A segunda derrota da República

Proclamación da Segunda República en Madrid o 14 de abril de 1931 Dominio Público

A nacente República recolleu da Restauración borbónica (1874-1931) unha herdanza viciada: o caciquismo, o atraso económico, o bipartidismo centralista e o analfabetismo xeneralizado

Asistimos nestes días á conmemoración dos noventa anos da proclamación da Segunda República. A bandeira tricolor foi izada aquel 14 de abril na balconada do concello guipuscoano de Eibar horas antes do anuncio oficial na Porta do Sol, en Madrid, entón sede do Ministerio de Gobernación. Comezaba así unha andaina ateigada de esperanza e ilusión, a primeira experiencia xenuinamente democrática na historia do Estado español e, ademais, a maior tentativa modernizadora das estruturas económicas, sociais e culturais xamais vista até entón naquel país atrasado no ancoradoiro do século XIX.

A nacente República recolleu da Restauración borbónica (1874-1931) –e da súa Constitución de 1876– unha herdanza viciada: o caciquismo, o atraso económico, o bipartidismo centralista e o analfabetismo xeneralizado representaron os sinais de identidade dos reinados de Alfonso XII, a rexencia de María Cristina, Alfonso XIII e, ao fin, a ditadura de Primo de Rivera. Por outro lado, o contexto histórico xurdido en Europa tras a finalización da I Guerra Mundial e o avance do ideario fascista tampouco axudaron no percorrido do novo réxime republicano. 

A Segunda República deu inicio a unha etapa de cambio marcado polos avances democráticos e as conquistas sociais

Así, todas as repúblicas instauradas en Europa entre 1915 e 1933, agás a irlandesa, acabaron nun pronunciamento militar ou nun golpe de Estado de corte fascista. Tamén foi o caso da española. Porén, neste último, a subsistencia da ditadura e a extrema e dilatada represión resultaron excepcionais. Aquela represión, estruturada, planificada e executada dende o inicio mesmo da sublevación militar, non se detivo até a morte do xeneral Franco e representou a base fundamental na que se sostivo o seu réxime durante catro abafantes décadas.

A Segunda República deu inicio a unha etapa de cambio marcado polos avances democráticos e as conquistas sociais. Coas súas luces e as súas sombras, o réxime republicano promoveu a modernización do Exército, inchazo de xenerais tras o seu paso pola guerra en Marrocos; impulsou a separación Igrexa-Estado, un feito normalizador para calquera sociedade moderna; decretou unha lexislación laboral baseada na protección dos dereitos dos traballadores e redistribuíndo a propiedade da terra baldía, malia a ostensiva oposición do terratenente rural e o seu Queredes terra? Comede República!; e, para finalizar, a República avogou polo ensino público e a alfabetización nun país onde case un 40% da súa poboación non sabía ler nin escribir: a loita contra o analfabetismo, crían, asentaría o réxime republicano e o sistema democrático, pois pensaban nun país de cidadáns instruídos, con pensamento crítico propio e, en consecuencia, difíciles de manipular e amedrentar. 

Triunfou a idea de que, máis pronto que tarde, a República remataría nunha guerra civil. Ou propagando a teoría do 50%, segundo a cal todos foron culpábeis, e todos en idéntica medida, do horror do estoupido armado

Como era de supoñer, as tensións dos antagonismos sociais, sempre latexantes, saltaron axiña: católicos/anticlericais, patróns/traballadores, orde/revolución. Naquel perigoso xogo de estratexias, o rol da Igrexa católica resultou fundamental. Con independencia da intransixencia do cardeal Segura ou do arcebispo Vidal i Barraquer, a realidade foi que os representantes do clero argallaron a través das súas organizacións civís unha feroz ofensiva para deter o proxecto de laicismo defendido polas autoridades republicanas. Un proxecto recollido na Lei de Confesións e Congregacións relixiosas que, ademais, atentaba contra o secular privilexio que sobre o ensino e a educación mantiñan os integrantes do clero español dende sempre e que, coa vitoria franquista, retomaron e incrementaron naquela España nacional-católica e beata.

Tivo que ser un golpe de Estado en xullo de 1936 (e non foi o primeiro intento) o que se levara por diante aquelas arelas republicanas de liberdade, tolerancia e democracia. O fracaso daquel punch afundiu ao país nunha contenda bélica que duraría tres anos e levaría ao Estado español ao desastre máis absoluto. Foi a primeira derrota da República. A nova e segunda mallada acontece na actualidade e leva entre nós moito tempo, terxiversando un período histórico a base tópicos e falsidades que responden a uns intereses ben definidos: debuxar un réxime republicano bolchevizado, incapaz, belixerante contras os valores tradicionais e condenado dende o primeiro día ao fracaso. Así, triunfou a idea de que, máis pronto que tarde, a República remataría nunha guerra civil. Ou propagando a teoría do 50%, segundo a cal todos foron culpábeis, e todos en idéntica medida, do horror do estoupido armado.

Naquela espiral tamén participou certa esquerda política que, ollando cara outro lado, deixou desamparada a toda unha xeración de homes e mulleres que loitaban por un país máis solidario, democrático e soberano. Aquí reside a segunda derrota da República

A esa imaxe negativa dunha República condenada ao fracaso dende o primeiro día colaborou (e colabora) con entusiasmo unha lexión de “historiadores”, que nin son tal nin escriben historia. O obxectivo final deses revisionistas consiste en colocar uns parénteses na curta etapa republicana, exaltar a idolatrada Transición como o único momento histórico onde a democracia creceu e se desenvolveu e, como remate, branquear ou maquillar a memoria democrática en aspectos relativos á represión ou o exilio. E, xa de paso, esquivar as posíbeis responsabilidades dos principais actores protagonistas da etapa franquista converténdoos, dun día para outro, en veteranos demócratas convencidos. Pero o certo é que aquela historiografía compracente non cesa de repetir estereotipos e imaxes fixadas polo vello aparato franquista de propaganda, agora disimulado nunha suposta praxe histórica que manexa as fontes documentais segundo conveña aos fins predeterminados.

E para colmo, os poderes públicos xamais quixeron saber ren de conceptos básicos para a verdadeira reconciliación: nin verdade, nin xustiza nin reparación asomaron para consolo das vítimas da Guerra Civil e a ditadura. O peor, con todo, foi que naquela espiral tamén participou certa esquerda política que, ollando cara outro lado, deixou desamparada a toda unha xeración de homes e mulleres que loitaban por un país máis solidario, democrático e soberano. Aquí reside a segunda derrota da República.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.