A saúde mental é sociopsicobiolóxica: entre o dereito para decidir e a necesidade de coidar

Coidar mans CC-BY-SA https://www.magnific.com/

A nova normativa sobre os ingresos involuntarios en Psiquiatría reabre un debate fundamental: como protexer a autonomía e a dignidade das persoas sen deixar desatendidas a quen atravesan unha crise grave de saúde mental

A nova normativa sobre os ingresos involuntarios en Psiquiatría reabre un debate fundamental: como protexer a autonomía e a dignidade das persoas sen deixar desatendidas a quen atravesan unha crise grave de saúde mental.

A saúde mental non pode entenderse unicamente desde a bioloxía, nin reducirse a un diagnóstico psiquiátrico ou a unha lista de síntomas. É unha realidade sociopsicobiolóxica: constrúese na interacción de factores sociais, psicolóxicos e biolóxicos que se inflúen mutuamente ao longo da vida. Desde esta perspectiva, o debate suscitado pola nova normativa española sobre os ingresos involuntarios en Psiquiatría non é só unha cuestión xurídica ou médica. É tamén un debate ético, social e político sobre como entendemos o sufrimento humano, a liberdade individual e a responsabilidade colectiva de coidar.

A Lei 4/2026, do 1 de outubro, incorpora novas garantías para as persoas con problemas de saúde mental, reforzando o consentimento informado, os apoios para a toma de decisións e a consideración das vontades anticipadas. A súa entrada en vigor, prevista para o 23 deste mes, xerou preocupación entre profesionais do sector e asociacións relacionadas coa atención en saúde mental, especialmente pola interpretación dos supostos excepcionais que permiten unha intervención involuntaria. Mentres o Ministerio de Sanidade defende que os ingresos urxentes seguen sendo posibles dentro do marco legal vixente, diversas sociedades científicas advirten de posibles dificultades para atender determinados casos graves se os criterios se interpretan de forma excesivamente restritiva (existencia dunha situación de urxencia vital). Pero, alén da controversia normativa, convén formular unha pregunta esencial: que significa coidar a unha persoa cuxa saúde mental está gravemente comprometida?

Convén formular unha pregunta esencial: que significa coidar a unha persoa cuxa saúde mental está gravemente comprometida?

O sufrimento psíquico non cabe nun diagnóstico: Cando unha persoa atravesa unha crise psiquiátrica grave, o que vemos pode ser unha conduta desorganizada, unha perda de contacto coa realidade, unha axitación intensa, un rexeitamento ao tratamento ou un risco importante para a súa propia integridade. Con todo, detrás desa manifestación clínica hai unha persoa cunha historia, uns vencellos, unhas circunstancias vitais e un corpo que tamén sofre. 

A dimensión biolóxica é innegable: Os trastornos mentais poden implicar alteracións do funcionamento cerebral, factores xenéticos, cambios hormonais, enfermidades físicas, trastornos do sono, etc. En determinadas circunstancias, o tratamento farmacolóxico e a hospitalización poden resultar necesarios para estabilizar unha crise e previr danos graves. Con todo, o biolóxico non explica por si só toda a experiencia do sufrimento. A precariedade económica, a soidade, a violencia, a discriminación, a perda de emprego ou a ausencia dunha vivenda digna poden agravar un problema de saúde mental ou dificultar considerablemente a recuperación. Á súa vez, as experiencias traumáticas, o abandono, os loitos e as relacións afectivas poden influír no modo en que unha persoa afronta unha crise e se relaciona cos servizos sanitarios. Por iso, ingresar a alguén nunha Unidade de Agudos de Psiquiatría pode ser unha medida necesaria en determinadas circunstancias, pero non equivale a resolver o conxunto das súas necesidades. A hospitalización pode conter unha emerxencia, facilitar un tratamento e ofrecer protección. Non pode, por si soa, reparar unha historia de violencia, acabar coa exclusión social ou substituír unha rede de apoio inexistente.

Se entendemos que a saúde mental é sociopsicobiolóxica, debemos asumir que a súa atención tamén ten que ser integral. A autonomía é un dereito, pero a vulnerabilidade tamén esixe respostas: Un dos principios fundamentais da atención sanitaria é o respecto á autonomía. As persoas teñen dereito a recibir información comprensible, participar nas decisións que afectan á súa saúde e expresar as súas preferencias. Ter un diagnóstico psiquiátrico non significa perder automaticamente a capacidade de decidir, nin xustifica que outras persoas substitúan sistematicamente a propia vontade. Desde este punto de vista, reforzar o consentimento informado, favorecer as decisións anticipadas e reducir as intervencións coercitivas constitúe un avance necesario. Os ingresos involuntarios, as contencións e outras medidas restritivas non deben converterse en respostas cotiás ante o sufrimento, a incomodidade da contorna ou a falta de recursos asistenciais. Pero recoñecer a autonomía tamén esixe comprender que existen crises nas que a capacidade dunha persoa para valorar a súa situación pode atoparse gravemente alterada.

Hai situacións nas que o risco é urxente e significativo, e nas que non resulta posible construír unha alternativa voluntaria eficaz a tempo. Aquí aparece o dilema máis complexo: como respectar a vontade dunha persoa sen desentendernos do seu sufrimento cando, nun momento crítico, pode non recoñecer a gravidade do que lle ocorre? Non hai unha resposta sinxela que sirva para todos os casos. Defender que calquera ingreso involuntario é sempre ilexítimo pode ignorar situacións extremas nas que se necesita unha intervención inmediata. Defender que a gravidade dun diagnóstico basta para xustificalo pode conducir, pola contra, a prácticas paternalistas que vulneren dereitos fundamentais. A resposta non debería situarse en ningún deses extremos. 

Un ingreso involuntario só pode contemplarse como unha medida excepcional, individualizada, necesaria e proporcionada, sometida a garantías legais e a revisión. Antes de recorrer a el, deben explorarse alternativas voluntarias, ofrecerse os apoios necesarios para decidir e terse en conta, cando cumpra, as preferencias expresadas previamente pola persoa. A pregunta non debería ser unicamente se podemos ingresar a alguén contra a súa vontade, senón que ocorreu para chegar a ese punto, que alternativas reais se ofreceron e como garantiremos que a intervención sexa o menos restritiva posible. 

Se entendemos que a saúde mental é sociopsicobiolóxica, debemos asumir que a súa atención tamén ten que ser integral. A autonomía é un dereito, pero a vulnerabilidade tamén esixe respostas

Esta nova normativa necesita claridade e recursos: A controversia xerada pola Lei 4/2026 pon de manifesto unha tensión real entre a protección dos dereitos e a necesidade de proporcionar unha resposta clínica eficaz ante as crises graves. Por unha banda, as novas garantías pretenden evitar que a discapacidade ou un diagnóstico se convertan, por si sos, en motivos para privar a unha persoa de liberdade ou impoñerlle tratamentos. Por outra, profesionais e familias expresaron a súa preocupación ante a posibilidade de que unha interpretación restritiva do concepto de “urxencia vital” dificulte o ingreso de persoas cuxa situación clínica requira unha intervención hospitalaria, aínda que o perigo inmediato non resulte doado de determinar (trastornos da conduta alimentaria, brotes psicóticos, etc). Esta preocupación, entendo, merece ser escoitada. Os profesionais precisan criterios claros para actuar responsablemente, e as persoas atendidas precisan saber que os seus dereitos non dependen de interpretacións arbitrarias. A incerteza normativa non beneficia a ninguén: nin a quen atravesa unha crise, nin á súa familia, nin aos equipos sanitarios. Pero sería un erro pensar que unha lei, por si soa, pode resolver as contradicións dun sistema asistencial insuficientemente dotado. Se queremos reducir os ingresos involuntarios, necesitamos alternativas reais: equipos comunitarios accesibles, seguimento intensivo nos momentos de maior vulnerabilidade, atención domiciliaria cando sexa adecuada, dispositivos de crise, psicoterapia, coordinación entre Sanidade e Servizos Sociais e apoio continuado ás familias, porque sen iso, corremos o risco de converter un principio lexítimo -reducir a coerción- nunha esixencia imposible de cumprir sen os recursos necesarios. 

Unha atención verdadeiramente integral non enfronta a pacientes, familias e profesionais. Incorpóraos a unha resposta coordinada, respectando os dereitos e as responsabilidades de cada un

Non se pode pedir que os ingresos involuntarios diminúan mentres se deixa a unha persoa sen atención comunitaria, sen seguimento clínico, sen alternativas asistenciais suficientes e sen contar coa dimensión social da saúde mental, pois adquire especial relevancia cando unha persoa atravesa unha crise grave: Con frecuencia, son os seus familiares quen detectan os primeiros cambios, acompañan ás consultas, intentan evitar situacións de risco e sosteñen o coidado cotiá. Con todo, tamén eles poden experimentar medo, esgotamento, impotencia e desprotección. Poden verse obrigados a asumir responsabilidades para as que non están preparados, sen información suficiente e sen apoio profesional continuado. Escoitar ás familias non significa concederlles automaticamente o poder de decidir pola persoa afectada. Significa recoñecer que forman parte da súa contorna e que necesitan orientación, acompañamento e recursos para coidar sen enfermar elas mesmas. Do mesmo xeito, escoitar aos pacientes esixe recoñecer que a súa voz non desaparece polo feito de necesitar axuda. Mesmo cando unha crise dificulta a toma de decisións, deben preservarse ao máximo a súa dignidade, a súa intimidade e a súa participación en todo o que sexa posible. 

A nova normativa pode ser unha oportunidade para avanzar cara a unha atención máis respectuosa, individualizada e menos coercitiva, pero ese avance dependerá de que as súas garantías se acompañen de criterios claros, recursos suficientes e alternativas asistenciais efectivas

Unha atención verdadeiramente integral non enfronta a pacientes, familias e profesionais. Incorpóraos a unha resposta coordinada, respectando os dereitos e as responsabilidades de cada un. O obxectivo debería ser que ningunha persoa chegue a unha situación límite por falta de atención temperá. Para conseguilo, non basta con regular o momento do ingreso: hai que intervir moito antes. Isto implica detectar os sinais de alarma, facilitar o acceso a profesionais, manter a continuidade asistencial e atender as condicións sociais que poden agravar o sufrimento. Implica tamén traballar sobre a soidade, a violencia, a exclusión e a precariedade, porque non todo o malestar se resolve con medicación, inda que en ocasións a medicación sexa imprescindible.

A prevención non consiste exclusivamente en identificar síntomas e prescribir tratamentos. Consiste tamén en crear condicións de vida que protexan a saúde mental e permitan recuperarse cando aparece unha crise. Unha persoa que dispón de vivenda, vínculos de confianza, ingresos suficientes e acceso a atención psicolóxica e médica conta con máis posibilidades de afrontar as súas dificultades que outra que vive illada, na pobreza ou exposta a situacións de violencia. Isto non significa que as condicións sociais expliquen todos os trastornos mentais, senón que poden contribuír decisivamente á súa aparición, evolución e recuperación. Por iso, o debate sobre os ingresos involuntarios debería conducirnos a unha reflexión máis ampla: que estamos a facer como sociedade para que as persoas reciban axuda antes de que a situación se volva insostible?

Coidar é escoitar, comprender, acompañar e, cando sexa estritamente necesario, protexer con todas as garantías. E facelo esixe lembrar que detrás de cada diagnóstico hai unha persoa, detrás de cada crise hai unha historia e detrás de cada decisión sanitaria existe unha responsabilidade colectiva

O debate sobre os ingresos involuntarios obríganos a recoñecer dous riscos que non deberiamos enfrontar entre si. O primeiro é o de exercer unha coerción innecesaria, vulnerando dereitos en nome da protección. O segundo é o de confundir o respecto á autonomía coa ausencia de intervención, deixando sen resposta a persoas que atravesan situacións de extrema gravidade. Evitar ambos riscos esixe avaliación clínica individualizada, garantías legais, decisións transparentes, participación da persoa afectada e revisión das medidas adoptadas. Tamén require profesionais de diversos ámbitos con tempo, formación e recursos, capaces de ofrecer alternativas e de acompañar a recuperación alén da fase aguda. A defensa da autonomía debe traducirse en apoios concretos para que as persoas poidan decidir, non nunha retirada da responsabilidade pública de coidar. 

O sufrimento humano non nace nin se resolve nunha soa dimensión, por iso, unha política de saúde mental coherente debe integrar o tratamento médico, a atención psicolóxica, o acompañamento social e a protección efectiva dos dereitos. A nova normativa pode ser unha oportunidade para avanzar cara a unha atención máis respectuosa, individualizada e menos coercitiva, pero ese avance dependerá de que as súas garantías se acompañen de criterios claros, recursos suficientes e alternativas asistenciais efectivas.

Coidar é escoitar, comprender, acompañar e, cando sexa estritamente necesario, protexer con todas as garantías. E facelo esixe lembrar que detrás de cada diagnóstico hai unha persoa, detrás de cada crise hai unha historia e detrás de cada decisión sanitaria existe unha responsabilidade colectiva.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.