O libro A saúde como negocio publicouse en galego na primavera de 2012. Dous anos despois Edicións Laiovento pensou traducilo ao castelán para distribuílo fóra de Galicia. Unha vez revisados todos os textos démonos conta de que a realidade dos feitos foi contundente. As peores predicións, anticipadas no libro, cumpríronse e foron superadas. A actuación dos gobernantes foi implacable: en tan pouco tempo, retrocedemos máis de tres décadas. Dinamitaron a lexislación vixente co funesto Real Decreto 16/2012 e iniciaron un camiño de longo percorrido cara á privatización do sistema. Detrás das decisións políticas -impostas por decreto, furtando o debate parlamentario e abusando da maioría absoluta- hai unha ideoloxía clasista que pretende recuperar unha Sanidade dualizada (aseguramento privado para os podentes, beneficencia para todos os demais), e hai tamén unha decidida intención de apropiarse dos orzamentos destinados á Sanidade pública, que hoxe representan ao redor do 40% do diñeiro das comunidades autónomas.
As peores predicións, anticipadas no libro, cumpríronse e foron superadas. A actuación dos gobernantes foi implacable: en tan pouco tempo, retrocedemos máis de tres décadas
O cambio provocado nestes anos foi tal que a maioría dos textos utilizados perderon vixencia. Por esa razón incorporáronse capítulos novos que reflicten e analizan a situación actual. La salud como negocio é, xa que logo, un libro novo, que pretende aportar luz sobre o que están facendo os gobernantes coa nosa Sanidade: executan un implacable desmantelamento do sistema público para xerar espazos de negocio ás empresas afíns e ás grandes multinacionais da Sanidade. Aporta datos e análises que reflicten a extraordinaria magnitude deste proceso, que pode deixar aos nosos sucesores sen a protección sanitaria que tanto custou construír ás xeracións precedentes e a nós mesmos.
“A este combate contra a tiranía contribúe, no laboratorio das ideas e na práctica da denuncia valente, este libro, unha obra colectiva dun grupo de profesionais comprometidos na defensa da Sanidade pública”
No prólogo do libro Xosé Manuel Beiras enmarca as actuacións dos gobernantes no contexto dunha crise sistémica global que “dota de sentido á crecente agresión contra os sistemas sanitarios públicos para abolir o dereito do cidadán común a unha Sanidade universal e gratuíta, e converter a saúde nun negocio para o capital privado, como denuncia este libro desde o mesmo título”. Contra estas actuacións é preciso que os cidadáns desencadeemos un furacán de ideas e de rebelión cívica: “a este combate contra a tiranía contribúe, no laboratorio das ideas e na práctica da denuncia valente, este libro, unha obra colectiva dun grupo de profesionais comprometidos na defensa da Sanidade pública”.
"Detrás dos recortes hai outro obxectivo: agrandar o sector privado a custa de reducir o sector público"
O profesor Vicenç Navarro recorda, na introdución do libro, que estamos vendo en España un ataque frontal á Sanidade pública, unha das conquistas sociais máis notables que conseguiron as clases populares nos anos oitenta. Afirma que "detrás dos recortes hai outro obxectivo: agrandar o sector privado a custa de reducir o sector público. Isto está a acontecer masivamente en España, respondendo aos intereses do capital financeiro que, aliado co complexo sanitario industrial, está a destruír a Sanidade Pública". Navarro considera que este libro é un dos mellores documentos que se publicaron en España sobre o que está ocorrendo na Sanidade pública: “É unha mina de información; escrito dun xeito ameno, fácil de ler e comprender, conxuga paixón e compromiso pola xustiza social cun gran rigor e credibilidade na súa documentación. É, sen dúbida, un libro que se converterá nun punto de referencia para todos aqueles movementos sociais que loitan para conseguir un mundo e unha Sanidade mellores. Debería ser unha lectura obrigatoria nas institucións de ensino do país”.