“Por que falar a quen non ten oídos?...”
Jean-Paul Sartre
Poucas veces o historiador ten a oportunidade de asistir á formación por parte das clases dominantes dun bloque hexemónico coa intención de converter a súa particular visión do presente e do futuro en algo “natural”
Poucas veces o historiador ten a oportunidade de asistir á formación por parte das clases dominantes dun bloque hexemónico coa intención de converter a súa particular visión do presente e do futuro en algo “natural”, “válido” e “universalmente aceptado” por todos os galegos grazas, neste caso, á manipulación do pasado. Normalmente a formación deste tipo de bloques é froito dun proceso longo, que en Galicia pareceu pecharse en primeira instancia o pasado 20 de decembro de 2016. Foi entón cando se fixo público o convenio asinado entre a Axencia de Turismo da Xunta de Galicia, a Igrexa e a Universidade de Santiago para a creación dunha “Cátedra do Camiño de Santiago” destinada a difundir na sociedade os “valores asociados ás peregrinacións” (!?), grazas os 40.000 euros achegados pola Xunta.
O 1 de novembro de 2016 Praza Pública informaba da existencia dese convenio e puña o acento no dereito de veto que as autoridades da catedral de Santiago tiñan tanto a respecto da persoa nomeada polo reitor para facerse cargo do negocio como da posibilidade que este lles outorgaba de nomear cargos de dirección na citada cátedra.
A nova non suscitou reaccións salientábeis na USC, malia non ser un asunto menor ou anecdótico
A nova non suscitou reaccións salientábeis na USC, malia non ser un asunto menor ou anecdótico. Non o é que o reitor, cabeza visíbel dunha universidade pública, asuma o veto e a censura eclesiástica neste asunto, xa que supón que a USC empregará na súa vida académica os criterios ideolóxicos da Igrexa á hora de seleccionar o historiador escollido para xestionala, excluíndo así a tod@s aquel@s que teñen unha visión histórica crítica coas peregrinacións xacobeas e a suposta pegada que os seus valores tiveron na historia de Galicia. Tampouco o é que un reitor “progresista” acepte que os cartos públicos financien as actividades docentes que unha institución privada como a catedral de Santiago vai promover no seo da USC. E menos aínda que consinta en darlles cobertura académica á custa de socavar as bases da renovación historiográfica que a Historia experimentou en Galicia nos últimos corenta anos, após liberarse dos vellos esencialismos e valores pseudohistóricos predicados polo Franquismo e a Igrexa durante a Ditadura.
O reitor da USC e o seu consello de goberno puideron evitar todo isto, xa que foron informados do que suporía a sinatura dese convenio nunha carta que o pasado 18 de novembro lles remitiron varios profesores da Facultade de Xeografía e Historia. Malia iso, o primeiro non dubidou en ratificalo publicamente un mes despois. Un feito que non deixa de ser paradoxal nun equipo de goberno auto-cualificado de “progresista”, e xa que logo, supostamente, defensor do ensino público, laico, gratuíto e de calidade. Aínda que máis rechamante é que sexa unha reitoría “progresista” quen feche en primeira instancia o proceso de hexemonía cultural que Manuel Fraga Iribarne, antigo ministro de Información e Turismo de Franco, puxo en marcha en Galicia a mediados da década de 1960 coa axuda das clases dominantes do país. Na altura, intentaran aproveitar o Ano Santo de 1965 para converter as peregrinacións xacobeas nun evento propagandístico do réxime franquista con fins turísticos e relixiosos.
O reitor da USC e o seu consello de goberno puideron evitar todo isto, xa que foron informados do que suporía a sinatura dese convenio nunha carta que o pasado 18 de novembro lles remitiron varios profesores da Facultade de Xeografía e Historia
Xa en democracia, esta vez como presidente de Galicia, Fraga Iribarne volvía sobre ó asunto co gallo do Ano Santo de 1993, creando o Xacobeo e involucrando nel a Igrexa, os axentes económicos, as elites sociais e culturais, os medios de comunicación… En estreita colaboración con todos eles, a Xunta promoveu a celebración de actos culturais de claras implicacións políticas, ideolóxicas e turísticas. Para iso contou tamén cunha nómina de eruditos e curiosos, ós que se sumaron algúns historiadores profesionais. Así, co patrocinio da Xunta ás grandes exposicións, simposios e unha liña editorial propia, moitos deles procederon a interpretar a historia de Galicia “en clave xacobea”. Insistían pois nesa peculiar vinculación de Galicia con Europa e España que servía para alimentar ideoloxicamente a idea de autoidentificación coa que Fraga Iribarne trataba de combater a crecente inclinación dos galegos a votar en clave nacional (en 1997 un 25% dos votantes o fixo polo BNG).
No ano 2016 a estratexia conservadora deu un paso máis. Agochando a responsabilidade histórica que os gobernos do PP e as elites sociais do país teñen no deseño e fracaso das políticas económicas que causan a emigración dos nosos mozos, a Xunta acelerou desde 2011 a introdución do natalismo en Galicia. Toca pois insistir en que somos un país de vellos e en que tanto o seu futuro como o dos nosos fillos pasa indiscutibelmente polo desenvolmento do turismo. Pasa, en definitiva, por recorrer ás bases da vella política económica que Manuel Fraga Iribarne impulsara no Levante español durante a década de 1960. As peregrinacións xacobeas convértense así na cerna da “nova” política económica da Xunta e o Ano Santo de 2021 está aí, polo que cómpre darlle o contido “histórico” que a Axencia de Turismo e a catedral demandan á universidade. Neste contexto, as autoridades da USC decidiron sumarse a este peculiar proxecto de país botando man de historiadores que no seu día foron refractarios á renovación historiográfica que Galicia coñeceu. O custo científico e social desta aposta para ese mesmo país nada lles importa.
As peregrinacións xacobeas convértense así na cerna da “nova” política económica da Xunta e o Ano Santo de 2021 está aí, polo que cómpre darlle o contido “histórico” que a Axencia de Turismo e a catedral demandan á universidade
Así se conforma esa Santa Alianza. Mais é obvio que moitos historiadores profesionais nin estamos por nin participamos deste estraño negocio. Por iso o reitor e o seu consello de goberno non quixeron escoitarnos ou darnos unha explicación do franco menosprezo que amosan polo exercicio da Historia coma ciencia social ó pretender aliñala ideoloxicamente. Porén, ó facelo, non sabían que se convertían no mellor exemplo que os historiadores poderán pór ós seus alumnos acerca da capacidade crítica que posúe a Historia, ó estar en condicións de explicar, dentro e fora das aulas, os intereses que se agochan trala manipulación que esta Santa Alianza pretende facer do pasado histórico de Galicia.