A ruleta iraquí

Segundo o Iraq Body Count, un website que desde 2003 contabiliza o número de civís mortos no país árabe desde a invasión militar liderada por EUA, durante o mes de abril, un total de 891 civís iraquís morreron a causa da violencia sectaria e da vaga de atentados acaecidos na capital Bagdad e noutras cidades como Mosul e Falluja. A renovación da violencia en Iraq coincide co contexto electoral determinado polos comicios parlamentarios previstos para o 30 de abril, os primeiros que se realizan no país árabe desde a retirada militar estadounidense de 2011.

Durante o mes de abril, un total de 891 civís iraquís morreron a causa da violencia sectaria e da vaga de atentados acaecidos na capital Bagdad e noutras cidades como Mosul e Falluja

A pesar de verse desprazada da atención internacional, o acontecer iraquí recobra moderadamente a súa intensidade de cara a estes comicios. Con todo, o contexto non determina benevolentes augurios para a errática transición post-Saddam e post-retiro militar estadounidense, en gran medida pola intensificación da inseguridade e inestabilidade institucional e da notable frustración cidadá motivada por unha corrupción galopante e o degradante deterioro dos servizos públicos. Esta perspectiva incrementa a sensación de tácita fragmentación estatal, cunha identidade nacional diluída ante a preponderancia das adscricións relixiosas, tribais, étnicas e comunitarias.

A fragmentación derivada da atomización política define o curso destas eleccións

Neste escenario politicamente atomizado, a participación electoral verase igualmente contextualizada pola intensidade da violencia sectaria. Baixo o amparo dunha nova lei electoral que beneficia aos partidos minoritarios dentro dun padrón electoral estimado en 21 millóns de persoas e mais de 9.000 candidaturas, os iraquís deberán elixir 328 deputados, oito dos cales representarán ás minorías relixiosas e étnicas, entre os que destacan os kurdos, asirios e turcománs, entre outros.

 

A bipolarización xiíta

Estes comicios anuncian unha tácita bipolarización entre as dúas principais formacións que politicamente dominan á maioritaria comunidade xiíta

Con todo, a fragmentación derivada da atomización política define o curso destas eleccións. As anteriores eleccións lexislativas celebradas en 2010 fortaleceron o poder das tres principais alianzas e plataformas políticas, sendo estas a Alianza Nacional Iraquí (de confesión xiíta), a Coalición Kurda e Al Iraquiya (de confesión sunnita). De cara a estes comicios, estas coalicións preséntase fragmentadas  o cal, engadido á preponderancia dunha lei electoral que prevalece o peso político dos partidos minoritarios, anuncia un futuro Parlamento fortemente atomizado, suxeito a alianzas e coalicións de diversa índole, sen garantías claras á hora de definir a estabilidade institucional.

Por outra banda, estes comicios anuncian unha tácita bipolarización entre as dúas principais formacións que politicamente dominan á maioritaria comunidade xiíta. Unha é a coalición Estado de Dereito do actual primeiro ministro Nouri al Maliki, incluída nos pasados comicios de 2010 dentro da Alianza Nacional Iraquí. A outras é a Alianza do Cidadá, encabezada polo Consello Supremo Islámico (CSI), entre os que destacan as candidaturas do clérigo Emar al Hakim (CSI), do ex primeiro ministro Ayad Alaui (Alianza Nacional) e a do clérigo Muqtada al Sadr (Alianza Os Libres). Neste último caso, al Sadr domina un sector radical e militante xiíta, afianzado no sur de Iraq  e identificado como unha especie de “quinta columna” iraniana en Iraq.

Outras formacións que concorren son a alianza Unidos para a Reforma, liderada polo presidente do Parlamento iraquí, Osama al Nuyaifi, e a Alianza Kurda, integrada polo Partido Democrático do Kurdistán (PDK) liderado polo presidente da Rexión Autónoma do Kurdistán Iraquí (RAKI), Masud Barzani, así como a Unión Patriótica do Kurdistán (UPK), liderado polo actual presidente iraquí Jalal Talabani.

A diferenza do resto de Iraq, o Kurdistán iraquí presenta unha notable estabilidade institucional e política, factor que atrae o interese das multinacionais enerxéticas

O escenario kurdo aborda unha perspectiva singular nestes comicios, visiblemente diferente do resto de Iraq, motivada pola súa puxanza económica por mor das riquezas enerxéticas e polo influxo xeopolítico que para as comunidades kurdas en Oriente Medio (principalmente en Turquía, Siria e Irán) significa a preponderancia da RAKI como unha entidade autónoma de feito. A diferenza do resto de Iraq, o Kurdistán iraquí presenta unha notable estabilidade institucional e política, factor que atrae o interese das multinacionais enerxéticas (ExxonMobil, PetroChina, Lukoil, Royal Dutch Shell, entre outras) na explotación dos seus recursos petroleiros e incluso hidráulicos.

 

O fracaso de Washington

Iraq afronta practicamente en solitario o seu incerto futuro, con particular incidencia nas tensións sobre a súa integridade estatal, a súa estabilidade social e a gravitación de intereses externos

Sendo estas as primeiras eleccións trala retirada militar estadounidense de 2011, Iraq afronta practicamente en solitario o seu incerto futuro, con particular incidencia nas tensións sobre a súa integridade estatal, a súa estabilidade social e a gravitación de intereses externos, entre os que destaca a pulsación entre EUA e Irán.

A intensificación da violencia sectaria, a corrupción rampante e a debilidade estrutural das institucións do Iraq post-Saddam, condicionan un futuro sumamente precario para a súa estabilidade do país. Todo isto repercute e certifica o fracaso da estratexia deseñada por EUA e os seus aliados a partir da invasión militar de 2003, orientada na falaz tentativa de ofrecer ao Iraq post-Saddam como un “modelo democrático” para o mundo árabe e islámico.

Certifica o fracaso da estratexia deseñada por EUA e os seus aliados a partir da invasión militar de 2003, orientada na falaz tentativa de ofrecer ao Iraq post-Saddam como un “modelo democrático” para o mundo árabe e islámico

Con todo, a errática transición iraquí determinou unha inédita viraxe xeopolítica facultada pola inesperada concreción de intereses entre Washington e Teherán a fin de garantir un mínimo de integridade estatal e de estabilidade política en Iraq. Un factor diametralmente contrario ao proxecto hexemónico deseñado pola administración de George W. Bush desde 2003, e consistente en propiciar no país árabe un marco de contención e illamento rexional contra a veciña Irán.

O pacto nuclear subscrito por Irán e a AIEA a finais de 2013, enmarcado nunha etapa de distensión entre Washington e Teherán, definiu unha variable tan inevitable como previsible: a necesidade de contar co concurso de Irán como actor estratéxico á hora de propiciar un mínimo de estabilidade rexional. Este perspectiva fortalece as potencialidades de Teherán para fortalecer o seu peso xeopolítico rexional (Siria, Líbano, Palestina e Exipto), sen menoscabar en qué medida o ascendente peso xeopolítico iraniano repercutirá de cara aos intereses doutros actores rexionais, en especial Arabia Saudita, Catar, Israel e Turquía, tradicionais aliados estadounidenses recentemente distanciados de Washington. 

A errática transición iraquí determinou unha inédita viraxe xeopolítica facultada pola inesperada concreción de intereses entre Washington e Teherán a fin de garantir un mínimo de integridade estatal e de estabilidade política en Iraq

Con isto, a expansión a Iraq das secuelas da guerra siria, en particular a través da actividade terrorista de grupos afiliados á rede Al Qaeda así como da proliferación de combatentes e milicianos do Exército Islámico do Levante e de Iraq (EILI) dentro da comunidade sunnita (con particular incidencia na localidade iraquí de Falluja), confirma a falacia da “exemplaridade” iraquí, polarizada polos erráticos plans de Washington por pacificar un país desestruturado e fragmentado. Tomando en conta a súa escasa popularidade e como isto repercute electoralmente, a súbita aparición do EILI dentro do escenario iraquí constituíu un inesperado “aval” para Nouri al Maliki á hora de reforzar e xustificar a preponderancia das políticas de seguridade por riba dos programas sociais, preservando así a dependencia financeira e militar iraquí co respecto a Washington.

A degradación da atención estadounidense cara Iraq, confirmada pola retirada militar de 2011, sumado á preponderancia estratéxica de Washington co respecto a Asia-Pacífico, son factores que condicionan notablemente as incertezas sobre o futuro iraquí

A degradación da atención estadounidense cara Iraq, confirmada pola retirada militar de 2011, sumado á preponderancia estratéxica de Washington co respecto a Asia-Pacífico, son factores que condicionan notablemente as incertezas sobre o futuro iraquí. Unha perspectiva de degradación que Washington aparentemente amplía cara o contexto de Oriente Medio, particularmente a longo prazo ante a súa previsible autosuficiencia enerxética (petróleo de esquisto) e a consecuente redución da súa tradicional dependencia do petróleo de Oriente Medio.

Cunha estratexia de degradación de intereses que modifica diversos parámetros xeopolíticos, Washington confirma que o seu fracaso por estabilizar a Iraq é directamente proporcional ao seu cometido por pacificar a Oriente Medio.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.