A crise do sector lácteo evidenciou unha absoluta falla de resposta do Goberno galego, que abdicou das súas responsabilidades delegando toda a capacidade de resposta no Goberno do Estado. Ficou claro que a recentralización non só é un proceso xurídico, senón fondamente inserido na axenda política do PP, que definitivamente apostou na Galicia por se limitar a mal xestionar baixo as directrices políticas emanadas dende Madrid.
A recentralización non só é un proceso xurídico, senón fondamente inserido na axenda política do PP, que definitivamente apostou na Galicia por se limitar a mal xestionar baixo as directrices políticas emanadas dende Madrid
Mais, con ser moi grave esta renuncia da Xunta a exercer as súas competencias estatutarias, certo é que estas ficaron substancialmente limitadas polo continuo proceso de recentralización, xa encetado nos tempos de González e Aznar co pretexto de garantir o cumprimento das normas e resolucións europeas. Para máis, o Tribunal Constitucional, sempre árbitro caseiro, fanou as competencias exclusivas do Poder Galego abusando de conceptos xerais (“planificación da actividade económica xeral”, “unidade de mercado”, “lexislación básica”) que dificultan grandemente o deseño dunha política social e económica axustada ás nosas necesidades, sempre referidas a uns sectores económicos para nós estratéxicos que, porén, para Madrid son prescindíbeis.
A crise económica foi o grande pretexto para intensificar este proceso
A crise económica foi o grande pretexto para intensificar este proceso, impedindo o exercicio de políticas sociais por parte dos Gobernos autonómicos e locais, intervindo as súas Facendas e recuperando para o Estado competencias como a determinación das aperturas e horarios comerciais, as licenzas deportivas ou o deseño dos contidos educativos.
Galicia haberá decidir se ratifica esta política (ben considerada pola opinión pública madrileña e da maioría do Estado) ou aposta por unha reforma política que nos permita blindar as ferramentas precisas para frear os actuais procesos de recentralización económica e política, directamente responsábeis da emigración da xente nova máis preparada, da crise permanente dos nosos sectores produtivos e da continua perda das oportunidades que se lle abrirían á nosa economía e ao noso benestar social se fósemos quen a dirixir o noso.