Un día. Outro. Unha semana. Un mes. Varios meses.
Expós a túa problemática con toda a paciencia que a situación che permite. Es unha persoa maior. Tes problemas de vista e ouvido. Conducir ata o hospital resúltache problemático. Padeces do corazón e dos riles. Non recibiches a atención necesaria nin as revisións que che correspondían. Neste momento sofres unha nova afección cardíaca e consideras que deberan preocuparse por ti
Pides vez para unha consulta. Xa te chamarán. É a resposta acotío. A miúdo nin te lembras cando chamaches, desde cando tes pedida a consulta. Tes dores ás veces. Outras pasa coma co teu irmán, coa túa nai, a filla que tes estudando fóra, que teñen pendente a revisión dunha hernia, dunha úlcera, dun vulto pequeno que che saíu na boca e que non molesta. Está aí e pode que non sexa nada, pero sabes a quen lle custou a vida.
Ás veces é o corazón. Silandeiro. Tiñas unha revisión co cardiólogo, pedida desde hai ano e medio. Que xa te chamarían, dixéronche. De súpeto, nunha tarde de verán, o corazón late sen compás. Altéraste. Non sabes ben que acontece, pero atópaste mal. Pides axuda e lévante ao hospital. Tes unha arritmia. O persoal médico de urxencias prescríbeche un anticoagulante. Dinche que te ten que ver o especialista, o cardiólogo. Entón vas á fiestra correspondente. Pides a cita e a persoa que está da outra beira diche que non, que non hai citas dispoñibles, que o cardiólogo ten a lista tan, tan longa que mellor vaias directamente falar con atención ao doente.
Pides a cita e a persoa que está da outra beira diche que non, que non hai citas dispoñibles, que o cardiólogo ten a lista tan, tan longa que mellor vaias directamente falar con atención ao doente
No medio da incredulidade aínda tes tempo a reaccionar e preguntar polo resto das citas de especialidades que solicitou o teu médico de cabeceira. Dinche que todas están adiadas e non che poden dar nin unha estimación do tempo que van tardar en que te vexa calquera dos especialistas que tes pedidos, porque non teñen control sobre estas listaxes.
Tes setenta e pico, oitenta, oitenta e pico de anos. A túa mobilidade e a túa axilidade mental é reducida para chegar ao que os administradores do sistema consideran necesario. Ás veces a linguaxe que empregan, os trebellos informáticos, as numerosas fiestras, servizos e demais que tes que empregar sonche complexas dabondo para que o propio sistema che sexa de axuda.
Saes do hospital sen ningunha cita concreta e cun carro de incertezas das que a que máis destaca é que, pese a que recorriches a todos os sistemas democráticos ao teu dispór
Con todo, diríxeste a atención ao doente. Explícaslle que tes un problema cardíaco, que tes varias citas adiadas, que precisas de revisións médicas e que ninguén se está a facer cargo da túa situación. Expós a túa problemática con toda a paciencia que a situación che permite. Es unha persoa maior. Tes problemas de vista e ouvido. Conducir ata o hospital resúltache problemático. Padeces do corazón e dos riles. Non recibiches a atención necesaria nin as revisións que che correspondían. Neste momento sofres unha nova afección cardíaca e consideras que deberan preocuparse por ti.
Mágoa non ser un relato de ficción. Que a día de hoxe, case mes e medio despois de ter sufrido un problema cardíaco e de preto de dous anos coas citas do cardiólogo solicitadas, o meu pai non ten nin tivo a súa revisión co especialista
A persoa que te atende, moi amábel, empatiza contigo e considera que tes razón e que vai mirar de poñer o tema nas mans de quen corresponda por mirar de axilizalo. Considera que non deberas estar así. Porén nin é capaz de concretarche data, nin posibilidade de atención, nin atende concretamente a ningunha das queixas que formulas. Porque, afirma, non pode. A dotación de persoal non está na súa man e que haxa máis ou menos médicos corresponde a outro gabinete ao que nin esta persoa nin ti podedes acceder. A xerencia da túa área sanitaria está cada vez máis lonxe e xa non sabes moi ben a quen dirixirte.
Saes do hospital sen ningunha cita concreta e cun carro de incertezas das que a que máis destaca é que, pese a que recorriches a todos os sistemas democráticos ao teu dispór (hai algún máis, pero coa túa pensión da agraria non alcanzas para avogados), ninguén che garante que vaias obter a cobertura ás túas necesidades médicas ás que, en teoría tes dereito.
Mentres, na Mariña de Lugo seguiremos sen cardiólogo e cun hospital infradotado, nunha comarca deprimida. Seguro que despois botaremos as mans á cabeza. Porque temos comarcas enteiras sen servizos, abandonadas, avellentadas, sen investimento nin actividade económica
Mágoa non ser un relato de ficción. Que a día de hoxe, case mes e medio despois de ter sufrido un problema cardíaco e de preto de dous anos coas citas do cardiólogo solicitadas, o meu pai non ten nin tivo a súa revisión co especialista. Que no hospital da Costa, en Burela, non é o único caso que ten adiadas as citas nesta e noutras especialidades. Que non sabemos moi ben que facer e que nos falta información e recursos. Que os responsables da política sanitaria galega, non van deixar de dar axudas a medios que narran as bondades do sistema que puxeron en marcha e que ocultan sistematicamente a problemática das listas de agarda. Mentres, na Mariña de Lugo seguiremos sen cardiólogo e cun hospital infradotado, nunha comarca deprimida. Seguro que despois botaremos as mans á cabeza. Porque temos comarcas enteiras sen servizos, abandonadas, avellentadas, sen investimento nin actividade económica. Comarcas nas que cada certo tempo algún adxectivo (a Galiza profunda, lembrades?) se encarga de cualificarnos e mesmo cargarnos a responsabilidade dos problemas que produce a xestión da propia Xunta. Arderemos, sufriremos a falta de medios nas residencias da terceira idade, quedaremos sen pediatras, sen atención á diversidade, sen comunicacións. Dirán, tamén, que a culpa tena o rural, que vota mal. Claro.
Parvos, se non teñen pan que coman doces.