En febreiro de 2009, durante o Foro Social Mundial en Belem do Pará (Brasil), tiven a sorte de formar parte da delegación internacional nun acto organizado polo Movemento dos Traballadores Rurais Sem Terra (MST) no ximnasio da Universidade Estadual Paraenese. Tratábase dun encontro de movementos sociais cos presidentes do Ecuador, Paraguai, Bolivia e Venezuela. Faltaba un quinto, o presidente Lula da Silva, excluído publicamente do antedito acto polo MST, por mor das políticas contrarias á reforma agraria que el mesmo prometera en chegando ao Planalto en 2002. Meses máis tarde, o movemento camponés, que agrupa a centos de milleiros de familias labregas en loita, decidía apoiar a Dilma Rouseff, aposta persoal de Lula, para a presidencia do país.
Un bo exemplo de como un gran movemento social pode, por unha banda ser terribelmente duro na súa crítica a un goberno e un partido; e pola outra, cando a urxencia –neste caso lectoral– o require, apoiar a ese mesmo partido para que recunque no poder
O anterior constitúe un bo exemplo de como un gran movemento social, inserido ademais na esquerda anticapitalista e na práctica da autoxestión, pode, por unha banda ser terribelmente duro na súa crítica a un goberno e un partido; e pola outra, cando a urxencia –neste caso lectoral– o require, apoiar a ese mesmo partido para que recunque no poder. E non precisamente cun apoio testemuñal, senón extremadamente participativo. Ao cabo, o MST, que non é sospeitoso de se vender a ninguén máis que ás familias dos seus acampamentos e asentamentos, dende a chegada de Lula sempre tirou de pragmatismo niso das presidenciais, e mesmo noutros asuntos públicos, por canto entende que a volta da dereita constituiría un dramático paso atrás. Os Sem Terra preocúpanse moito de deixar este aspecto ben nidio no seu discurso e non dubidan en reaxir despois con contundencia, na procura dos seus obxectivos, contra o goberno que axudaron a crear.
Un outro exemplo. O Movemento ao Socialismo (MAS) que levou a Evo Morales á presidencia foi aínda máis aló, pois non se trataba dunha organización exclusivamente política, malia que na súa orixe tivese o miúdo Movimiento al Socialismo Unzaguista (MAS-U), unha escisión da antiga Falange Socialista Boliviana. O MAS muda realmente na opción de goberno que hoxe coñecemos grazas á integración dunha amálgama de movementos –cocaleiros, mineiros, indíxenas, organizacións de mulleres– que deciden pasar á acción política despois da traumática guerra da auga de Cochabamba de 2003. Dous anos máis tarde chegarían ao goberno para refundar Bolivia nun estado plurinacional, o que tampouco impide que eses movementos ataquen duramente a xestión de Morales cando cómpre.
Sen a complicidade dos movementos sociais América latina seguiría a ser o patio traseiro do Imperio
Casos similares, dende movementos que apoian a un partido até outros que deciden constituírse eles mesmos en organización política, atopamos moitos nese cono sur que hai máis dunha década decidiu darlle unha reviravolta ao (des)equilibrio xeopolítico do planeta. Hainos no Ecuador, Paraguai, Uruguai e mesmo na Arxentina a diferentes niveis, pero sempre teñen que ver coa total implicación da esquerda social na acción política –institucional– por cuestións, digamos, de urxencia nacional… ou se cadra de fartazgo histórico. Sen a complicidade dos movementos sociais América latina seguiría a ser o patio traseiro do Imperio.
É innegábel que cada vez máis as accións da Troika na UE, cos chamados plans de austeridade, parecen debuxar un calco do acontecido alén do Atlántico na década dos ’80 e ’90
A estas alturas xa saberedes por onde quero ir. Non imos establecer un paralelismo exacto, pois os contextos de partida son ben diferentes, entre os movementos emancipatorios latinoamericanos e a Galiza nosa. Porén, é innegábel que cada vez máis as accións da Troika na UE, cos chamados plans de austeridade, parecen debuxar un calco do acontecido alén do Atlántico na década dos ’80 e ’90, con aqueles plans de axustamento estrutural dos terríbeis xemelgos –FMI e Banco Mundial– que xeraron tanta miseria, tanta destrución ambiental e a máis absoluta ausencia de democracia.
Con todo, estou por afirmar que no actual marco sociopolítico galego as poucas posibilidades de deixar á dereita sen maioría absoluta no Hórreo só pasan, como daquela en latinoamérica, por unha implicación activa e decisiva do amplo espectro da chamada esquerda social –dende os colectivos máis libertarios até moitas asociacións culturais–, emulando aquel clima Hai que Botalos que enviou a Fraga a Madrid. É nesta esquerda e non na dos partidos onde reside a verdadeira capacidade de transformación social. Eis o seu desaproveitado poder.
As poucas posibilidades de deixar á dereita sen maioría absoluta no Hórreo só pasan, como daquela en latinoamérica, por unha implicación activa e decisiva do amplo espectro da chamada esquerda social
Ao meu xuízo, os nosos tan atomizados como febles pero abofé que imprescindíbeis movementos sociais, e refírome neste punto moi especialmente a aqueles que procuran unha mudanza radical do noso modelo de sociedade, non deberían caer na tentación, entendíbel pero pouco práctica, de vivir alleos ao 21 de Outubro, por moito que rexeiten e repudien este apodrecido sistema noso e as súas inservíbeis institucións. Trátase, xa non só de dar resposta ás agresións que hogano sufrimos como persoas, como sociedade e como biosfera, porque sinceiramente poucas respostas podemos dar dende as institucións neste status quo sistémico máis aló de aliviar algunhas inxustizas, que non é pouco. Trátase máis ca nada de enfrontármonos aos do cumio da pirámide para facerlles saber que aí, no seu propio campo de batalla, tamén podemos vencer. Onde máis lles doe. E mesmo para aprenderlles que, como dirían na Lacandona, aquí o pobo manda e o goberno obedece.
A actividade destes movementos sociais antisistémicos é ben diversa e as máis das veces invisíbel, demasiado invisíbel, pero importante. Moitas estamos convencidas que son estas accións e proxectos de longo percorrido, que falan de economía social, de cooperativas integrais, de educación non formal, de finanzas éticas, de soberanía alimentar, de hortas comunitarias, de medios alternativos, de asembleas, de democracia radical, de ecoaldeas, de centros sociais, de decrecemento… ao cabo de autoxestión e desmercantilización, serán as que realmente logren mudar a nosa sociedade. Non albisco outro camiño.
Trátase de enfrontármonos aos do cumio da pirámide para facerlles saber que aí, no seu propio campo de batalla, tamén podemos vencer. E mesmo para aprenderlles que, como dirían na Lacandona, aquí o pobo manda e o goberno obedece
No entanto, o que non son quen de ver é a suposta incompatibilidade entre esta estratexia transformadora e a táctica –que non é o mesmo que estratexia– de asaltar os gobernos cando teñamos ocasión, malia que despois nos vexamos na obriga de os acurralar ao estilo do que vimos de ver o 25-S.