A reacción do nacionalismo español

Non vou ser quen negue que a vía unilateral do soberanismo catalán, encetada despois de sete anos de inmobilismo dende Madrid, non fose arriscada. Nin que sería  conveniente unha maioría cidadá máis ampla ca un 48,7% de votos antes de adoptar certa caste de decisións.

Mais non se pode ser equidistante. O Govern e os partidos e organizacións cívicas soberanistas limitáronse declarar o 27-O a independencia de xeito simbólico, renunciando á desobediencia pacífica fronte o golpe inconstitucional do 155. Nin houbo violencias nin rebelións nin sedicións. As sucesivas demostracións cidadás foron sempre pacíficas.

Máis do 70% da cidadanía catalá quería votar para decidir o seu futuro, mais o Goberno do Estado pechou, canda C’s e PSOE, todas as vías de diálogo.  Certo que non se daban as condicións para un referendo decisorio, mais o mundo soberanista tentou ese pacto até o mesmo 1-O. Ese día o Ministerio do Interior reprimiu violentamente a milleiros de pacíficos cidadáns, que querían votar, diante do mundo todo.

No 3-O o Xefe do Estado marcou o sinal do rearme españolista: nin desculpas, nin diálogo nin negociación. Dende esa data o rearme e agresividade do nacionalismo español é evidente. Vivimos tempos de “a por ellos” e non só na Catalunya ou Madrid, malia que no noso País percibámolo, por sorte, moito menos.

Dous terzos do Govern foron apreixados, canda os Jordis e o resto tivo que se exiliar. Faláronos, claro, da independencia dos Tribunais, mais a propia vicepresidenta Sainz de Santamaría, ademais de defender a liquidación do soberanismo, ven de recoñecer esta falla de independencia no Supremo e na AN: cómpre agradecerlle a Rajoy o 155, porque así conseguiuse descabezar aos soberanistas. Verdadeiramente ten razón, os principais candidatos de Junts per Catalunya e de ERC remanecen no cárcere ou no exilio e non poden partillar debates, encontros nin entrevistas face to face. A desigualdade de oportunidades é evidente, mentres Pep Borrell (PSC) corrixe Miquel Iceta e di que cómpre desinfectar Catalunya.

Dende o discurso de El-Rei o nacionalismo español rearmouse sen complexos, escollendo un camiño de represión e agresividade propio dos valores da extrema dereita. Mais estas exhibicións fachendosas poderían ser sinal de febleza antes ca de forza.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.