativo: porque moitos cidadáns que traballan en Cataluña non teñen dereito a voto e porque carece dunha representación da pluralidade máis fiel á realidade do país.

Unha das características das sociedades dos anos 60 e 70 que retrataba Candel era a necesidade asociativa. A inmigración, segundo o seu lugar de procedencia, sempre se agrupou en barrios e por esta razón aínda hoxe atopamos un Centro Galego na Rambla de Barcelona ou agrupacións culturais andaluzas de todo tipo en todo Cataluña. Este tecido asociativo era un xeito de promover a cultura do país de orixe, pero tamén funcionaba como rede social capaz de axudar, integrar e desenvolver ás persoas. Ía máis aló de gaitas ou bailes tradicionais: ofrecía amizades, contactos e oportunidades a nun contexto difícil.

Eu estou contento de pertencer a unha Cataluña mestiza con vontade de non esquecerse das súas orixes, pero tamén de transformar a realidade máis inmediata que me rodea. Síntome plenamente catalán, pero tamén galego

A pandemia acentuou o illamento das persoas e a cancelación de moitas actividades culturais e asociativas teñen un impacto no día a día de moitos cidadáns. Neste sentido, quero destacar o papel dunha ferramenta de comunicación indispensable como é a radio. A radio local e asociativa como a que fai Sants 3 Ràdio, onde teño o pracer de colaborar en dous espazos diferentes. O primeiro, Galiza...Algo Máis, un programa en lingua galega que se emite na radio santsense desde hai case 20 anos. O segundo, Això No Toca, un programa en catalán de actualidade política e humor feito por politólogos. 

A miña participación non deixa de ser testemuñal, sobre todo se temos en conta a interacción entre Sants3Ràdio e as diferentes asociacións, clubs de fútbol e escolas dos barrios de Sants, Hostafrancs e La Bordeta. Só hai que pasear pola rúa Valdonzelles para constatar a súa capacidade de mobilización e de presenza -a través de publicidade, pero tamén a miúdo de persoas- na rúa. Desgraciadamente, proxectos coma este están a morrer. Moitas radios comunitarias non atopan unha substitución xeracional á fronte destes proxectos nin tampouco apoio por parte das administracións. Paradoxalmente, o consumo de contido radiofónico multiplicouse o último ano, coa popularización dos podcasts. O custo de adaptación para moitas destas asociacións radiofónicas é demasiado alto e abandonan a emisión de contidos. 

Fai falta que, como sociedade, protexamos este capital social cívico que fai mellores as nosas sociedades e que axuda ás persoas recentemente chegadas a construír unha vida propia, con referentes mixtos e amizades mestizas

Eu estou contento de pertencer a unha Cataluña mestiza con vontade de non esquecerse das súas orixes, pero tamén de transformar a realidade máis inmediata que me rodea. Síntome plenamente catalán, pero tamén galego. Desde a radio local á plataforma audiovisual da multinacional americana. Emocióname pensar que hai outra Cataluña que aínda ten que descubrir esta dualidade identitaria a través dos valores cívicos e da mobilización cidadá.

A pandemia fixo que moitas persoas que se sentían soas puxeran en marcha a radio -ou Spotify- para escoitar outras voces. Fai falta que, como sociedade, protexamos este capital social cívico que fai mellores as nosas sociedades e que axuda ás persoas recentemente chegadas a construír unha vida propia, con referentes mixtos e amizades mestizas. Non se trata tanto de radio, senón de comunidade.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.