Desde hai 50 anos, medio século, o servizo de abastecemento e saneamento da auga de Santiago está en mans dunha empresa privada. Foi en 1971 cando a empresa AQUAGEST comezou a xestionar este servizo municipal, cun primeiro contrato por dez anos que foi renovado nos anos 80 e que gozou posteriormente de varias prórrogas, a última delas aprobada a finais de 1998 e recentemente expirada. En todo este tempo, moitas cousas teñen mudado. A primeira, o nome da empresa, rebautizada como VIAQUA despois de verse relacionada nos presuntos casos de corrupción política da trama Pokemon.
Temos a oportunidade de pararnos, estudar a situación, avaliar os elementos positivos e tamén os negativos desta xestión privatizada. A partir de aí deberíase construír un consenso de cidade sobre a mellor fórmula dun servizo público tan esencial como é o da auga
Neste momento temos a oportunidade de pararnos, estudar a situación, avaliar os elementos positivos e tamén os negativos desta xestión privatizada. A partir de aí deberíase construír un consenso de cidade sobre a mellor fórmula dun servizo público tan esencial como é o da auga. Sen embargo, o actual alcalde Xosé A. Sánchez Bugallo semella que xa tén unha decisión tomada: a de manter o modelo de xestión privada destas cinco décadas e, curiosamente, recorrendo aos mesmos argumentos que os utilizados, en 1971, por Francisco López Carballo, o alcalde franquista tamén responsable de impulsar o derrubo do edificio Castromil. O argumentario en ambos casos é similar e contén as mesmas razóns de cabeceira esgrimidas en calquera proceso privatizador, ou de mantemento destas privatizacións. O argumento central é o seguinte: “a mellora do servizo de abastecemento e saneamento de Santiago necesita unha cantidade tan elevada de investimento que as arcas públicas non o poden soportar, polo que terá que ser a empresa privada quen adiante o diñeiro en trocas da explotación do servizo”. Así se argumentou en 1971; así se argumentou, tamén, en 1998 na última prórroga do contrato con Aquagest -posteriormente fortemente cuestionada polo Tribunal de Contas- e así se argumenta no 2021.
En todo este tempo, moitas cousas teñen mudado. A primeira, o nome da empresa, rebautizada como VIAQUA despois de verse relacionada nos presuntos casos de corrupción política da trama Pokemon
Claro que, pasados 50 anos, non parece honesto querer renovar o contrato da empresa privada que xestiona a auga sen facer, antes, un balance da xestión indirecta, sen avaliar os seus resultados, sen facer unha auditoría do servizo seria e independente, ou sen ter unha auditoría económica completa que nos axude a tomar decisións. A propia traxectoria da mercantilización do servizo coloca moitos interrogantes que o actual alcalde non semella querer responder. Non se sabe cales poden ser as reservas ou temores do alcalde de Santiago a este exercicio de transparencia. Do que non hai dúbida é de que Sánchez Bugallo sempre estivo próximo e implicado na toma de decisións: primeiro como xefe de gabinete do alcalde Estévez; despois, durante as controvertidas prórrogas do contrato, como concelleiro e man dereita do rexedor; e finalmente, durante a xestión da última prórroga, como alcalde. A súa longa traxectoria municipal está vinculada aos momentos clave como a renovación e ampliación dos contratos, ás novas cesións diante da empresa e tamén ás decisións irregulares que despois foron invalidadas pola xustiza. A pasada semana, precisamente, o Pleno do Concello aprobou unha modificación orzamentaria para pagarlle á empresa unha indemnización de 500.000 € por decisións adoptadas en 2010 sendo alcalde Sánchez Bugallo.
Sería irresponsable, tras medio século de externalizacións e grandes déficits estruturais no servizo, adoptar unha decisión política unilateral por parte de Sánchez Bugallo, que obtivo un goberno en minoría.
Frente a isto, desde Compostela Aberta o que queremos é que se leve a cabo unha análise obxectiva e desprovista de preconceptos, un exercicio de transparencia que, por outra parte, xa debería estar normalizado gobernase quen gobernase. As reticencias do goberno actual do PSOE con este compromiso acompáñase dun argumento recorrente: aquel que insiste en que CA non o fixo durante o seu mandato. Saben que é un argumento falaz e que lle vai vir de volta, neste e noutros temas. O certo é que, a pesar de gobernar toda a vida en Santiago, o Partido Socialista nunca amosou realmente interese en auditar este servizo. Descoñecemos se exerceu ou non control sobre o mesmo, ou sobre a empresa, ou mesmo que tipo de control. A pesar das numerosas conversas que saíron á luz na investigación da Pokemon, este asunto non quedou esclarecido.
Compostela Aberta, pola contra, no anterior mandato tiña contituída xa unha comisión encargada de determinar a forma máis sostible e eficiente de xestionar os servizos de abastecemento de auga e saneamento e depuración de augas residuais. Unha comisión coa participación de todos os grupos políticos, que sería a que tomase a decisión despois dos pertinentes estudos e auditorías. A decisión que se tomase non ía ser unilateral dos dez concelleiros e concelleiras de Compostela Aberta -co mesmo número de actas que tén o actual goberno local- senón do conxunto da corporación, posto que súa importancia transcende o horizonte temporal dos mandatos municipais de tan só catro anos.
Hai intereses políticos indisimulados, empresas, irregularidades, beneficios do pasado e do presente que cómpre identificar e cuestionar, porque están poñendo en risco a mellor opción para Santiago
Neste camiño, por transparencia, por responsabilidade democrática, porque os poderes públicos deben estar ao servizo da xente, a xestión pública tén que saír dos despachos para escoitar e decidir o mellor. Sería irresponsable, tras medio século de externalizacións e grandes déficits estruturais no servizo, adoptar unha decisión política unilateral por parte de Sánchez Bugallo, que obtivo un goberno en minoría. Poderá ser legal, mais non é nin ético nin moral tomar unha decisión desta envergadura sen contar coa cidadanía e co consenso necesario. Sería unha opción que hipotecaría os vindeiros vinte e cinco anos, e afondaría lamentablemente na consideración da auga como mercadoría, como un obxecto de lucro, non como un dereito. Por iso pensamos que, que en Santiago auga pasada segue movendo (ou sí move) a roda do muiño. Hai intereses políticos indisimulados, empresas, irregularidades, beneficios do pasado e do presente que cómpre identificar e cuestionar, porque están poñendo en risco a mellor opción para Santiago de Compostela. E para logralo, para garantir que na xestión da auga se beneficia o conxunto da cidadanía e non só uns poucos, é preciso parar esa roda dese muíño para que deixe de moer.