A Reconquista de Vigo. Contra a “nación” da Constitución de 1812

A Reconquista de Vigo supuxo o gran fito na chamada guerra contra os franceses. Así o argumenta Barreiro Fernández na Historia social da Guerra da Independencia. Desterra o mito da batalla de Ponte Sampaio, acontecida meses despois. A diferenza: o primeiro combate foi protagonizado pola nación e o segundo polos militares.

A mitificación da batalla de Ponte Sampaio pretendeu prestixiar o exército español tras a súa deserción. Cando os franceses perseguen os soldados ingleses por Galiza adiante, as tropas das prazas militares galegas saían cara a meseta, desprotexendo o antigo Reino de Galiza e ofrecéndollo ao inimigo sen resistencia. A actitude dos ingleses con John Moore á cabeza (morto na batalla de Elviña) propiciou o poema de Rosalía de Castro dedicado a este xeneral de orixe escocesa.

Resulta indiscutíbel, na nosa opinión, que a experiencia da autoorganización nas xuntas, a composición ou a elección dos cargos das alarmas (ou guerrillas) supuxeron un troco drástico na mentalidade duns artesáns, fidalgos e labregos até entón fóra das decisións de poder político. De súpeto pasaban a dirixir o combate contra o invasor e a tomar o poder institucional. Asomaban os principios liberais.

Tense dito que a loita contra os franceses era a loita contra o liberalismo posto que a Francia napoleónica traía a liberdade. Mais consideramos ben inexacta esa afirmación. Napoleón era un imperialista que tiña un escaso interese pola situación da humanidade. De feito, os communards de 1871 tirarían coa columna da praza Vendôme de París, coroada por Napoleón, xa que representaba un episodio do imperialismo francés e, polo tanto, contrario ás ideas comunistas da comuna.

O exército galo realizou abusos a eito sobre a nación e esta non ía permitir que continuasen con esa inmunidade. Expulsaron o invasor mais non ao berro de viva Fernando VII. Todo o contrario, xustamente ese enfrontamento e a citada autoorganización supuxo unha experiencia democrática de tendencia liberal da cal moitos non estaban dispostos a renunciar. Isto non quita que tamén houbese quen loitase a prol do regreso do Borbón. Xurdía a dialéctica entre liberais e absolutistas que marcou os anos iniciais do século decimonónico.

Galiza, daquela Reino, converterase no XIX nun dos focos máis subliñados do pensamento liberal, progresista e republicano (segundo os tramos temporais). Porlier érguese na Coruña contra o absolutismo en 1815. O triunfo de Rafael De Riego en 1820 contou co apoio de Galiza sendo o primeiro lugar que así o facía e que axudaría a decantar a vitoria. Os pronunciamentos de 1840, 1843, 1846, 1848, 1854... Unha destacada nómina de galegos estaban na vangarda do combate. É falsa a idea irradiada de que fomos un país de conservadores. O Rexurdimento ten uns piares liberais por evidentes motivos e non por arte de birlibirloque. É un conto que pretende ocultar a historia dos devanceiros e ofrecernos a imaxe dun pobo servil e conservador.

Usei o termo nación no sentido de pobo ou cidadanía, non no senso político actual. A nación no XIX era, ante todo, a antítese do Antigo Réxime (monarquía absolutista e aristocracia). Neste ano, que celebrarán o bicentenario da Constitución de 1812, virán refachos de artigos e opinións sobre a orixe da nación española. Dirán que en Cádiz foi onde se blindou esa conformación da identidade nacional española que viña de tempos antergos e que se expresou rotundamente contra os franceses. Dirán que foi a defensa da integridade territorial do Estado español a que cohesionou á cidadanía e a razón primeira da entregada e heroica loitar popular. Todo un silabario infértil.

A nación non era o berro a prol da entidade político-administrativa que ten conciencia da súa diferencialidade e vontade por expresala. A nación é a xente que se repón a un poder despótico e que o tumba mediante un proceso revolucionario. A nación é a proclama de seren cidadáns e non súbditos.
Cando esta nación (pobo ou cidadanía) asuma o poder e se desliza polo aparello do estado asumindo o seu control, entón é cando se produce a identificación do estado coa nación e, así, a construción ideolóxica da mesma. Isto sucede nos anos posteriores á francesada. No caso español, durante a edificación do sistema liberal.

Borja de Riquer na súa obra Escolta, Espanya expón o fracaso do sistema liberal á hora de construír o discurso da nación española. Un fracaso debido, sen dúbida e entre outras razóns, á presenza no poder da monarquía corrupta que impedía á vella nación sentirse identificada co estado.

O que debemos ter presente é que a nación como a entendemos hoxe (comunidade da cal emana a soberanía, que posúe unha serie de trazos que a diferencian e ten conciencia disto) non é igual que a nación do XIX, nin para os galegos nin para os españois. Polo tanto, alá aqueles que queiran esaxerar a celebración do bicentenario da primeira constitución española como se aquilo fose a fundación mítica da España de Pelayo, do Cid ou do imperio Aznar.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.