A república independente do meu kelo

O anuncio da abdicación do Rei de España trae ao debate público o debate Monarquia vs. República. Resulta de todo punto lóxico; non só polo carácter antidemocrático e negador da plena igualdade entre cidadáns que se lle presupón a calquera réxime onde a xefatura de estado estexa vinculada a un privilexio hereditario e non ao sufraxio universal, se non porque no caso español, a entronización do monarca saínte foi obra e gracia do ditador Francisco Franco, e a natureza monárquica do vixente réxime parlamentarista español non foi nunca debidamente plebiscitada; foi, en castiza expresión, colada de matute, no pack constitucional; ou 6 de decembro ou 18 de xullo.

O debate está vivo nunha parte non cativa da sociedade, con especial pulsión na xente que se chama, que nos chamamos, de esquerda, ou, utilizando a terminoloxía propia da España de preguerra; das esquerdas. Con independencia da nosa adscripción partidista ou das nosa exacta posición ideolóxica, homes e mulleres de diversos pareceres en multitude de temas, manifestamonos coincidentes na nosa querencia por un sistema político onde a cidadanía poida elixir a persoa que ocupe a xefatura de estado, velaí un elo que nos une.

Son polo tanto estes, días de especial activismo político, recén saídos dun proceso electoral con resultados esperanzadores baixo non poucas ópticas, temos de diante, sen coñemento previo e sen apenas tempo para reaccionar, a que queremos imaxinar e imaxinamos, como posibilidade de asestarlle un golpe de gracia á andamiaxe monárquica, para facer tremer e incluso caer con ela, as cimentacións todas do sistema político que nos goberna.

Vemos de primeiras como o concepto de “2ª Transición” gaña incluso portadas de importantes xornais sistémicos. Faino, claro está, na acepción máis inmobilista e por outra parte acertada do termo, esa que nos achega ao proceso político vivido na españa postfranquista como o camiño que nos conduce “de la Ley a la Ley, a través de la Ley”, en expresión que fixo fortuna cabo do tempo e que retrata como poucas a necesidade que tivo a elite española de teatralizar que todo cambiaba para que, no fondo, todo seguise igual. Da derradeira ditadura fascista de Europa a unha monarquia parlamentar limitada na súa concepción da democracia e fortemente tutelada polos hóspedes de Torrejón de Ardoz.

A 2ª Transición non é se non a versión 2.0, dixitalizada, remasterizada e tuneada, dun proceso destinado a facernos crer que as cousas cambian para que en realidade as cousas, as cousas de verdade, esas que se nos ocultan sempiternamente, esas cousas, sigan como até agora.

Diante da eventualidade de reciclaxe dun réxime a todas luces decadente xorde como vemos, en amplas capas da sociedade, a pulsión do cambio, a necesidade da ruptura. Parece claro que sectores sociais que partillaron o “pacto”, o “acordo”, a “concordia”, o “entendemento”, esto é, que protagonizaron, avalaron e pontificaron aquela 1ª Transición, hoxe non acreditan nun proceso semellante. Sede benvid@s!

Establécese un debate lóxico que comeza a permear a grande parte da cidadanía, non só a aquela máis polítizada: Monarquia vs. República. Faino, como por outra parte é lóxico, con caracteres máis grosos e simples conforme o debate se estende na sociedade, pero faino tamén, como por outra parte é digno de eloxio, sen perder a esencia da razón que o motiva: o dereito da cidadanía a elixir ao seu xefe de estado, a negación da prevalencia dun cidadán por ser “fillo de” sobre o resto, ou incluso, aceptando o xogo monárquico; o machismo recalcitrante da coroa española.

Coa inmediatez propia dos tempos que vivimos, e a golpe de novas tecnoloxías e redes sociais, o debate chega á rúa o propio día no que o monarca abdica. Polo país adiante, e con extraordinaria premura, amoreanse montes de xente nunha feliz estampa que rompe a imaxe idilicamente prefabricada pola Brunete mediática ao servizo do poder.

Nalgunhas cidades do vello Reino houbo dúas concentracións; unhas enmarcaban a súa convocatoria na necesidade dunha república e outras especificaban a súa demanda reclamando unha república galega. Ben poderíamos aplicar ao republicanismo a máxima da finada Margaret Tatcher; gosto tanto de Alemaña que prefiro que existan dúas. Sen embargo hai quen non o ve asi.

Nunha situación un tanto desconcertante, observamos como hai quen titula a determinadas convocatorias como “unitarias”, “en réxime de autoconvocatoria” ou “dos movimentos sociais” mentras califica ás mobilizacións que demandan unha república galega como “partidistas”, “interesadas” ou “burguesas”. Se un se toma a molestia de indagar no por que de tamaños epitetos, atopará argumentos de peso que nunca poderán ser satisfatoriamente rebatidos “eu convoquei primeiro”, “as nosas fanse en toda España”, “as outras son nacionalistas”, “estas son as que se anunciaron na tele”.

Persoalmente creo que se nalgo non mentiron os altofalantes cortesáns estes días é nesa verdade ecléctica que sostén que “la abdicación del Rey es fruto de un cúmulo de motivos”. Claro que si. Eu vivo pensando que moitos deses motivos foronse sedimentando cabo do tempo en infinidade de loitas, de esforzos, de campañas, de actividades sustentadas por unha cantidade inxente de xente de todo o estado español, que, desde a convicción duns ideais, con independencia da súa concreción organizativa, fixo posíbel desde a modestia militante, desde o activismo social, desde a cidadanía activa, que o rei posto por Franco tivera que facer o que segundo as súas propias palabras cabo das últimas décadas nunca faría; abdicar.

Por eso para min o día 2 de xuño de 2014 fica como un día feliz, a data dunha desas vitorias morais para a xente que estamos predestinada polo sistema chamarnos perdedores para sempre. E non podo nin por un segundo pensar que a unha persoa que acredite realmente nunha democracia digna de tal nome, que acredite na Res Publica, lle poida parecer mal que os que aliás de tal posición, defendemos o dereito a autodeterminación do pobo galego e a potestade de Galiza a exercer a súa lexítima soberanía reclamemos unha República da Galiza.

Seguro que toda a xente que acudiu a todas e cada unha das concentracións do pasado luns fixoó baixo a premisa de reivindicar o dereito que teñen como cidadáns a elixir a persoa que ocupe a xefatura do ESTADO, porque se sinten roubados no dereito que lles asiste a elixir o sistema de ESTADO no que queren vivir, pagar impostos, ir ao fútbol e tomar os viños.

E eu non podo estar máis dacordo con esa xente, e uno a miña voz a súa, na loita por desterrar á familia Borbón da esfera pública. Claro que sí, non podía ser doutro xeito, porque nesa loita estivo sempre o nacionalismo popular no noso país. Pero a maiores de querer elixir a xefatura de ESTADO, a maiores de querer elixir o sistema do ESTADO, unha chea de nacionalistas neste país queremos ter dereito a elixir o ESTADO no que queremos vivir.

Tan básico e tan elemental como eso, queremos o que moita xente quere, e máis. Queremos poder debater, votar, acordar, elixir... tamén sobre o propio ESTADO en si, porque consideramos que o noso país; Galiza, debe ser un suxeito político pleno. É dicir, estamos dacordo en todo, absolutamente en todo, pasa que a maiores, moitos e moitas nacionalistas queremos que esa democracia plena, avanzada, igualitaria, participativa... na que moita xente acredita, o sexa aínda máis, recoñecendo o carácter nacional da Galiza e os dereitos políticos que de tal condición para o noso país derivan.

A ninguén libre de ofuscacións filosóficas e de odios viscerais lle pode molestar que nos manifestemos baixo os nosos postulados, facendo bandeira das nosas ideas, de maneira libérrima e combativa. Ninguén cunha concepción minimamente aberta e plural do que é a sociedade pode tentar criminalizar ao nacionalismo por se manifestar sinceira e respectuosamente polo que en xustiza cremos acaído para o noso país. Menos aínda cando resulta obvio que facemos nosas (porque o son) todas as demandas que outra xente poida neste debate plantexar, pasa que a maiores, sempre a maiores, queremos que Galiza exista, que Galiza decida.

Por eso non entendo esa xenreira contra o nacionalismo. Acaso non hai sectores sociais aos que tentar implicar na causa republicana para gastar folgos e enerxías en fustigar a quen dende o seu prisma fai parte da loita común? A tal punto é ficticia e interesada a polémica suscitada que en numerosas cidades e vilas se produciron manifestacións comúns. Cal é o problema?

Será tal vez que tras eses cantos oníricos á participación do nacionalismo en determinadas convocatorias non subxace un intento de lexitimación de non se sabe ben qué, ou talvez a querencia por asimilar e diluír a demanda nacionalista nun magma máis xenérico e estatal. Non deixa de ser curioso que xente que se laia da non asistencia do nacionalismo á determinada convocatoria sexa a mesma que afea a presenza de estreleiras ou elementos identificativos da causa galega en determinados actos públicos. Que liberdade é esa, a liberdade de Franco?

Outra xente enfatiza contrariada que con esta ficticia desunión temos monarquia para rato. Que perda coidado, pola xentiña que reclama na rúa unha República Galega non vai quedar. Nada máis lonxe, por demagóxico e argumentalmente insostíbel, que soster a inapetencia do nacionalismo galego pola causa republicana. E digo ben, demagóxico, insostíbel e historicamente falso:

Outras forzas políticas e sociais abrazaron a restauración borbónica que a maiores de negar a existencia do noso pobo e condenar a morte a riqueza produtiva do noso país, nos introducía na economía de mercado máis brutal e na estrutura militar máis asasina que viron os tempos ao tempo que avanzaba na pretendida construcción dunha sociedade de consumo na que se consagra que o home é un lobo para o home.

Forzas políticas e sociais distintas ao nacionalismo galego; quen queira debuxar na mente da xente un nacionalismo galego pactista, se quer accidentalista, condescendente con non se sabe que, ou minimamente distante da causa republicana, batira de fronte co legado historico do Partido Galeguista, dos Solidarios que afeaban a visita de Afonso XIII ao noso país ou co exemplo vibrante do noso exilio estentedido cabo do mundo todo.

Ainda na súa extrema febleza, derivada da dureza da represión dictatorial, nunca deixou o nacionalismo galego tirados no monte ao herois da nosa resistencia nacional contra o fascismo, como si fixeron outros en aras da Política de Reconciliación Nacional. Sábeno ben os guerrilleiros da Somoza Maior de Lemos. Sábeo a tumba do Piloto ou a familia do Foucellas. Non é o nacionalismo galego amigo da grandilocuencia nin das poses estéticas mediáticamente calculadas, é o nacionalismo neste país amigo das causas xustas, defensor das causas perdidas, pleitos imposíbeis de gañar, pero nos que confiamos firmemente vencer.

Por eso, porque creo que máis alá de lecturas simplistas e carentes de matices, moita da xente, (auténticos compañeiros e compañeiras e en moitos casos amigos e amigas) que acude a unha ou outra convocatoria, querendo elixir o sistema de ESTADO, querendo elixir a xefatura de ESTADO, entenderá sobradamente, dende unha concepción inequivocamente demócrata, que o nacionalismo galego defenda o dereito a elixir o ESTADO do que queremos tomar parte. Dende o gusto polo debate e a diversidade, seguro que falando poderemos acadar, tamén nesta loita, moitos puntos de unidade de acción e confluéncia de forzas. Vémonos na rúa!

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.