A regra de Godwin e o can soberano

O exconselleiro de Gas Natural Fenosa, Filipe González Márquez, vén de publicar unha filípica contra Artur Mas perfumada de apelo ao seny (siso) dos cataláns. Certo é que González non é Demóstenes nen Mas Filipo de Macedonia, nen é a súa tribuna escrita máis unha entre os medios públicos e privados. Quen foi profeta da transición e do “cambio” procura determinacións "patolóxicas" para non ter que lembrarse de que houbo un tempo en que esquerda e dereita non eran o mesmo e que a experiencia democrática non pode reducirse ao seu momento institucional.

”Es lo más parecido a la aventura alemana o italiana de los años 30 del siglo pasado. Pero es difícil expresarlo así por respeto a la tradición de convivencia de Cataluña" vén de escribir en El País. Perante unha afirmación tan brutalmente apodíctica e inxusta ou ficamos calados ou ainda pasmados temos de ir debullando contraexemplos nun escenario cada vez máis dominado pola apoteose do discurso do temor. Se ben González se limita a afirmar o que afirma sen achegar provas, argumentos ou base estatística, a comparación intolerabel supón unha oportunidade para constatarmos a vacuidade do supremacismo que ten como obxectivo a subordinación do momento ideolóxico e o terreo cambiante da sociedade catalá aos imperativos do calendario electoral castellano-madrileño. Tal é a arrogancia que se permite comparar o acontecimento catalán de 2015 coa Alemania nazi e a Italia fascista ignorando de paso o que fixeron os hexemonistas españois antes e despois do 36.
Quen aplica a chamada regra das analoxias nazistas de Godwin, ten de mencionalas ben porque ficou sen argumentos -perdeu rubor en evitar unha asimetría demasidado visibel e banalizadora- ou ben porque precisa dunha reducción ao absurdo que Gonzalez non se molesta en desenvolver. Así os cataláns a favor do dereito a decidir, os do 9N, serían parvos que falan vernáculo e viven no profundo das covas. Non teñen sentido da historia, porque como di Onfray un “soberanista é un can”. Pola contra, os do Sí á Constitucion do 78 e á OTAN tiñan un sentido do convívio hipertrofiado, escrutaron con avidez crítica o tratado de Maastricht e logo de teren gorentado solidariamente dos 800.000 postos de traballo ainda lles quedaron azos para leren ao ciorano Savater en El País.

O candidato do PPC, Xavier García Albiol, vén de afirmar que "a brincadeira rematou", reafirmando así que o PP rexistrara esta terza unha proposición de lei urxente no Congreso para reformar a lei orgánica do TC que lle outorgaría postestade executiva ao alto tribunal para punir a quen non cumpra a súas sentenzas. Non é a derradeira nin a primeira lexislación ad hoc (Aznar reformou o código penal para sancionar a Ibarretxe) e as coaccións que ainda están por vir forman parte da lóxica do resentimento e do temor. Mas iso xa o reclamaba Savater hai un mes.

Non é a derradeira nin a primeira lexislación ad hoc e as coaccións que ainda están por vir forman parte da lóxica do resentimento e do temor

Hogano, o noso heroi descubre a realidade, persignase diante dos exvotos neoliberais polo ben que fomentan o vínculo social e non dubida en porlle lindeiros ao pensabel. Ah, a auga bendita da constitución! E a análise política, u-la? Velaquí as pérolas: “y se empiezan a oír voces de rechazo a los que no tienen “pedigrí” catalán”…“en el límite de la locura”. Que González procure toda caste de determinacións “patolóxicas” reflicte de feito a súa resistencia a recoñecer calquera resistencia á hexemonía castellano-madrileña no seo do estado español.

Recentemente, fun convidado a explicar a miña experiencia catalá após diáspora galega hai vinte anos entre un público de emigrantes de identidade española en Catalunya (nomeadamente andaluces, murcianos e manchegos). Os organizadores pedíronme facelo en castelán e non sobardar os límites do “autonómico” malia poder facelo en catalá perante un público que o entende e ter o meu país na emigración un dos eixos conformadores da súa identidade nacional. Tratábase de cinguir a diversidade cultural nos límites do preámbulo da Constitución (onde se fala da existencia de "una sola nación española") sen que se albiscara algures a deducción lóxica da diversidade das nacións e do nacionalismo político. Pedíanme que me amputara para ser intelixibel e empatizar mellor. Non obstante, para González son os nacionalistas das nacións minoritarias quen preguntan polo “pedigrí”, mutatis mutandis. Cando un afirma iso non pode logo inferir doses de esencialismo, de legalismo ideolóxico, de argumentum ad quantitatem, “España como Estado nación y de la lengua que compartimos con 500 millones de personas”. O dereito á identidade só o ten a nación española, non as outras tres que constituirian o aparello burocrático do Estado español de ser este un estado plurinacional. Eís a parte chocante da argumentación de González. En vez de comezar a debullar cómo expandir a democracia española alén da pars pro toto na súa forma de única nación alicerzada na política estatal bipartidaria, fai unha reviravolta para transferirlle a culpa de xeito paternalista aos cataláns, xa que estes mália estaren dotados dunha “tradición de convivencia” que gaba, veñen de ser estrañamente abducidos: "¿Cómo es posible que se quiera llevar al pueblo catalán a una especie de Albania del siglo XXI?, pregúntase. Curioso xeito de producir o común, o máis parecido a un apelo á fe, a unha conversión relixiosa na que abonda con acreditar nela para que os cataláns extraviados, conscentes da súa própria potencia, volvan ao rego. No canto de tomar a serio a Savater e reclamar tamén para os cidadáns españois o dereito a decidir que queren exercer os cidadáns cataláns, decide satanizar a Mas dende o muro da legalidade infranqueabel, ignorando de paso que quen pide outro reparto de poder e de mudanza de rexime non se cingue ao desexo dunha só persoa nin a Catalunya.

Segundo se deriva da comparativa de González, calquera intento de expandir a democracia acelerará o devalo da democracia

Portanto, segundo se deriva da comparativa de González, calquera intento de expandir a democracia acelerará o devalo da democracia. O texto merece ser repetido: ”Es lo más parecido a la aventura alemana o italiana de los años 30 del siglo pasado”. Segundo o expresidente do goberno español de preguntarlle aos interesados seguindo os criterios da aritmética democrática derívase necesariamente totalitarismo. Os cataláns deberían ter coidado con estes amigos. Quen fai do legalismo a súa política non ten nada a dicer, capitula, renuncia á razón crítica para acabar considerando que quen procura outra narrativa afora do paradigma legalista considérase unha tolemia ilegal, un desatino comparabel ao ascenso do totalitarismo.

Nunca hai legalismo ideoloxico dabondo para a esquerda falsaria - a do "De entrada no", "Por el cambio", a LOAPA e o GAL- que disolveu, entre outras subordinacións, a diferencia esencial entre partidos democráticos de centro esquerda e de centro dereita. O mestre do panfleto non precisa finezza para constatar a culminación do seu legado. Ao cabo, hai tanta diferencia ideolóxica entre González e Rajoy como entre Mango e Zara. Quen fora habelencioso manipulador do pathos españolista no que alicerzan os reflexos políticos da dereita, que lle permitiran apresentar medidas contra as camadas populares, acaba por reprocharlle ao soberanismo catalá aquilo que non quer, ou non pode, recriminar a si mesmo. Porque baixo o exceso filípico permanece, mais unha vez, o que non é cuestionado. Que mentras a globalización neoliberal mina a lexitimidade das democracias occidentais, a democracia, en tanto que baseada na regra da lei, só funciona entre persoas que se senten parte dun estado que represente a sua realidade nacional e senón procuran alicerzar outro Estado que presente millor os seus intereses. Por outras palabras,  “a tradición de convivencia” dos cataláns é atinada só e só si fan a escolla certa que, segundo González, é a de España. O voluntarismo filipista a favor do consabido ilustra ben o paradoxo da situación: a adesión non se pode decretar. E menos cando se descalifica dun xeito tan brutal renunciando de paso á pedagoxía política.

A tendencia crecente a moralizar a política mudando os antagonismos por outra oposición- digamos entre o ben e o mal- é máis unha mostra do esvaecemento da esquerda estatalista  ao non ser capaz de ofrecer máis que legalismo

A tendencia crecente a moralizar a política mudando os antagonismos por outra oposición- digamos entre o ben e o mal- é máis unha mostra do esvaecemento da esquerda estatalista  ao non ser capaz de ofrecer máis que legalismo – como receita pròpria da dereita-  fronte a quen abre espazo para un novo contido. De feito, a reacción de Filipe González ao xesto formal de rexeitamento dos cataláns só aparentemente vén a encher o aparente silencio de Rajoy. Ambos e dous esixen estado-nación española perante a resposta soberanista. O que realmente calan é a urxencia da cuestión - inseridos como estamos nunha crise da idea de representación- baixo o balor da “servidume voluntaria” e do retrouso do “todos unidos”. Na miña opinión, un horizonte singularmente estreito xa que non describe unha estratexia a longo prazo para soerguelo. Pola contra, as estratexias do Estado español, nomeadamente logo do afundimento financieiro de 2008, van cara unha orde menos democrática e máis predadora, comodamente acubillada nos tribunais, no discurso do temor e na inaceptabel regra de Godwin.

Girona, 1 de setembro de  2015

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.