A recuperación a costa do futuro e as pezas da maquinaria

  • A renda media dos fogares reduciuse un 13% desde 2009 (30.04€?) a 2015 (26.092€)
  • Máis de 8 millóns de traballadores/as están por baixo do limiar da pobreza
  • Case 700.000 fogares, 1,3 millóns de persoas, non teñen ningún ingreso (4% dos fogares)
  • A mala alimentación por motivos económicos e, en ocasións, a fame, son situacións reais que afectan a máis dun millón de persoas en España
  • Nun de cada dez fogares pásase frío ou excesiva calor por non poder manter a vivenda a temperatura adecuada.
  • A Taxa Arope, que é o indicador utilizado pola Unión Europea para medir a exclusión social, sitúa a España 5,6 puntos por encima da media europea (28,6 fronte ao 23%)
  • 4 de cada 10 persoas viven en fogares sen capacidade para afrontar gastos imprevistos

Por outra banda:

  • 1,8 millóns de persoas levan máis de 2 anos en paro (41,5% de desempregados). 1,1 millóns levan máis de 4 anos en paro (24,7% do total)
  • Un 15,3% das xornadas laborais son a tempo parcial
  • Máis dun de cada catro empregos é temporal (26,5%)
  • No últimos cinco anos acumulouse unha caída do poder adquisitivo da remuneración media nun 4,5% (912 euros menos)

Todas estas cifras están extraídas do Informe do Estado Social da Nación 2017. Del despréndese un descorazonador escenario de precariedade e falta de oportunidades. Desde  o traballo social vimos sostendo, tanto desde o noso traballo reivindicativo coas mareas laranxas como desde un punto de vista máis institucional, que o respecto aos dereitos sociais é o único xeito de manter equilibrado o ecosistema social e dito respecto pasa por asegurar o acceso universal á sanidade, garantir rendas e pensións, ofrecer unha educación de calidade e contar cuns servizos sociais fortes e de proximidade para atender á cidadanía, sen exclusión. 

Esforzo, loita, superación, emprendemento non son máis que palabras baleiras para desculpar ao Estado da súa tarefa de crear contornas sostibles

O lema do Día Mundial do Traballo Social deste ano é Promovendo Comunidades e Contornas Sostibles. Desde logo que un Estado coas cifras que acabamos de dar arriba, non o é. A desigualdade social é unha cuestión demasiado onerosa como para tomala á lixeira. Porque o que nós escribimos son cifras, pero detrás deses números hai persoas. Persoas, que non pezas, desa maquinaria do neoliberalismo. Esforzo, loita, superación, emprendemento, fai as cousas ben e..., aforra e... son as palabras e frases coas que nos bombardean reiterademente e que repiten as e os que mercaron o dogma. E non son máis que palabras baleiras para desculpar a responsabilidade do Estado á hora de crear contornas sostibles. E como se fai isto? promovendo o equilibrio económico, asegurando ingresos básicos, creando alugueres sociais e axudas á emancipación e, en definitiva, un acceso real á vivenda, garantindo os dereitos enerxéticos (como se pode permitir que as grandes compañías fagan reféns á cidadanía?), uns servizos sociais universais (porque os servizos sociais tamén son xeradores de riqueza, material e inmaterial), ademais de universais, públicos (porque, desde logo, a privatización non garante unha maior eficiencia), unha loita decidida contra a corrupción (saben cantos recursos van polo sumidoiro?) e, desde logo, derrogando a reforma laboral para crear emprego estable e con salarios dignos (porque si, é unha competencia estatal).

E agora que falamos de emprego... repararon no dato de que hai 8 millóns de traballadores por debaixo do limiar da pobreza? Imaxinan traballar para ser pobres? O informe tamén di que hai 400.000 persoas que xa non buscan traballo porque cren que non o van atopar. E cando falabamos de que a desigualdade e a exclusión son demasiado onerosas referímonos a que o Estado, a estas alturas, xa non só tería que aportar solucións económicas, senón que tería que darlle a estas persoas alicerces para vivir porque, nestes intres, a súa existencia está totalmente degradada. Porque xa non son humanos. Son pezas da maquinaria. 

Imaxinan traballar para ser pobre?

Pode parecerlles que algunhas das solucións que aportamos neste artigo son pretenciosas e revolucionarias: nada máis lonxe da realidade. A maioría están encamiñadas a garantir dereitos recollidos nunha Constitución que se aprobou hai case 40 anos. Desde o ámbito do Traballo Social, traballamos pola defensa e garantía universal dos dereitos humano e avogamos por un mundo máis solidario e xusto. E non só iso: queremos promover comunidades máis respectuosas coas persoas e o medio ambiente, na procura da paz social e ese é o noso compromiso cas contornas sustentables.

Queremos promover comunidades máis respectuosas coas persoas e o medio, na procura da paz social

E cando falamos do onerosa que é a exclusión, referímonos ao perigo de que sexa estrutural, é dicir, que pase de pais a fillos, tal  e como recolle o informe, porque é difícil saír dunha situación de pobreza se te criaches nela e privado dun desenvolvemento persoal pleno. E aquí entra a outra cuestión: a precariedade, a desigualdade e a exclusión limitan ver máis alá. Non só como individuos, tamén como sociedade. A pretendida recuperación é a costa do futuro. De vivir só o agora, porque non hai marxe a proxectos nin ilusións. Pezas de maquinaria.

A pretendida recuperación é a costa do futuro

En definitiva, a profesión do traballo social segue a reivindicar as comunidades e as contornas sostibles. Porque a punta de lanza da profesión é o benestar das persoas que, neste momento, está en xaque. Seguiremos demandando e traballando por DEREITOS, DIGNIDADE E XUSTIZA SOCIAL e garantilos non é máis ca unha cuestión de vontade política. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.