A responsabilidade da Administración polo estado da N-642

A nacional 642 discorre entre os concellos de Ribadeo e a localidade de San Cibrao cun percorrido dun total de 55 km. A partir desta última localidade pasa a converterse na LU-862 que comunica o resto de concellos da costa lucense dende Cervo ata o Vicedo.

Estas dúas estradas representan o eixe vertebrador de todo o tráfico da costa lucense e atenden á totalidade do tráfico mercantil da Mariña. Non nos atopamos ante unha zona desprovista de industria, nin de puntos de referencia a nivel autonómico e incluso estatal.

De todos é coñecida a importancia no sector primario dos portos de Burela e de Celeiro; a situación de Alcoa (antiga Alumina-Aluminio S.A.) a cal conta coa planta mais grande do estado radicada no concello de San Cibrao; unha gran cantidade de polígonos industriais practicamente presente en tódolos municipios, tendo igualmente presente que se trata dunha das zonas de Galicia que día a día está medrando no sector servizos cunha presenza cada vez máis forte do turismo, grazas en moitos casos, as múltiples ofertas coas que conta.

Ultimamente estamos a asistir o desmantelamento da rede ferroviaria que comunica todos os concellos lucenses (a liña Ferrol-Gijón) que cada vez ten un servizo mais deficiente e practicamente inoperativo polos horarios e a dispoñibilidade das conexións. O mesmo pasa cos servizos de autobuses, moitas veces tan incongruentes que so existan comunicacións co resto de Galicia tan puntualmente como dúas liñas o día con A Coruña, ou con Santiago.

O anterior evidencia o déficit de infraestrutura –se ben un feito iste que non fai falla manifestalo aquí xa que de todos é sabido– co resto da autonomía. Todo isto tendo en conta que non estamos a falar dunha zona desprovista de actividade nin cunha poboación limitada, se non cunha presenza industrial moi importante e con concellos que están medrando en poboación tentando discutir o modelo de pirámide inversa tan característico do noso territorio.

Se xa son de por si ridículas as canles de comunicación co resto da autonomía, resulta totalmente absurdo o ter unha rede de estradas coma a LU-862 e a N-642 para a distribución de todo o tráfico da costa lucense. Absurdo , que se ve acrecentado polo estado e deixamento do seu mantemento por parte da administración.

O tramo actual da 642 que discorre polos concellos de Cervo e Foz, atópase a día de hoxe con fochancas tales que non so impiden unha correcta circulación, se non que poden causar en moitos casos danos graves. Danos estes, que poden ir máis aló dos propios danos materiais causados ós vehículos pola situación da estrada, xa que en algúns tramos a gravidade do estado do firme da estradas é tal que podería ocasionar serios accidentes ou saídas da vía.

A titularidade e mantemento da N-642, corresponde ó Ministerio de Fomento mentres que o tramo da LU-862 é administrado pola Xunta de Galicia. Nesta situación, ambas administracións pecan dun deixamento evidente.

A lei de estradas 37/2015 de 29 de setembro do 2015 no seu artigo 29 sinala: “Constitúen zonas de dominio público os terreos ocupados por las propias estradas do Estado, os seus elementos funcionais e unha franxa de terreo a cada lado da vía de oito metros de anchura en autoestradas e autovías e tres metros en estradas convencionais, estradas multicarril e vías de servizo.”

Do mesmo xeito, o Real Decreto 1812/1994 de 2 de setembro por lo que se aproba o Regulamento Xeral de Carretaras, respecto ó mantemento das mesmas, sinala no seu artigo 44 que as administracións autonómicas e as corporacións locais poderán ofrecer ó Estado para obras de conservación, mellora de estradas estatais ou dalgúns dos seus tramos achegas de todo tipo e mesmo o compromiso de tomar baixo o seu cargo o seu mantemento. Feito este que evidencia en certo modo o deixamento exposto con anterioridade.

Afianzando o incumprimento das obrigacións administrativas, os artigos 48 e 49 do citado regulamento, veñen a expor que será o Estado quen como regra xeral explote directamente as estradas sendo de utilización gratuíta para o usuario, e que dita explotación implica o mantemento das mesmas.

Sinalada a desidia da administración para facerse cargo do mal estado da estrada, débese entender que a mesma pode traer consecuencias.

A responsabilidade patrimonial da administración configúrase no artigo 32 da lei 40/2015 de 1 de outubro sobre o Réxime do Sector Público e que expón: “Os particulares terán dereito a ser indemnizados polas Administracións Públicas correspondentes, de toda lesión que sufran en calquera dos seus bens e dereitos sempre que a lesión sexa consecuencia dun mal funcionamento normal ou anormal dos servizos públicos salvo nos casos de forza maior ou danos que o particular teña o deber xurídico de soportar dacordo coa lei”.

Tendo en conta as disposicións legais aducidas, é claro que aquelas persoas que sufran danos polo mal estado do firme xa sexan de nivel persoal ou material, deberán repercutilos á correspondente administración mediante reclamacións administrativas, podendo en último termo xudicializalos esixindo a pertinente responsabilidade.

En data de 4 de abril de 2018 publícase unha nota de prensa no Ministerio de Fomento por medio da cal se licita un presuposto de 2,82 millóns para a reparación de varios puntos quilométricos, sen embargo, a consecución de todo este proxecto non fai que aumentar o tempo e os danos que se podan sufrir ó transitar por ditas estradas. Queda por ver que tipo de obras se levarán a cabo para parchear unha estrada que por moito que se amañe non da solucións a unha das demandas necesarias para o territorio mariñan, que sería a creación dunha infraestrutura de estradas concorde co tráfico da zona e que puideran incrementar a actividade industrial na mesma.

Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.