A dereita española e catalá son a mesma cousa. Gobernan para beneficiar ás elites e deixan medrar espazos de corrupción arredor dos seus postos de mando
A dereita española e catalá son a mesma cousa. Gobernan para beneficiar ás elites e deixan medrar espazos de corrupción arredor dos seus postos de mando. As tramas de corruptela do PP, diseminadas por todo o Estado como unha rede de cloacas, non son diferentes das utilizadas pola familia Pujol e os seus herdeiros, que tamén cobran comisións e levan o diñeiro a paraísos fiscais.
Nos últimos tempos ambas faccións dirixentes están a axitar as bandeiras e tentan inxectar na poboación a ira patriótica, como se a causa dos seus males fose a cuestión territorial e non as políticas aplicadas por eles mesmos. Rajoy desde Madrid e Mas desde Barcelona están a levantar barricadas (en lugar de tender pontes), e tentan alimentar a xenreira mutua. Actúan como dous radicais que estimulan o conflito. O primeiro declárase firme defensor da unidade patria e o segundo fala do “espolio” que xustificaría a secesión. Cunha frivolidade extraordinaria alentan a confrontación (da que obteñen rédito electoral), sen reparar nas consecuencias negativas que esta estratexia poida provocar; porque hai dinámicas que, unha vez iniciadas, son difíciles de frear e poden quedar fora de control. Uns e outros, vaidosos e irresponsables, incrementan a agresividade dialéctica e as acusacións, en lugar de abrir espazos de diálogo que permitan buscar acordos e evitar a confrontación.
No verán de 2011 tiven a oportunidade de visitar ese territorio. A paisaxe de Croacia é impresionante. Pero vin outras cousas que me deixaron unha fonda pegada
Aínda que a situación política e histórica non é a mesma, esta escalada na belixerancia territorial faime pensar na antiga Iugoslavia, xeografía castigada por unha guerra brutal (1991-1995), que deixou 130 mil mortos e milleiros de desprazados. A declaración da independencia de Croacia foi o inicio desta cruel confrontación. Meses antes dese inferno ninguén agardaba a chegada de tanta brutalidade: Iugoslavia estaba a piques de ingresar na Unión Europea. Esa guerra deixou feridas que tardarán décadas en cicatrizar e fragmentou o país en sete estados soberanos con conflitos enquistados moi difíciles de resolver.
No verán de 2011 tiven a oportunidade de visitar ese territorio. A paisaxe de Croacia é impresionante. Pero vin outras cousas que me deixaron unha fonda pegada. No seu día escribín: “En Mostar vin xardíns e parques infantís invadidos polas tumbas dos mozos sacrificados naquela guerra. Vin casas destruídas e os impactos das balas nas paredes. Souben que, tantos anos despois, miles de persoas seguían sen fogar e moitos non volveron cruzar a ponte que separa a cidade en dúas partes. En Split vin unha competición deportiva que enfrontaba a mozos mutilados nun peculiar partido de voleibol. Os fillos do pobo, amputados e arrastrados polo chan, mentres as elites económicas e políticas amasaron fortunas cos negocios da guerra”.
É preciso expulsar aos actuais ocupantes do poder, que poñen os seus intereses particulares por enriba do ben común, mesmo xogando co risco dun enfrontamento entre irmáns
Se cadra o meu temor carece de fundamento. Pero ás veces só é preciso unha chispa para prender o lume. Segundo os historiadores a morte de José Calvo Sotelo foi o detonante principal para o levantamento militar e o inicio da guerra civil española. As circunstancias son ben diferentes mais, con todo, este país precisa, con urxencia, un cambio radical na súa política. Cómpre desterrar esta dialéctica de agresión continua, é necesario levantar pontes que permitan a aproximación e crear espazos de negociación para construír unha convivencia civilizada. É preciso expulsar aos actuais ocupantes do poder, que poñen os seus intereses particulares por enriba do ben común, mesmo xogando co risco dun enfrontamento entre irmáns.